cando chove e raia o sol…viravoltatiteres.com/userfiles/pdfs/didactica.pdfhaberá que aproveitar...

39
CANDO CHOVE E RAIA O SOL… Unha proposta didáctica arredor do espectáculo de : “Viravolta Títeres” Magdalena de Rojas Silva

Upload: phungliem

Post on 14-May-2018

219 views

Category:

Documents


2 download

TRANSCRIPT

Page 1: CANDO CHOVE E RAIA O SOL…viravoltatiteres.com/UserFiles/pdfs/didactica.pdfHaberá que aproveitar todos os minutos porque todos os refráns gardan tanta información en tan poucas

CANDO CHOVE E RAIA O SOL… Unha proposta didáctica arredor do espectáculo de :

“Viravolta Títeres”

Magdalena de Rojas Silva

Page 2: CANDO CHOVE E RAIA O SOL…viravoltatiteres.com/UserFiles/pdfs/didactica.pdfHaberá que aproveitar todos os minutos porque todos os refráns gardan tanta información en tan poucas

ÍNDICE CANDO CHOVE E RAIA O SOL... Páx. 3 Unha proposta didáctica NO REFRANEIRO… Páx. 4 No que se describen actividades artelladas en torno aos refráns e ao calendario

A CHOIVA, O VENTO E O TRONO Páx. 8 No que se propón a realización de experiencias relacionadas cos sons da natureza

BISAGRAS NOS XEONLLOS, FÍOS NAS MANS Páx. 11 No que se achegan unha serie de recursos sobre a construción dos monicreques e o teatriño

ALGUNHAS REFERENCIAS NA REDE Páx. 14 ANEXO Fichas 1-13

Page 3: CANDO CHOVE E RAIA O SOL…viravoltatiteres.com/UserFiles/pdfs/didactica.pdfHaberá que aproveitar todos os minutos porque todos os refráns gardan tanta información en tan poucas

3

CANDO CHOVE E RAIA O SOL... Unha proposta didáctica. Un terrible accidente na casa do señor Calendario trae desastrosas consecuencias no teatriño de Cando chove e raia o sol... O calendario está estrado polo chan, o tempo anda revolto e as estacións, toliñas da cabeza. A señorita Primavera pasea alegremente cunha máscara de entroido, o señor Verán patina sobre xeo cunha cabaza de Samaín a modo de casco, o señor Outono leva sobre o corpo un maio florido e fermoso e o señor Inverno salta a cacharela de San Xoán... a situación é extremadamente grave. Martiño e Rigoleto acoden á casa do señor Calendario para arranxar esta desfeita. Axudados por refráns e cancións que actúan coma palabras máxicas, tentarán poñer cada mes no seu lugar para que as cousas sexan como teñen que ser. Esta proposta didáctica está pensada para achegarlle unha serie de actividades e recursos ao profesorado interesado en traballar nas aulas arredor desta nova produción da Compañía Viravolta. Preséntase dividida en tres bloques cunha serie de fichas asociadas a cada un deles: NO REFRANEIRO...: no que se describen actividades artelladas en

torno aos refráns e ao calendario. Rigoleto é o encargado de presentarlles aos nenos os contidos máis refraneiros.

A CHOIVA, O VENTO E O TRONO: no que se propón a realización de experiencias relacionadas cos sons da natureza. Martiño fai aquí o papel de presentador.

BISAGRAS NOS XEONLLOS, FÍOS NAS MANS: no que se achegan unha serie de recursos sobre a construción dos monicreques e do teatriño. O señor Calendario é agora o perfecto anfitrión.

Dependendo do momento do curso escolar no que se leve a cabo o proxecto de traballo haberá que modificar as liñas de actuación propostas nos bloques de actividades. Cada estación ten o seu tempo, os seus meses, os seus refráns, as súas festas e uns fenómenos meteoróloxicos propios das súas datas. Escolleuse aquí facer propostas de carácter aberto para que o profesorado poida elixir aquelas que considere máis axeitadas ao seu grupo de alumnos e adaptar aqueloutras que estean máis relacionadas coa estación do ano na que se desenvolva o traballo. Danse nalgún caso orientacións sobre o momento axeitado para presentar algúns dos materiais, isto é, antes ou despois de ter asistido á función. Achéganse por último algunhas referencias de recursos na rede que poden resultar de interese para a realización destas e outras actividades relacionadas con este proxecto que poidan xurdir no traballo cos nenos.

Page 4: CANDO CHOVE E RAIA O SOL…viravoltatiteres.com/UserFiles/pdfs/didactica.pdfHaberá que aproveitar todos os minutos porque todos os refráns gardan tanta información en tan poucas

4

NO REFRANEIRO... Dos vellos, os consellos. Antes de Meteogalicia, estaban os refráns. Observar o tempo durante anos e anos dá para facer prognósticos atinados; o comportamento dalgúns animais, o tipo de nubes ou a presenza delas en certos lugares, a dirección do vento... achegan pistas importantes na predicción do tempo que aparecen recollidas nalgúns refráns. O calendario, os meses do ano, compoñen un corpus con papel protagonista no refraneiro. Asociados ao clima, ás estacións, ás festas propias de cada momento do ano ou ás tarefas do campo, enriquecen un calendario aínda vixente. En CANDO CHOVE E RAIA O SOL, refráns e cancións actúan coma palabras máxicas que axudan a poñer orde na desfeita dun calendario de teatriño. Aínda que a habilidade para asociar un refrán a unha situación concreta require de certa experiencia vivida, certo é tamén que os nenos teñen unha antena especial para percibir a maxia das palabras. Na infancia hai querencia pola rima, pola métrica e a musicalidade, pola brevidade, polo misterio que agochan algunhas palabras vellas e polas palabras refraneiras dos vellos. Consignar o paso do tempo no calendario, os días , as semanas, os meses do ano, as características de cada estación, a observación e rexistro do tempo meteorolóxico, sinalar acontecementos e festas importantes... son actividades moi presentes nas rutinas escolares. Poñer a data é, de luns a venres, o tiro de saída de cada xornada. A serie de actividades que se propoñen a continuación está artellada en torno ao calendario e aos refráns relacionados con este tema. A pretensión é achegar unhas liñas de actuación doadas de integrar nas rutinas e estilo de traballo que se utiliza cos nenos destas idades na maior parte parte dos centros escolares. Son propostas abertas que haberá que remexer, alterar, desordenar e colocar atendendo ao gusto e ritmo de cada aula e aos intereses do momento do curso en que se leve a cabo o proxecto. Refráns para todo o ano. Xaneiro, xiadeiro Febreiro, fervedeiro Marzo, pelarzo En abril, augas mil Maio pardo San Xoan claro valen máis cós bois e o carro.

Page 5: CANDO CHOVE E RAIA O SOL…viravoltatiteres.com/UserFiles/pdfs/didactica.pdfHaberá que aproveitar todos os minutos porque todos os refráns gardan tanta información en tan poucas

5

A proposta é facer unha recolleita de refráns relacionados co tempo e o calendario. O ideal sería empezar en setembro e ir desenvolvendo o proceso ao longo do curso escolar pero tamén se pode realizar en tempos máis reducidos e facela cadrar, por exemplo, cos meses máis refraneiros. Estas son algunhas ideas sobre como planificar este proxecto cos pequenos: Unha colleita de refráns: Seguir a dinámica propia do “libro viaxeiro” é

unha maneira moi doada de colectivizar o traballo. Achéganse con esta unidade didáctica uns modelos de fichas (nº 1, 2 e3) cos que habería que preparar un caderno que logo, fose circulando de casa en casa para recoller refráns entre as familias dos nenos.

Á procura de libros refraneiros: Focalizar o traballo na biblioteca escolar axudará a promocionar este proxecto dentro da comunidade. A implicación de nenos doutras idades e mesmo, a súa colaboración activa en momentos puntuais do traballo pode resultar moi enriquecedora. De todos os xeitos, son recomendables as visitas periódicas á biblioteca para busca documental arredor da recolleita de refráns.

Contando e recontando: O material recollido pedirá con toda seguridade facer comparativas. Descubrir cales son os refráns máis comúns, as súas variantes, os meses máis refraneiros, o hit parade de fenómenos meteorolóxicos asociados a refráns, investigar significados escuros... Se na biblioteca escolar está en marcha un blog pódese botar man dese recurso para publicar comentarios.

Un refrán a catro mans: Contar co Equipo de Normalización Lingüística do centro pode facilitar a comunicación do traballo realizado. Ademais da revista escolar na que se pode publicar unha reportaxe sobre a recolleita, en moitos colexios edítanse calendarios e a ocasión sería moi apropiada para facelo co tema dos refráns. ¿Por que non argallar unha sesión de ilustración colectiva na que estarían invitados os maiores da casa a pintar cos pequenos? Un maior e un pequeno, xuntos a pintar... para logo, entre todos compoñer un calendario de refráns.

Refráns para un mes calquera. Lúa nova con tronada, trinta días de mollada. A proposta é sinxela, trátase de complementar as rutinas cotiás que se realizan no calendario coa observación e rexistro das fases da lúa e do tempo meteorolóxico ao longo das catro semanas. Cada neno terá o modelo de ficha que se achega no anexo (nº4, mellor en formato A3) no que haberá que, en primeiro lugar, poñer o nome do mes elexido para esta actividade. Cada día irán cubrindo o número correspondente e consignando o tempo usando os signos propios da meteoroloxía. Prestarase especial atención aos días en que cambie a lúa. É doado atopar en internet un calendario de lúas e pode resultar moi motivante contar con el na realización desta tarefa. Animar os nenos a facer observacións nocturnas é un bo xeito de

Page 6: CANDO CHOVE E RAIA O SOL…viravoltatiteres.com/UserFiles/pdfs/didactica.pdfHaberá que aproveitar todos os minutos porque todos os refráns gardan tanta información en tan poucas

6

completar esta actividade. Facer unha pequena investigación sobre a orixe dos nomes dos días da semana, sería un complemento moi interesante. Ao longo das catro semanas irase engadindo a lista de refráns do mes (tamén os asociados coa lúa) e, ao remate, farase un reconto dos días de choiva e dos soleados, asunto do que os pequenos están moi pendentes porque condiciona moito os recreos. Como veremos en CANDO CHOVE E RAIA O SOL, o tempo ás veces tolea; será cousa de pensar entre todos se o resultado é propio da estación. Refráns para unha semana escolar. Cada martes ten a súa semana. A partir da estrutura do coñecido refrán En martes nin cases nin te embarques, proporase a creación de refráns para os outros días da semana escolar (ficha nº 5) No caso dos máis pequenos é recomendable realizar esta actividade de xeito colectivo e, de todos os xeitos, convén facer unha especie de quecemento con xogos de rima e ritmo. Calquera ladaíña pode axudar a abrir os oídos pero hai xogos preparatorios moi eficaces en cuestións de rima. Por exemplo, unha frase sinxela á que lle imos engadindo atributos, intercalando sempre a mesma palabra na que modificamos a terminación segundo a rima que precisemos: Teño unha cama Titiritaina, titiritana Coas patas rompidas Titiritaina, titiritidas Coa manta de cadros Titiritaina, titiritadros E máis non che conto Titiritaina, titiritonto. Probablemente haberá que mandar calar os nenos... Para volver a empezar con, por exemplo: Marchei o luns, titiritaina, titiritúns... Refrán para un día especial. Cando chove e raia o sol... Cando se vaia achegando o día de asistir á función, sinalarase a data no calendario como se adoita facer coas saídas e días importantes. Este é o momento indicado para realizar unha serie de actividades previas ao evento: Ser público require un pouco de preparación: haberá que lembrar entre

todos as normas de comportamento nun espectáculo.

Page 7: CANDO CHOVE E RAIA O SOL…viravoltatiteres.com/UserFiles/pdfs/didactica.pdfHaberá que aproveitar todos os minutos porque todos os refráns gardan tanta información en tan poucas

7

¿Pero que imos ver?: visitar a páxina web de VIRAVOLTA é unha boa maneira de presentarlles aos nenos CANDO CHOVE E RAIA O SOL. Explorando a páxina poderán ver o cartel da función, algún video doutras montaxes, fotos dos titiriteiros...

Con toda esta información terán xa algunha pista para anticipar algo da historia e do espectáculo, coma calquera público ben informado.

Refrán para unha mañá soleada. O sol no inverno sae tarde e ponse cedo. Precísase para esta actividade dunha mañá soleada porque a proposta é facer un reloxo de sol (ver imaxes na ficha nº 6) Observar por onde dá o sol da mañá no colexio, como van cambiando as sombras a medida que avanza o día e, no caso de que se repita a actividade en diferentes momentos do curso, observar como cambian as marcas das sombras dunha estación a outra, é unha experiencia que dá moito xogo. Tanto que pode abrir un novo proxecto de traballo relacionado coa astronomía. Tamén hai refráns para isto. Refrán para unha hora. O tempo e o diñeiro corren a paso lixeiro. Haberá que aproveitar todos os minutos porque todos os refráns gardan tanta información en tan poucas palabras que, deles, xorden mil posibilidades. A proposta é sobre Por San Martiño, trompos ao camiño pero, traballar durante unha sesión arredor dun refrán, é unha actividade adaptable a calquera día sinalado do calendario. Hai un refrán para cada festa. A idea é facer unha sesión conxunta de nenos maiores e pequenos na que os máis expertos fagan demostracións do baile dos trompos. Os máis pequenos poderán ver en que consiste este xogo tradicional que, puntualmente, volve cada ano e probar a soltar os dedos con buxainas. Ao remate da sesión poden plasmar a actividade nun debuxo (ficha nº7) Refrán para tres segundos. Dos vellos, os consellos. Ou calquera refrán que sexamos quen de dicir en poucos segundos. No momento axeitado, como non, pero para iso fai falla ter vivido e os pequenos están empezando a camiñar. Os maiores estamos aí, pretiño, para achegarlles estas e outras palabras.

Page 8: CANDO CHOVE E RAIA O SOL…viravoltatiteres.com/UserFiles/pdfs/didactica.pdfHaberá que aproveitar todos os minutos porque todos os refráns gardan tanta información en tan poucas

8

A CHOIVA, O VENTO E O TRONO. Choiva, vento, treboada... o vento a bater unha porta, o vento asubiando polas fendas dunha fiestra, o vento que fai borboriñar as follas das árbores, o vento a compoñer un infinito catálogo de sons no seu camiño mundo adiante. Os sons da natureza e outros máis domésticos, adoitan estar presentes no teatro como parte importante da banda sonora de calquera espectáculo. Ademais das músicas hai todo un repertorio de efectos de son que axudan a crear o ambiente que mellor lle acae a cada historia. En CANDO CHOVE E RAIA O SOL... elementos da natureza, coma os fenómenos meteorolóxicos, teñen unha clara presenza tanto no asunto da historia coma na partitura paralela da proposta escénica que arroupa esta aventura na casa do señor Calendario. Neste espectáculo a música en directo dun acordeón está acompañada doutros recursos sonoros coma unha máquina de tronos que reproduce o son dunha treboada. Hoxe en día as baterías de sons dixitalizados achegan un amplísimo catálogo de posibilidades sonoras e o seu uso está moi extendido. Pero dando un pequeno paso atrás no tempo resulta inevitable lembrar toda unha serie de máquinas de efectos de son cunha longa tradición no mundo do teatro. Algunhas destas máquinas e moitos trucos, feitos con materiais sinxelos e doados de atopar, eran usados tamén na radio ata non hai moito. Se no capítulo 68 dunha radionovela unha treboada provoca un súpeto incendio na mansión dos arruinados protagonistas, hai que ter a man unha prancha de metal para facer os tronos. Para engadir dramatismo e crear a ilusión auditiva dun incendio, só hai que achegar, ao tempo que se manipula entre os dedos, un pouco de papel de celofán ao micrófono; para engachar ao radioínte definitivamente abonda co son duns cristais rotos xusto antes do “continuará”. Evidentemente non é preciso romper os vidros da ventá con cada fatalidade, capítulo tras capítulo; hai unha máquina especial que consiste nunha caixa de madeira, un botón de aceiro que rompe o cristal e unha bandexa que recolle os anacos. VIRAVOLTA xoga neste espectáculo con efectos de son e con cancións para lle axudar ao señor Calendario a poñer orde na súa casa e arranxar o desgoberno estacional no que andan primavera, verán, outono e inverno. Como os nenos sempre están ben dispostos para o xogo e a experimentación, a proposta deste apartado xira arredor de efectos de son que imitan a natureza e que se poden producir con instrumentos e materiais sinxelos. Remata este bloque cunha actividade centrada na canción principal da montaxe. Auga.

A auga na natureza produce un amplo repertorio de sons. A auga da choiva ou a auga en movemento dos ríos, das fontes, das mareas, teñen un cantar inconfundible. Os nenos saberán recoñecelo porque este é o país das choivas.

Page 9: CANDO CHOVE E RAIA O SOL…viravoltatiteres.com/UserFiles/pdfs/didactica.pdfHaberá que aproveitar todos os minutos porque todos os refráns gardan tanta información en tan poucas

9

UN PAO DE CHOIVA: con tubos de cartón, mondadentes finos de madeira, arroz ou sementes e un punzón pódese construir un instrumento que imita o son da choiva. É moi doado e na rede pódense atopar facilmente secuencias con imaxes que explican, paso a paso, o proceso. A proposta aquí é facelo de xeito colectivo para logo decoralo da maneira que se decida no grupo de nenos, complementando a decoración coas imaxes da ficha nº9

UNHA CHUVIEIRA NAS MANS: pousar índice e corazón dunha man sobre a palma da outra é a posición de saída deste xogo de imitación. Bater palmas deste xeito aumentando progresivamente a intensidade e a velocidade, produce un son similar a unha choiva forte de outono ou de inverno. Para parar de chover, non hai máis que ir parando de bater pouco a pouco e cada vez máis suave. Xa está, nunca choveu que non escampase que diría Rigoleto.

A MAREA NO PANDEIRO: para poñer o mar no colo só hai que abrazar o pandeiro e pousar as xemas dos dedos no coiro. Facendo un movemento circular co brazo, máis lento na subida e máis rápido e enérxico na baixada, resulta un son moi semellante ao das ondas na beira do mar. Tamén se pode facer coas vasoiras na caixa dun tambor.

Aire.

O aire en movemento produce vento e son. O vento compón a súa sinfonía interactuando con outros elementos da natureza; é capaz mesmo de asubiar cando penetra por ocos e fendas e o aire vibra neses espazos pequenos. A gran familia de instrumentos de vento comparte esta dinámica orixinal. TUBO DE VENTO: cun metro de tubo de plástico estriado, dese que se

utiliza nas obras para pasar os cables, pódense producir asubíos desde máis graves ata máis agudos de xeito moi sinxelo. Só hai que coller o tubo por un dos extremos, sen tapar a boca para permitir que circule o aire, e efectuar un movemento amplio e circular co brazo. Este movemento faise ou ben a un lateral do corpo ou ben por riba da cabeza. O son será máis grave canto máis lento sexa o movemento e, máis agudo, canto máis rápido e enérxico. Combinando movemento e son de dous tubos resultarán secuencias de asubíos curiosas. Despois de xogar un pouco pódese tratar de que os nenos asocien estes sons a fenómenos da natureza ou a diferentes matices de vento.

OS ASUBÍOS DOS PAXAROS: existe un tipo de asubío tradicional feito en barro coa forma dun paxaro que sería interesante incorporar a algunha das sesións nas que se traballe o son da natureza, concretamente para a primavera. É moi sinxelo facelo soar; hai que botar un pouco de auga no interior que, ao soprar polo rabiño do paxaro, produce rechouchíos.

A CAIXA DE TRONOS: nalgunhas tendas especializadas pódese atopar a chamada caixa de tronos. É un cilindro de lata totalmente oco; na base inferior leva pendurado do centro un resorte fino de aproximadamente medio metro; a parte superior está aberta ou consta dun orificio para permitir o paso do aire. Ao manipular a caixa cun movemento que

Page 10: CANDO CHOVE E RAIA O SOL…viravoltatiteres.com/UserFiles/pdfs/didactica.pdfHaberá que aproveitar todos os minutos porque todos os refráns gardan tanta información en tan poucas

10

consiste en revirala, poñela cabeza abaixo un momento para volvela endereitar a continuación, produce un son que é talmente o dos tronos. Seguramente é sinxela de facer dun xeito caseiro. Habería que probar.

Lume.

O lume na lareira, no inverno; o lume para se quentar, tamén na primavera porque en maio aínda a vella queima o tallo; o lume de San Xoan, no verán; o lume do magosto, no outono. LUME DE MENTIRA: esta pequena experiencia é moi axeitada para

cando se fale do lume do magosto ou do lume de San Xoan; por certo que a primeira é unha data moi próxima ao solsticio de inverno e, a segunda, é o propio día do solsticio de verán. Nas dúas hai lume, nas dúas o sol, as horas de luz, é o protagonista. Ben, esta experiencia pode servir de complemento a outras actividades que se organicen arredor deses centros de interese, ou, simplemente, para xogar nunha sesión de música artellada en torno aos efectos de son. É moi sinxelo, só hai que manipular papel de aluminio ou papel de celofán entre os dedos das mans para producir un son moi similar ao crepitar do lume. Mellor é escoitalo cos ollos cerrados.

Cos pés na terra.

Aínda que en ocasións teñamos paxaros na cabeza, convén estar cos pés na terra. E cos pés na terra, ou máis ben enriba do escenario, está o músico que en CANDO CHOVE E RAIA O SOL... interpreta acompañado do acordeón as cancións que axudan a poñer orde nas catro estacións. UN ACORDEÓN DE PAPEL: usando como modelo a ficha nº10 e

facilitándolle unha copia a cada neno, haberá que ir pregando polas marcas (unha vez cara a dentro e outra cara a fóra) de xeito que, ao rematar, fique a letra da canción pregada en forma de acordeón.

Page 11: CANDO CHOVE E RAIA O SOL…viravoltatiteres.com/UserFiles/pdfs/didactica.pdfHaberá que aproveitar todos os minutos porque todos os refráns gardan tanta información en tan poucas

11

BISAGRAS NOS XEONLLOS, FÍOS NAS MANS Está ben. É hora de que se saiba a verdade: aos monicreques non os trae a cegoña de París. Tampouco vale neste caso o conto da semente; pero vaiamos por partes. No proceso de construción dun monicreque hai varias fases. Antes de entrar no obradoiro, antes de meter as mans na cola e na pintura, antes de tomar medidas e ensamblar pezas, está a creación do personaxe. Cando hai unha historia que contar, hai tamén un número determinado de personaxes que nacen cun carácter definido. Primeiro é preciso deseñar os bosquexos e despois é cando comeza a fase de construción. Unha vez rematado o boneco chegan días importantes nos que hai que axustar o carácter e fala do personaxe con, digámolo así, a maneira de andar do boneco. Logo de todo isto, ¿quen pode dicir que os monicreques non adquiren vida propia? Preténdese neste apartado achegar algúns recursos e informacións que poden resultar de interese sobre os monicreques de CANDO CHOVE E RAIA O SOL... A técnica usada neste espectáculo é a de monicreque de fío; este é un tipo de boneco que require unha manipulación feita desde arriba e, por tanto, un modelo de teatriño axeitado a esta posición. Do teatriño falarase brevemente no remate deste bloque de actividades, agora centraranse as propostas no tipo de boneco. Son propostas que están pensadas para realizar despois de que os nenos asistan á función. Estas e outras actividades que se fagan ao fío deste asunto terán un mellor aproveitamento logo de que teñan visto aos monicreques en acción; por outra banda, tampouco convén restar sorpresa e maxia ao espectáculo. Cóntanse a continuación algunhas intimidades do proceso de construción dos monicreques. A voltas coa cabeza ou coa cabeza a voltas.

Unha vez que está feito o deseño estes son os pasos que hai que seguir para facer a cabeza: Moldease a figura en barro e faise o baleirado: para cada cabeza hai

que facer dous moldes de escaiola, a metade de diante e a de atrás. Para isto pódese ou ben cortar a cabeza de barro en dúas metades ou ben facer medio molde e, cando endurece, facer o outro medio.

Estes moldes énchense con cartón pedra: láminas de cartón que se van colocando a capas con cola.

Unha vez que o cartón pedra está seco, desmóldanse as pezas, péganse as dúas metades da cabeza e alísase: hai que botar unha pasta e lixar.

A cabeza está lista para pintar pero iso non se fará polo de agora. O tronco e as extremidades están empezando a coller corpo.

Page 12: CANDO CHOVE E RAIA O SOL…viravoltatiteres.com/UserFiles/pdfs/didactica.pdfHaberá que aproveitar todos os minutos porque todos os refráns gardan tanta información en tan poucas

12

Na ficha nº11 hai catro imaxes que recollen este proceso simplicando os pasos en catro momentos: bosquexo, moldes de escaiola, cabeza en cartón pedra, cabeza pintada. O señor Calendario é o personaxe encargado de guiar este bloque de actividades; nesta ficha pediralles axuda aos nenos para ordenar o seu álbum e colocar os pés de foto. É unha tarefa pensada para facer de maneira colectiva; convén plastificar as imaxes e os textos e colocarlles velcro adhesivo para poder xogar a ordenar a secuencia tantas veces como se queira. Paso a paso, cada corpo cos seus brazos.

Cando a cabeza está feita empeza o proceso de construción do corpo: Tómanse as medidas necesarias. Vanse facendo por partes o tronco e as extremidades. Cartón pedra

para o tronco, madeira nas pernas e cartón nos brazos e nas mans. Colócanse os enganches oportunos en cada peza para logo poder

engarzalas e pasar os fíos. O mecanismo nace da cruceta e consta de: unha vara que vai á cabeza,

dous fíos ás mans, dous aos xeonllos e un aos cadrís. Coa cabeza xa pintada móntanse todas as partes do boneco. Haberá

que pintar tamén as mans (ou poñerlle luvas) e os zapatos. Só resta vestilo; hai tempo que funciona a máquina de coser para lle facer a roupa a medida. ¡Atención! Primeiro é vestir e logo poñer os fíos do mecanismo. Agora xa está listo para aprender a camiñar.

Se ben estes pasos están aquí descritos de forma moi simplificada, proponse unha secuencia aínda máis sinxela para traballar cos nenos do mesmo xeito ca na actividade anterior. (Ver ficha nº12) Dependendo da idade dos nenos e do que se queira afondar no estudo do mecanismo pódense ensaiar outras actividades que permitan experimentar o movemento dun monicreque de fío en primeira persoa. Como contrapunto interesante a unha sesión deste tipo, os nenos poden manipular libremente eses títeres de luva presentes en todas as aulas. A posición do manipulador é xusto a contraria e, probablemente, non haberá que esperar moito a que eles mesmos descubran esta diferenza. Un teatriño a medida.

Un teatriño a medida para o reino das mentiras, do simulacro, do “coma quen”. Un reino con paisaxes de cartón, nubes de fume, paredes de tea e luces que fan a noite no medio do día. Na boca do teatriño está a fronteira entre o real e o imaxinado; alí, na rebotica, comeza un labirinto de artificios e trucos oculto para o público.

Page 13: CANDO CHOVE E RAIA O SOL…viravoltatiteres.com/UserFiles/pdfs/didactica.pdfHaberá que aproveitar todos os minutos porque todos os refráns gardan tanta información en tan poucas

13

Os nenos que asistiron á función de CANDO CHOVE E RAIA O SOL... viron, nun momento dado, caer neve sobre uns sorprendidos monicreques. Non poden saber, como é lóxico, que oculta entre bambolinas hai unha máquina de efectos, unha máquina de neve. E máis, nese momento non deben sabelo e, se senten frío ou ganas de xogar coa neve, mellor que mellor. Tendo en conta as circunstancias de cada grupo de nenos pódense, despois de ter asistido á función, planificar actividades arredor do teatriño, da estrutura, dos decorados, das luces... quen sabe ata onde se pode chegar. Dáse aquí un punto de partida na fichas nº13 : o señor Calendario presenta unhas imaxes da maqueta nas que se pode ver a estrutura desde un lateral e desde atrás. Quizais cos máis pequenos a cuestión máis interesante para traballar sexa a posición dos manipuladores e dos monicreques con respecto a estes. Un paso máis sería deixar expostas estas láminas nunha zona á vista no recuncho de plástica. Se os nenos están afeitos a traballar libremente con material de refugallo (caixas, restos de cartolinas, variñas, etc), se xogan alí de cando en vez a facer inventos, non tardarán moito en inspirarse na maqueta. A pretensión non é evidentemente que fagan un teatriño, senón que apliquen nas súas producións algún aspecto do que teñan experimentado ata o momento. O señor Calendario había estar ben orgulloso deles.

Page 14: CANDO CHOVE E RAIA O SOL…viravoltatiteres.com/UserFiles/pdfs/didactica.pdfHaberá que aproveitar todos os minutos porque todos os refráns gardan tanta información en tan poucas

14

ALGUNHAS REFERENCIAS NA REDE www.galiciaencantada.com: Enciclopedia de Fantasía Popular de

Galicia. Baixo a categoría CALENDARIO POPULAR pódense atopar gran número de entradas con contos, lendas, seres míticos, etc. asociados a diferentes festas e ritos do ciclo anual. “Os días, os meses, as estacións e os anos teñen historia. Hai festas, romaxes, ritos profanos ou relixiosos. O ano é coma unha roda que a cada volta apaña aruxos de fantasía” Na categoría LITERATURA ORAL hai tamén unha boa colección de refráns.

www.orellapendella.org : Ditos, recitados e cancións infantís. Diversos contidos sobre o tempo cronolóxico e o tempo meteorolóxico. Unha boa páxina para visitar cos pequenos.

http://sli.uvigo.es/ddd/index.html :Dicionario de Dicionarios. Hai unha

opción moi interesante que permite buscar palabras nos refráns. De especial interese son as entradas que recolle do Diccionario enciclopédico gallego-castellano de Eladio Rodríguez González.

www.viravoltatiteres.com : información sobre esta e outras montaxes na

páxina web da Compañía Viravolta. Visitando o apartado MUSEO pódese acceder ao catálogo da biblioteca do Museo da Marioneta. É o sitio idóneo para realizar buscas sobre títeres e teatriños.

http://leandrolamas.blogspot.com/ : Leandro Lamas é o autor dos

deseños dos monicreques. http://linhodocucostyle.blogspot.com/ : Carlos Quintá é membro do grupo

O linho do cuco. Nesta montaxe interpreta a música en directo co seu acordeón diatónico.

Page 15: CANDO CHOVE E RAIA O SOL…viravoltatiteres.com/UserFiles/pdfs/didactica.pdfHaberá que aproveitar todos os minutos porque todos os refráns gardan tanta información en tan poucas

ANEXO (Fichas 1-13)

Page 16: CANDO CHOVE E RAIA O SOL…viravoltatiteres.com/UserFiles/pdfs/didactica.pdfHaberá que aproveitar todos os minutos porque todos os refráns gardan tanta información en tan poucas

CANDO CHOVE E RAIA O SOL… n. 1

CANDO CHOVE E RAIA O SOL... é o título dun espectáculo de monicreques ao que está previsto que asistamos este curso escolar. Nesta historia o tempo, o ciclo anual do calendario e o tempo propio de cada estación, teñen un papel protagonista. Refráns de toda a vida asociados a este tema (en abril, augas mil; por San Xoan, a sardiña molla o pan, etc.) actúan coma palabras máxicas que axudan a poñer orde nun tempo que anda algo tolo.

Queremos pedir a vosa colaboración para que, cos vosos nenos e as vosas nenas, poidamos encher este caderno de refráns sobre o tema. Valen todos, aqueles máis coñecidos e esoutros máis agochados na memoria que, se cadra, aprendestes de pequenos. Calquera refrán con choiva, vento ou sol, aqueles que teñan o nome dun mes, os que falen das festas de cada estación... queremos facer unha colección de refráns de calendario. Este caderno irá de casa en casa para facer a recolleita e, máis tarde, fará unha segunda viaxe para que todos poidades ver o resultado. ¿Que tal se sentades xuntos nenos e avós unha tarde? Podería ser unha merenda ben refraneira...

Page 17: CANDO CHOVE E RAIA O SOL…viravoltatiteres.com/UserFiles/pdfs/didactica.pdfHaberá que aproveitar todos os minutos porque todos os refráns gardan tanta información en tan poucas

CANDO CHOVE E RAIA O SOL… n. 2

Nome: Idade: Natural de:

REFRÁNS

É hora de presentacións. Eu son Rigoleto, galo vello de Deza. Podo dicir que xa son pai de moitas roladas de pitiños e avó de media ducia. E vostede que axuda a este neno, vostede que está sentado ao carón desta nena, vostede... ¿quen vén sendo?

Page 18: CANDO CHOVE E RAIA O SOL…viravoltatiteres.com/UserFiles/pdfs/didactica.pdfHaberá que aproveitar todos os minutos porque todos os refráns gardan tanta información en tan poucas

CANDO CHOVE E RAIA O SOL... n.3

Cando chove e raia o sol... ¡Que tolería! Sol e choiva xuntos no mesmo ceo.

Elixe un dos refráns que che dixeron na casa e escríbeo no espazo reservado para o título. Fai un debuxo

TÍTULO:

Page 19: CANDO CHOVE E RAIA O SOL…viravoltatiteres.com/UserFiles/pdfs/didactica.pdfHaberá que aproveitar todos os minutos porque todos os refráns gardan tanta información en tan poucas

Case trece lúas ten un ano.¿Axúdasme a colocar a lúa deste mes? Terás que estar moi pendente de ollar o ceo todas as noites...

CANDO CHOVE E RAIA O SOL... n.4

Page 20: CANDO CHOVE E RAIA O SOL…viravoltatiteres.com/UserFiles/pdfs/didactica.pdfHaberá que aproveitar todos os minutos porque todos os refráns gardan tanta información en tan poucas

REFRÁNS - - - - -

MES DE

LUNS

MARTES

MÉRCORES

XOVES

VENRES

SÁBADO

DOMINGO

.

Page 21: CANDO CHOVE E RAIA O SOL…viravoltatiteres.com/UserFiles/pdfs/didactica.pdfHaberá que aproveitar todos os minutos porque todos os refráns gardan tanta información en tan poucas

CANDO CHOVE E RAIA O SOL... n. 5

Martiño é un neno moi refraneiro, ten un refrán para cada cousa e, se non o sabe, invéntao. ¿Queredes probar?

EN LUNS,

EN MARTES, NIN CASES NIN TE EMBARQUES.

EN MÉRCORES,

EN XOVES,

EN VENRES,

O SÁBADO, DÍA BÁRBARO!

O DOMINGO, DÍA FINO E DÍA LINDO.

Page 22: CANDO CHOVE E RAIA O SOL…viravoltatiteres.com/UserFiles/pdfs/didactica.pdfHaberá que aproveitar todos os minutos porque todos os refráns gardan tanta información en tan poucas

CANDO CHOVE E RAIA O SOL… n. 6

¡Quiquiriquí! ¡Sacaime d'aquí!

Page 23: CANDO CHOVE E RAIA O SOL…viravoltatiteres.com/UserFiles/pdfs/didactica.pdfHaberá que aproveitar todos os minutos porque todos os refráns gardan tanta información en tan poucas

Cando chove e raia o sol...

DATA: Debuxa a función

Page 24: CANDO CHOVE E RAIA O SOL…viravoltatiteres.com/UserFiles/pdfs/didactica.pdfHaberá que aproveitar todos os minutos porque todos os refráns gardan tanta información en tan poucas

CANDO CHOVE E RAIA O SOL... n.7

UN RELOXO DE SOL O sol no inverno sae tarde e ponse cedo.

Facer un reloxo de sol é moi doado; só precisades un taco de plastilina, unha variña e un espazo onde dea o sol toda a mañá. Teredes que estar pendentes de marcar as sombras a diferentes horas e non esquezades poñer a data. O sol do inverno non é igual ca o da primavera...

¡Ben sei eu cando é hora de cantar! Cando raia o día empezo eu a traballar. Teño un TIC-TAC no corazón que nunca falla. Eu, nenos e nenas, guíome polo sol.

Page 25: CANDO CHOVE E RAIA O SOL…viravoltatiteres.com/UserFiles/pdfs/didactica.pdfHaberá que aproveitar todos os minutos porque todos os refráns gardan tanta información en tan poucas
Page 26: CANDO CHOVE E RAIA O SOL…viravoltatiteres.com/UserFiles/pdfs/didactica.pdfHaberá que aproveitar todos os minutos porque todos os refráns gardan tanta información en tan poucas

Martiño, ¿sabes cales son os trompos de pan quente?

CANDO CHOVE E RAIA O SOL… n. 8

11 de novembro, San Martiño Os trompos máis resistentes son os que están tallados en madeira de buxo. Aos de piñeiro, nalgúns lugares, chámanlle trompos de pan quente porque escachan facilmente coma a codia dun bolo de pan acabado de facer.

Page 27: CANDO CHOVE E RAIA O SOL…viravoltatiteres.com/UserFiles/pdfs/didactica.pdfHaberá que aproveitar todos os minutos porque todos os refráns gardan tanta información en tan poucas

POR SAN MARTIÑO TROMPOS AO CAMIÑO

DEBUXA O BAILE DE TROMPOS E BUXAINAS

Page 28: CANDO CHOVE E RAIA O SOL…viravoltatiteres.com/UserFiles/pdfs/didactica.pdfHaberá que aproveitar todos os minutos porque todos os refráns gardan tanta información en tan poucas

CANDO CHOVE E RAIA O SOL… n. 9

Page 29: CANDO CHOVE E RAIA O SOL…viravoltatiteres.com/UserFiles/pdfs/didactica.pdfHaberá que aproveitar todos os minutos porque todos os refráns gardan tanta información en tan poucas
Page 30: CANDO CHOVE E RAIA O SOL…viravoltatiteres.com/UserFiles/pdfs/didactica.pdfHaberá que aproveitar todos os minutos porque todos os refráns gardan tanta información en tan poucas

CANDO CHOVE E RAIA O SOL… n. 10

CA

ND

O C

HO

VE E

RA

IA O

SO

L

AN

DA

O D

EMO

PO

R F

ERR

OL

AN

DA

O D

EMO

A D

IAR

IO

A E

NR

EDA

R N

O C

ALE

ND

AR

IO

PRIM

AVE

RA

E V

ERÁ

N

OU

TON

O E

IS IN

VER

NO

CA

DA

UN

NO

SEU

LU

GA

R

E O

DEM

O N

O IN

FER

NO

Recortar e pregar a canción en forma de acordeón.

Page 31: CANDO CHOVE E RAIA O SOL…viravoltatiteres.com/UserFiles/pdfs/didactica.pdfHaberá que aproveitar todos os minutos porque todos os refráns gardan tanta información en tan poucas

CANDO CHOVE E RAIA O SOL... n.11

¡Ai, señor! ¡Que desgraza tan desgraciada! Caeume o álbum e están todas as fotos estradas polo chan... ¿Onde está o meu retrato de cando eu aínda non era? ¿E o meu molde en escaiola? ¿Onde a miña cabeza de cartón pedra? ¿E a miña cabeciña acabada de pintar? ¿Quen me poderá axudar?

Page 32: CANDO CHOVE E RAIA O SOL…viravoltatiteres.com/UserFiles/pdfs/didactica.pdfHaberá que aproveitar todos os minutos porque todos os refráns gardan tanta información en tan poucas

1. Bosquexo 2. Molde en escaiola

3. Cabeza en cartón pedra

4. Cabeza pintada

Page 33: CANDO CHOVE E RAIA O SOL…viravoltatiteres.com/UserFiles/pdfs/didactica.pdfHaberá que aproveitar todos os minutos porque todos os refráns gardan tanta información en tan poucas

CANDO CHOVE E RAIA O SOL... n.12

Carambas, carambas... non hai como ter cabeza. A ver agora como desfacemos este cerello de bisagras e fíos, este remexido de pés e mans sen corpo. ¿Quen me axuda a poñerme a andar?

Page 34: CANDO CHOVE E RAIA O SOL…viravoltatiteres.com/UserFiles/pdfs/didactica.pdfHaberá que aproveitar todos os minutos porque todos os refráns gardan tanta información en tan poucas

1. Pernas, pes e mans 2. O meu tronco con pernas

3. Preparados para probar os traxes

4. Na función coa señorita Primavera

Page 35: CANDO CHOVE E RAIA O SOL…viravoltatiteres.com/UserFiles/pdfs/didactica.pdfHaberá que aproveitar todos os minutos porque todos os refráns gardan tanta información en tan poucas

CANDO CHOVE E RAIA O SOL... n.13

¡Merecedes un premio! ¡Si, señor! Nenos e nenas vouvos explicar como é por dentro o teatriño onde acontece a historia de CANDO CHOVE E RAIA O SOL...

Page 36: CANDO CHOVE E RAIA O SOL…viravoltatiteres.com/UserFiles/pdfs/didactica.pdfHaberá que aproveitar todos os minutos porque todos os refráns gardan tanta información en tan poucas

-Ensinareivos as fotos da maqueta. Igual que non se pode construír unha casa sen ter primeiro os planos, non se pode facer un teatriño se preparar antes unha maqueta.

-¿Vedes as dúas plantas que vai ter o teatriño? A de abaixo á para os titiriteiros, esa xente que guía os nosos pasos, e a que está un chisco máis arriba é para nós, os monicreques.

-Velaí están os tres. Eles estarán así ocultos para o público por detrás desas negruras que aquí, na maqueta, son cartolinas pero no teatriño son teas. ¿Saberiades dicir de que cor visten os titiriteiros nunha función?

Page 37: CANDO CHOVE E RAIA O SOL…viravoltatiteres.com/UserFiles/pdfs/didactica.pdfHaberá que aproveitar todos os minutos porque todos os refráns gardan tanta información en tan poucas

-Ás veces, un humano ten que encargarse de movernos a dous de nós ao mesmo tempo. Non é doado, non.

-Isto é xusto o contrario do que se ve desde onde está o público. Aquí tedes o teatriño pola parte de atrás.

-E nós tamén, antes de ser monicreques feitos e dereitos, fomos siluetas de cartón na maqueta de probas. Así saíu Rigoleto con esa pinta de galo quirico...

Page 38: CANDO CHOVE E RAIA O SOL…viravoltatiteres.com/UserFiles/pdfs/didactica.pdfHaberá que aproveitar todos os minutos porque todos os refráns gardan tanta información en tan poucas

Foi un pracer nenos e nenas. Aquí se despide o señor Calendario, un profesional dos meses, das semanas e mais dos días, un especialista no tempo, o bo pero tamén o malo, ¡que caramba!... Falando de tempo, fáiseme tarde que toca función noutro lugar. ¡Ai, que vida esta de maleta e furgoneta!

Page 39: CANDO CHOVE E RAIA O SOL…viravoltatiteres.com/UserFiles/pdfs/didactica.pdfHaberá que aproveitar todos os minutos porque todos os refráns gardan tanta información en tan poucas