salvador garcia bodaño

14
Salvador García-Bodaño Entrevista IES Manuel García Barros A Estrada Literatura Galega do Século XX e da Actualidade Texto: © Cc-by-sa-3.0 Fotos: © Todos os dereitos reservados lunes 20 de mayo de 2013

Upload: asnosasletras

Post on 24-May-2015

328 views

Category:

Documents


1 download

TRANSCRIPT

Page 1: Salvador garcia bodaño

Salvador García-Bodaño

EntrevistaIES Manuel García Barros

A Estrada

Literatura Galega do Século XX e da Actualidade

Texto: © Cc-by-sa-3.0Fotos: © Todos os dereitos reservados

lunes 20 de mayo de 2013

Page 2: Salvador garcia bodaño

Con moito agrado vou tentar de responder ás preguntas que me fan para a súa exemplar revista do Instituto de Ensino Secundario “Manuel García Barros”, da Estrada, aínda que son tantas e se refiren a cuestións que me resultan tan amplas e densas que se me poño a relembrar mesmo non sei cando rematarei. Digamos que o meu pai e a miña nai, xa logo de se casar en Compostela, na Colexiata do Sar, foron vivir para Madrid cando a II República. Alí o meu pai estableceu unha xestoría administrativa e alí seica tiñan pensado ficar. Sen embargo, a miña nai, xa contra a fin do seu embarazo e moi pouco antes de eu ir nacer empeñouse en que quería dar a luz en Vigo, porque a miña avoa materna –compostelá de nacemento- alternaba temporadas alí e no seu domicilio de Salceda de Caselas (onde o meu avó, o doutor Zunzunegui, obtivera praza de médico). A miña nai (de liñaxe paterna euscalduna) tamén tiña na cidade olívica varias das súas irmás e irmáns casados, un deles, precisamente, médico xinecólogo. Tanta e tanta foi a súa insistencia que, ao cabo, decidiron deixar os seus proxectos madrileños e vírense a comezos daquel verán de 1935 para unha casa alugada na parte de Teis, na fermosa e inmensa ría atlántica e ao pé do castro que sempre me inspiraron unha misteriosa atracción intensificada cada cada vez que ía alá cos meus pais. Aínda logo de ter pasada case toda unha vida, no ano 2004, con motivo do Premio “O Escritor na súa Terra”, que me concedeu a AELGA, ergueron un monólito no xardín do Centro Cívico de Teis e nel quixen que se gravaran estes meus versos: “Grazas lle dou á miña nai lembrada/ que veu nacerme ó abeiro desta terra/ deste fermoso mar e desta fala”. Suficientemente explícitos do meu sentir despois de tantos anos. Estando en Compostela, de onde era oriúnda parte da familia do meu pai -así como outra o era de Negreira- deu en se producir o sanguento golpe de Estado contra a república democrática e, a seguido, comezou a guerra civil, feitos que impedirían o propósito paterno de establecer un despacho de Procurador dos Tribunais en Vigo, e polo tanto tivese que se establecer ao abeiro familiar na antiga urbe xacobea. Nela, pois, me criei e formei e, co pasar do tempo, tamén a cidade como ámbito existencial se faría presente nunha parte da miña obra literaria. Continuando coa tradición do meu bisavó e do meu pai obtiven o primeiro título de Procurador, aínda que logo seguín diversas actividades comerciais que non eran tampouco alleas á familia paterna, de profesionais liberais e comerciantes na vila nicrariense. Miña nai fixera maxisterio e me aprendeu a ler e escribir na casa. De nove anos asistín a un pequeno colexio mixto e privado situado fronte á Fonseca, e, máis tarde, entraría no ensino oficial no instituto. Viviamos na rúa da Caldeirería, nas inmediacións do antigo instituto Arcebispo Xelmírez e da Universidade, e por aquelas proximidades os nenos andabamos a seguir o ciclo dos xogos: o trompo, as bólas, a panda … e a facer trasnadas naquelas lembradas prazas da infancia. Abraiábame o resoar de illadas voces entre os grandes espazos da pétrea arquitectura da cidade, os silencios das sombras nos recantos intransitados, o imperceptíbel pasar dos gatos polas calellas da anoitecida, as campás rompendo a mañá, o solemne e fondo bater no tempo polo reloxo da Torre Berenguela, as gárgolas monstruosas nos días de choiva, a ruleta do bombo dos barquilleiros, o encaixe de ferro fundido dos respaldos dos bancos da Alameda testemuñas silentes dos concertos no palco da música… Pasou coma un soño a nenez, veu a dura mocidade co pesar da orfandade, os estudos, a madureza, as ilusións, o traballo, a fonda vocación literaria e os primeiros escritos, a forte chamada da loita pola liberdade e, co pasar dos anos, un sereno encamiñarse da miña vida felizmente. A respecto dos meus xenes euscaldúns, debo dicir que, ademais de me transmitiren un grupo sanguíneo frecuente entre as xentes da Euskal Herria (Rh A-), con gran probabilidade teñan contribuído a me achegaren sentimentalmente a aquel país e me teñan acrecentado o amor por esta nosa terra patria.

Salvador García-Bodaño

1. O seu “relato existencial” comezou en Vigo aínda que ao pouco tempo o levaron para Compostela. Como foi que Vigo marcou tanto a súa paixón por este entorno como tantas veces deixou dito? Que lembranzas posúe daquela súa xuventude de posguerra? Os seus xenes euscaldúns marcaron nalgún momento a súa vida ou a súa obra?

lunes 20 de mayo de 2013

Page 3: Salvador garcia bodaño

Compostela, naquela altura da posguerra e da ditadura, pouco máis excedía da área que hoxe coñecemos como o admirábel casco antigo, que ocupa a zona monumental e sobe cara a San Roque, cunha contorna de pequenos barrios na periferia urbana. Unha certa tristeza como unha emocional brétema invisíbel invadía os espazos máis alá das horas e os lugares do rebulicio da xuventude estudantil ao tempo de saírmos das clases e cando a diario nos iamos xuntando no que se lle dicía o “paseo”. Na actualidade quizais que aquel fenómeno social non deixe de resultar mesmo gracioso e non doado de entender, pero era un costume urbano (noutras cidades universitarias como Salamanca tamén se daba) que viña de tempo atrás entre a adolescencia e a madureza, con maioría estudantil. Consistía en se ir reunindo por pandas de amigos e/ou de amigas nun ir e vir como dunha compacta multitude dende a Praza do Toural por Bautizados e a Faxeira ata o fodo da Alameda (cando chovía, facíase todo ao longo dos soportais de Rúa do Vilar) como unha corrente de paseantes, uns de par dos outros, a ir cara adiante e outra corrente dos que xa viñan de volta pasando de carón dos que ían no senso contrario, entre adeuses e olas, piropos e risas, e mesmo dando unhas voltas cunhas mozas ou, se cadraba e había algunha moeda, botábaselle un viño nun dos bares do traxecto. O paseo compostelán facíase diariamente entre a unha e as dúas, pola mañá, e as oito e as nove, contra a noite. A vida cidadá desenvolvíase nunha repetición controlada pola tiranía e a Igrexa. A configuración da estrutura social era marcadamente peculiar e na poboación mesturábanse os sectores urbanitas coa habitual afluencia de xentes das inmediacións rústicas (asistentas do fogar, leiteiras, obreiros etc.) e campesiñas (para viren aos médicos e avogados, sobre todo) que se incrementaba enormemente por toda a cidade os xoves con gandeiros e feirantes que concorrían á gran feira semanal desaparecida da carballeira do castro da Ferradura. E postos a relembrar, cómpre repetir que de mozo alí foi a miña primeira escola onde escoitar e aprender a lingua galega viva. No aspecto festivo, durante o curso académico celebrábanse, frecuentemente, entre grupos reducidos de mozos e mozas o que se coñecían como os célebres “guateques” de finais dos anos cincuenta e nos sesenta, e tamén, de cando en cando, os de maior asistencia aos que se lle dicía “Te-Baile”, organizados en salóns grandes, por exemplo, no Círculo mercantil, no Hotel Compostela, no Casino, no Hostal, se ben despois xa foi aparecendo algunha que outra sala de baile, así como tamén deron en empezar a se permitir os bailes nocturnos nas festas dos barrios, etc. O que non faltaban eran solemnes festividades e celebracións relixiosas, rosarios da aurora e procesións ademais das da Semana Santa. Centros xuvenís relixiosos como Acción Católica, Estanislaos, Luíses, ou de tipo político como o Frente de Juventudes, que ofrecían xogos de sala e distraccións para os que os frecuentaban. As tabernas, cafés, cines e igrexas eran os lugares de maior concentración, e máis tardiamente foise abrindo como novidade algunha “cafetería”. A Biblioteca de Buenas Lecturas, dedicábase ao préstamo de libros aos asociados e asociadas. As librerías só tiñan á venda libros que tamén pasaran as censuras. En fin, culturalmente, Compostela era un ermo desposuído de eventos non gobernamentais e a actividade intelectual crítica convertíase nunha tentativa clandestina publicamente prohibida, como proscrita estaba a lingua galega no terreo do ensino, no xornalístico (a excepción, parcial, do curto tempo de edición dun suplemento literario no diario “La Noche”), no radiofónico, no eclesial, etc. Teño escrito que logo das tristes e duradeiras consecuencias provocadas pola revolta fascista e, máis aínda, polo que se refire á represión que lle seguiu, a realidade cultural galega apenas chegaba a ser máis que unha magoada soidade submisa ateigada de fondos silencios.

Salvador García-Bodaño

2. Que nos podería contar daquela Compostela que tanto vai supoñer no seu futuro existencial e literario?

lunes 20 de mayo de 2013

Page 4: Salvador garcia bodaño

O panorama cultural e artístico reflectía tamén un inmenso baleiro no que alentaban contadas voces ocultas pertencentes a xeracións da anteguerra de quen conservaban a vida e non asumían a derrota. Comezaban a perfilarse así, no medio do ideoloxismo da ‘non ideoloxía’ franquista, o reencontro e o reagrupamento dun primeiro núcleo decidido a levar para diante a tarefa da reconstrución cultural do noso país, o prestixio do noso idioma e, cando menos, dun pensamento galeguista que deixase aberto o camiño do futuro acontecer político… Unhas liñas definidas -máis que definidoras e definitivas- nas que aquela nosa mocidade, que estaba a xurdir, atopase teoricamente base de coñecemento e a vinculación necesaria cunha situación anterior sen a que a etapa da posguerra non se podería explicar doadamente.É así que nos duros tempos da ditadura iría xurdindo e conformándose, con firme dedicación e valentía, a nosa nacente xeración de escritores e de artistas plásticos da posguerra xunto con outros mozos e mozas do ambiente universitario e iámonos sumando, establecendo conexións e tentando organizármonos para sermos os necesarios transmisores públicos, no seo dunha sociedade alienada, da culturalización e da actuación galeguista e nacionalista naqueles tempos precisados dun novo rexurdimento. E Compostela foi o inicial e sobresaínte foco de galeguización ao través da expansión universitaria por toda Galicia. Por aquel entón eu, aparte da miña actividade cultural e do activismo político clandestino, foi cando dei xa en comezar a percibir no meu pensamento, gradualmente, un progresivo sentimento literario emerxido da cidade, unha interpretación creadora da súa visión poética: a cidade mistérica e enigmática como ámbito de inspiración que se reflexa nunha parte da miña obra literaria.

Salvador García-Bodaño

3. Sempre dixo que Carlos Maside (nas artes plásticas) e Ramón Piñeiro (no galeguismo) deixaran un fondo pouso en Vostede. Que nos podería contar destas dúas personalidades e até que punto marcaron en Vostede o seu futuro?

En efecto, téñoo dito, e é que realmente naqueles anos de formación e de achegamento a algo para min tan pouco coñecido -máis alá dalgúns relatos escoitados na casa- e, sen embargo, tan importante como é a realidade histórica, cultural e social deste noso país atlántico europeo que é Galicia, habían ser maiormente significativas esas dúas figuras claves no meu proceso intelectual. Coñecín xa nos seus derradeiros tempos ao excelente pintor e debuxante Carlos Maside, tenaz investigador e innovador na plasmación analítica da expresión estética da súa obra, un auténtico ensaísta da arte e un intelectual fondamente reflexivo. Era persoa de profundas e arraigadas conviccións socialistas, de rexo temperamento, cortés, reservado, dunha formación cultural actualizada ao nivel europeo. A lección ética da súa conduta humana, en rexa solidariedade coas xentes do pobo, nunca deixou de estar á elevada altura da súa mestría nos logros creadores dende o debuxo, a ilustración gráfica, o gravado (posibelmente o mellor gabador da súa época) a estampa, a acuarela e o gouache, subliñando os seus maxistrais óleos. Nas súas conversas, entre a temática varia, souben da vida e da obra de artistas e escritores expatriados dos que apenas tiñamos noticia: a Galicia exiliada. Dunha daquelas visitas conservo un retrato de debuxo a lapis que me fixera o 17 de febreiro de 1957 e que vai escurecendo levemente na parede da biblioteca como un símbolo do pasar da vida.Ao egrexio galeguista, filósofo da saudade, ensaísta e político Ramón Piñeiro presentáronmo tamén levándome unha mañá ata a súa casa da Rúa Nova, no mes de decembro do ano antes citado.

lunes 20 de mayo de 2013

Page 5: Salvador garcia bodaño

Salvador García-Bodaño

Dende os primeiros intres de falar un con el percibía a súa afabilidade, a súa penetrante atención ao que un dicía e ás súas atinadas observacións e preguntas. Posuía unha grande cultura e unha asombrosa capacidade de análise e síntese. Como ocorría con outros mozos e mozas enseguida se establecía unha continuada amizade e as visitas xa se facían frecuentes. Pódese dicir que se con Carlos Maside me acheguei ao coñecemento e ao interese polas artes plásticas e á Galicia do exilio, así como a unha profunda preocupación polo social, con Ramón Piñeiro accedín á Galicia patria e á súa historia, á construción do europeísmo, a toda a tradición galeguista e a case todos os notábeis persoeiros que me iría presentando superviventes da persecución franquista, moitos deles vencellados na editorial Galaxia, un artillado proxecto de loita galeguista dende a cultura e o seu entorno estratéxico. Nos anos da mocidade, alá polo ano 1960, en nome do noso grupo galeguista compostelán foramos tres compañeiros a lle pedir unha especie de programa-guieiro ideolóxico para ver de constituír e integrármonos no que podería ser un novo partido galeguista. Non o conseguiriamos, aínda que un tempo andado non sei se chegara de América un pequeno panfleto, con pseudónimo, sobre galeguismo, se ben non respondía ás nosas pretensións. Ramón Piñeiro foi un firme referente da reconstrución galeguista na posguerra. Na súa condición humana era unha persoa bondadosa e solidaria que axudou a algúns mozos dos cales, en casos concretos, non recibiría máis que mal por ben. A miña amizade con el, e coa súa prezada muller Isabel, foi longa ata o termo dos seus días, se ben á marxe do noso rexo aprecio, nos finais da ditadura e nos anos da transición tivemos amicais discrepancias políticas con respecto aos conceptos de galeguismo e nacionalismo na esquerda en relación con Galicia. Ramón Piñeiro, dende a ditadura, sempre entendeu o galeguismo como unha base común sobre a que os partidos políticos democráticos actuantes na nosa terra debían asentar os seus distintos ou dispares contidos programáticos.

4. Que supuxo para Vostede e que lembranzas ten daquel acto do 1960 de homenaxe a Cabanillas ao carón de Aquilino Iglesia Alvariño e de Uxío Novoneyra?

O Paraninfo da Universidade rexistraba unha enorme concorrencia de público, profesores, alumnos, xente da cidade en xeral, todo o acto debo de dicir que foi algo que adquiriu un ton emotivo impresionante. Apenas facía uns meses, o 9 de novembro de 1959, que lle deramos sepultura en Fefiñáns (Cambados) a Ramón Cabanillas cun formidábel acompañamento do féretro polo medio e medio da vila. E o ano anterior, na alameda padronesa, o 8 de abril de 1958, tivera lugar a multitudinaria homenaxe de coroación ao grande Poeta da Raza. Polo tanto Ramón Cabanillas nese tempo inspiraba unha moi especial conmoción cívica no mundo da cultura galega e no seo do galeguismo. Compartir a participación naquel acto que lle tributaba a Universidade con poetas de tan alta significación como Aquilino Iglesia Alvariño e Uxío Novoneyra foi para min unha grande satisfacción e un estímulo inesquecíbel. Eu, como máis novo, comecei a quenda de intervencións coa lectura de dous ou tres poemas, comezando co de “Xa as mareas da Arousa terá de lembrar agora/ o teu nome/ entre as escumas máis lenes do teu silencio”; Novoneyra tamén outros tantos, iniciando co de “As ondas do río devalaban lenes/ levando as barcas soltas cara ao infindo do mar e a noite”; E Iglesia Alvariño o mesmo, dando principio co de “Eu vou no tren ¡Que leda muiñeira!”. Van alá cincuenta e tres anos e aquel día vénseme en lembranza como se sucedera onte.

lunes 20 de mayo de 2013

Page 6: Salvador garcia bodaño

Salvador García-Bodaño

5. Tampouco podemos deixar de lle preguntar qué supuxo para Vostede recitar poemas ao carón de Carlos Casares, Xohana Torres e Arcadio López Casanova na celebración no 1963 do primeiro “Día das Letras Galegas”. Pensaban vostedes daquela que esta conmemoración tería futuro?

Apenas dous meses antes de chegar á data na que se quería celebrar esa primeira conmemoración foi cando (como comentei aínda o pasado ano na miña sección xornalística de “No pasar dos días”, en El Correo Gallego) se presentou na Real Academia Galega un escrito, en relación coa brillante proposta do numerario Francisco Fernández del Riego e asinada tamén por Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo. O obxectivo era -e logrouse- que cada ano se declarase o 17 de maio Día das Letras Galegas, partindo do centenario da publicación do libro “Cantares Gallegos” de Rosalía Castro, considerado a primeira ópera magna da literatura galega. A celebración tivera lugar nalgunhas das cidades de Galicia, pero sería en Compostela, promovida pola Universidade, onde naqueles intres acadaría unha maior resonancia. No noso grupo recaeu a actividade organizativa daqueles actos, un grupo grande de estudantes -lembraba con Arcadio López-Casanova- non só da cátedra de Literatura rexida por Moreno Báez senón con outros máis da Agrupación cultural “O Galo”, decidimos iniciar os preparativos e a procura de local. Primeiramente, foramos unha comisión -dixo- a ver ao reitor Echeverri, que nos atendeu ben e aceptou o acto, e mesmo se editaron invitacións.Na mañá daquel venres 17 de maio de 1963 houbera uns solemnes actos en Bonaval cunha grande asistencia ás cerimonias e ante o túmulo rosaliano. Pola tarde, ás oito, o acto literario tivera lugar no Salón Artesoado de Fonseca, abarrotado de xente. Co reitor estaban na presidencia o tenente de alcalde, o comandante militar da praza, o delegado de Información e Turismo, o vicerreitor Carlos De Miguel, os catedráticos Moralejo Laso e Moreno Báez e o profesor Carballo Calero, membro da RAG. Entre outros persoeiros, estiveron presentes, tamén, os numerarios García Sabell, Paulino Pedret, Ramón Piñeiro e Iglesia Alvariño; García Domínguez (Borobó), director de El Correo Gallego; o profesor Varela Jácome, e, polo Seminario de Estudos Galegos, Cordero Carrete. Abrira a presentación da homenaxe Moreno Báez e se seguiu cunha conferencia de Carballo Calero. Houbo, logo, un recital no que intervín xunto con Xohana Torres, Carlos Casares e Arcadio López-Casanova, todos da mesma xeración da posguerra, uns dos primeiros anos e outros dos finais. Os catro estabamos encantados de participarmos xuntos naquel acto tan sobresaínte e cheo de significado, se ben ninguén tiña certeza da súa perduranza en tempos vindeiros e, como en tantos aspectos da nosa loita, tan só nos animaba a forza da esperanza. Pechou a conmemoración felicitando aos participantes na sesión académica e aos organizadores do Día das Letras Galegas, o reitor da Universidade, doutor Angel Jorge Echeverri. Á saída, organizamos unha procesión cívica –lembroume Arcadio-- que foi de Fonseca á Ferradura; levabamos unha coroa, que foi depositada no monumento a Rosalía. Houbo algunhas intervencións -nas que el falou- e rematamos cantando todos o himno xa na anoitecida.

lunes 20 de mayo de 2013

Page 7: Salvador garcia bodaño

Salvador García-Bodaño

6. Que sentiu un poeta xove coma Vostede recitar ao carón dun mestre coma Celso Emilio Ferreiro no 1964?

Podería dicir que experimentei unha grata mestura de satisfacción ao tratalo persoalmente -era falador, simpático, anecdótico- e de interese por coñecer a súa dicción dos poemas, xa que nunca o tiña escoitado. O seu último libro tivera unha enorme difusión dende a súa edición dous anos antes (“Longa noite de pedra”, 1962), aínda que a min sempre me interesou moito máis o anterior (“O soño sulagado”, 1954), e do que nesta ocasión, curiosamente, fixo unha lectura maioritaria na súa intervención. Recórdaseme con detalle aquel día non só polo feito de coñecelo, senón porque foi unha xornada de certa dureza para min por mor da censura. Chegara a Pontevedra invitado a participar, con Celso Emilio Ferreiro e con Arcadio López-Casanova, nun Ciclo de Cultura Galega con ocasión dos actos da segunda celebración do Día das Letras Galegas. Era o 14 de maio de 1964... Os amigos, en Pontevedra, levaban todo o día na miña procura a ver se chegara porque os censores oficiais non me ían permitir ler algúns dos poemas, entre eles un titulado “Non houbo galos” dedicado a Bóveda. Á hora do recital, apareceu Amalia -a súa viúva- na porta do Salón de Actos do Liceo Casino preguntando por min. Xa estaba informada e quería darme as grazas. Abrazoume cunha longa aperta chea de emoción. Aínda sinto a súa tenrura. Non quixo asistir ao acto. Celso Emilio indignárase moito co que me estaba a pasar.

7. Foi Vostede fundador, colaborador, presidente... de moitas asociacións, fundacións... e supoñemos que de todas garda recordos particulares, mais pola súa función ou futuro de cal, ou cales, garda sensacións especiais e por que?

En realidade, varias delas lograron acadar especial importancia (O Museo do pobo Galego, A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, o PEN Clube de Galicia, o Ateneo de Santiago …). Sen embargo, entre todas elas -exemplares institucións que nos nosos días seguen a enriquecer a nosa Cultura- eu quizais escollería a Agrupación cultural O Galo por xurdir do noso entusiasmo xuvenil e nas adversas circunstancias da ditadura ás que antes xa teño aludido. Concretamente naquela desolada depresión da vida cultural no seo da sociedade baixo a opresión totalitaria foi cando uns cantos decidimos iniciar, a comezos de 1961, a creación desta agrupación co nome de O Galo, polo seu símbolo de canto auroral, que promovese unha serie de variadas actividades e reactivase e actualizase no seo da sociedade un retorno ao contacto coa nosa cultura, e coa do mundo moderno, a respecto das cales se impuxera unha total desconexión. A Agrupación cultural O Galo -que despois de máis de medio século aínda mantén a súa histórica existencia-, de par de tentar indagar nas vangardas do contexto cultural universal illado pola censura do réxime, e de divulgar a modernidade cultural, iría afirmando unha forte vocación de actuación galeguista e nacionalista na posguerra, converténdose na 'asociación cultural’ pioneira de todas cantas en Galicia se dedicarían, despois, a espallar a lingua e a cultura xenuínas.

lunes 20 de mayo de 2013

Page 8: Salvador garcia bodaño

Salvador García-Bodaño

8. Que supuxeron para Vostede, e para a nosa literatura, as “Festas Minervais”? Por certo, “Festas Minervais” ou “Xeración dos 50”?

Retomados do pasado histórico os certames literarios co nome das Fiestas Minervales, que nos medios cultos do país pasarían a se coñecer como as Festas Minervais, danse en convocar xa a partir de 1954, e había ser dende 1956 que se celebrasen tamén en lingua galega e mesmo, a non moito tardar, en catalán e éuscaro. Encádranse nunha época que resulta de evidente complexidade pola converxencia de autores de diferentes niveis xeracionais, na que, ademais, traballan e publicar prestixiosos escritores da anteguerra, sobreviventes e procedentes ben da xeración Nós, ben vencellados á de 1925, ou os que poden ser integrados na de 1936. Polo tanto, se, de feito, adoita ser arriscado calquera intento de establecer clasificacións xeracionais, esa continxencia aínda é meirande para esa etapa crucial: a Posguerra, un tempo determinante para a continuidade das nosas letras e o seu posicionamento de par das outras literaturas do mundo.

Persoalmente, as Festas Minervais viñeron fomentar a miña vocación como escritor e o comezo da miña carreira literaria. Teño escrito que cómpre ter presente que neses anos emerxeu, inicialmente, unha promoción -complexa e heteroxénea- de poetas aparecidos polos anos cincuenta, algo así como unha indefinida promoción de promocións, ampla e imprecisa, designada como Xeración dos 50, que en realidade abrangue tres promocións nese período que podemos designar como a Promoción Ponte (en cualificación de Fernández del Riego), a Promoción do Abrente (en titulación miña) e a Xeración das Festas Minervais (chamada así polo escritor Méndez Ferrín), cumprindo deixar esta última circunscrita, obviamente, só á nómina de quen por aqueles anos, tiñan participado directamente nestas xustas poéticas e compartido un mesmo ambiente intelectual. O influxo individual desta xeración había ser amplo e, en verdade, orientador tamén para outros escritores coetáneos. As Festas Minervais representan, xa que logo, un período clave da poesía galega contemporánea. Mais, son algo máis que un firme renacer da poesía autóctona. Significa un rexo elo de forxa que une, doutra volta, a cadea da nosa tradición literaria entre o inmediato pasado e un porvir que nos convoca á loita común cara a un devecido horizonte de normalidade cultural. Aparecen voces diversas que asumen decididamente -axiña, na súa maioría- a fala da súa terra, manexándoa con mestría e cunha grande riqueza expresiva. Voces dispersas que van xuntando a verdade do seu cantar...

lunes 20 de mayo de 2013

Page 9: Salvador garcia bodaño

Salvador García-Bodaño

9. No ano 1959 Vostede gañou o certame das “Festas Minervais” en galego e en castelán. Supoñemos que é algo case insólito, mais coida que un poeta se pode desenvolver igual en dous idiomas cando un deles é o seu propio e co que mantén o seu forte compromiso?

Aquela edición das Festas Minervais na que fun galardoado, por dous xurados de diferente composición, co primeiro premio en poesía galega e co primeiro premio en poesía castelá, marcaría xa de por vida a miña elección lingüística para a creación. Mentres estaba sentado agardando para recolle-los premios, adoptei a íntima decisión de que, partindo daquela situación de igualdade e dada a persecución que viña padecendo a lingua galega, dende aquel mesmo día xa a usaría tan só como medio de expresión literaria. A respecto de que un poeta se poida desenvolver igual en dous idiomas cando un deles é o seu propio e co que mantén o seu forte compromiso, en fin, o caso non adoita ser o mesmo de non ser que se posúa un destacado grao de igualdade no dominio de ámbalas dúas linguas. Cando escribía nas dúas linguas, Na literatura universal temos importantes exemplos de poetas que escribiron en máis dunha lingua, podemos lembrar entre outros os casos de Rainer Maria Rilke, Fernando Pessoa, Thomas S. Eliot, Joseph Brodsky, Vicente Huidobro, Cesar Moro, etc

10. Compostela (non Santiago) foi para Vostede tan importante como para incluso presidir dous títulos de obras súas? Até que punto marcou esta cidade a súa obra literaria?

Quizais, neste senso, mellor que falarmos dunha grande importancia ou dunha marcada influencia da cidade de Compostela nunha parte da miña obra escrita, máis apropiado sería referírmonos a todo un proceso vivencial -e mesmo imaxinario- experimentado no seu ámbito espazo-temporal, do que se habería producir unha gradual emersión á linguaxe literaria, é dicir, á profunda esencialidade da poesía que é a creación.

lunes 20 de mayo de 2013

Page 10: Salvador garcia bodaño

Salvador García-Bodaño

11. A evolución temática na súa obra foi variada (intimismo existencialista, amor, lirismo elexíaco...) o mesmo que a evolución formal da súa poesía. Con que temática(s) se quedaría e con cal(es) se sentiu máis identificado? Quedaríase a nivel formal coa rixidez ou co versolibrismo?

Nunha ocasión, manifestei no Boletín Galego de Literatura que, certamente, seguín un camiñar literario que se inicia -entre outros títulos- na esencialidade conceptual intimista de “Ao pé de cada hora”, para achegarse a unha fonda reflexión evocadora dunha alteridade histórica en “Tempo de Compostela”, o renacer do sentimento erótico amoroso condensado nas formas libres e pechadas dos “Poemas de amor a Xulia” e deixar, despois, en “Pegadas no alcatrán”, que deron paso e foron inseridas no meu último libro titulado “Cidade virtual”, de clara vontade anovadora no actual panorama da nosa lírica. Vivencias e lembranzas, desexos e mágoas, soños, ideais, rabias, ledicia, a terra-patria, a muller amada, a cidade como como ámbito existencial, fragmentos de realidades vitais que reflúen do esquecemento, universos imaxinarios a se mesturar nunha outra e nova realidade, nesa realidade virtual ou nesa meta-realidade que, como antes dicía, emerxe do poema construída nunha linguaxe mistérica adensada de símbolos e de enigmas. No proceso creador as novas temáticas sorpréndennos e, en cada caso, suxiren diferentes arquitecturas formais.

12. Vostede, que tivo unha participación activa en política, cre que na actualidade en política se aposta seriamente polo noso idioma e pola nosa cultura ou máis ben se interesan por outras temáticas?

Eu participei activamente na acción política da clandestinidade, cando a política mesmo nos custaba os poucos cartos que tiñamos e podía custar moito máis. Non producía cartos legais (ou ilegais) como na democracia. Lamentabelmente, teño que responder á vosa pregunta dicindo que o idioma e a cultura se esforzan por sobreviviren pese aos políticos.

lunes 20 de mayo de 2013

Page 11: Salvador garcia bodaño

Salvador García-Bodaño

13. O seu interese pola Flor de Santiago a que vén dado? “Flor de Santiago” ou “Flor de Compostela?

A Flor de Santiago fíxose visíbel no contexto da espléndida exposición “Galicia en cartel”, celebrada arredor do pé da elevada columna con copaxe de arcos e oxivas (a ‘palmeira’) de pedra en gótico languedociano, que abeira a atraínte ábsida da Église des Jacobins, en Toulouse. Foi como atopar unha parte misteriosa do pasado. E dende aqueles espazos antigos de polícromas transparencias vitrais, a Flor de Santiago -chamada así de antigo- vén arestora ata nós a protagonizar a súa exhibición natural e a súa propia historia, na mostra magnífica que arrequece e reactiva a nosa memoria nos espazos onde, aquí tamén, a luz de altísimas fiestras estreitas alumea un fermoso sosego de soidades góticas florido de oxivas.

13. E para finalizarmos, recibiu Vostede algunha crítica a algunha das súas columnas “No pasar dos días? E de ser negativa, como lle afectou esta crítica?

O escenario focalízase no cruceiro e na cabeceira de tres ábsidas, a central e as laterais baixo airosas abóvedas de cruzaría que fan pétreo dosel protector e ornamental para esta singular especie floral de delicado encantamento a alumar de tonalidades granates o entorno do tempo penumbral alí recollido. E, alzándose, aí está a Flor de Santiago, un símbolo do arrebol contra a pedra da resistencia e da esperanza, como unha chama do altar do sol na fisterra galega, vermella luz crepuscular do aire chegado de todos os camiños que traen a Compostela, ardente soño de distancias.

Non son consciente de ter recibido ningunha crítica, mais sempre pode haber alguén en desacordo. Eu leo a edición do xornal en papel. Nos artigos sempre trato de ser moi obxectivo nas miñas opinións e respectuoso nas miñas expresións.

lunes 20 de mayo de 2013

Page 12: Salvador garcia bodaño

CUESTIONARIO

lunes 20 de mayo de 2013

Page 13: Salvador garcia bodaño

Pérdome en

tre tanta

marabilla.

Un monumento

salientábel?

Rosalía, “Follas Novas”;

Manuel Antonio, “De

catro a catro”; Luís

Pimentel, “Sombra do aire

na herba”…

Un/ha autor/-a e unha obra

literaria galegos?

Castelao e Nelson Mandela.

Un personaxe galego e un estranxeiro?

Fernando Pessoa, as súas

metamorfoses poéticas e os seus

alter egos. Ou Octavio Paz en

“Libertad bajo palabra”.

Un/ha autor/-a e unha obra

literaria estranxeiro

s?

Ningún.

Un personaxe literario co que se

identifique?

“Ser e non ser”.Unha película de cine?

Quizais a ausencia, da cal a presenza é premonición, e a muller como sentimento

da vida..

Cal é a súa fonte de inspiración

HamletUnha obra teatral?

lunes 20 de mayo de 2013

Page 14: Salvador garcia bodaño

Ter un can.Un anceio por rea

lizar?

Rural. Praia.

Mundo rural/urbano? Praia/montaña?

Moitos do litoral galego-portugués. Un balneario de

Galicia.

Un lugar para visitar? e un lugar para descansar?

A romanización ou a

Revolta francesa, por

exemplo.

Un feito histórico?

A liberdade dos

pobos.

Unha utopía?A miña biblioteca.

Un lugar axeitado para a lectura?

A folk de Leonard Cohen. “So long Marianne” ou “First We Take Manhattan”.

Un tipo de música? Unha canción?

Non me identifico con ningún.

Un/ha autor/-a con quen se identifique?

Navegar.

Outro entretemento ademais da lectura?

lunes 20 de mayo de 2013