saber abre camiños e eses camiños pasan pola biblioteca · 6 3. actividades desenvolvidas 3.1....
TRANSCRIPT
1
PLAN DE MELLORA DE BIBLIOTECAS ESCOLARES
MEMORIA DE ACTIVIDADES
CURSO 2005/06
Saber abre camiños
e eses camiños pasan pola biblioteca
IES AUGA DA LAXE (GONDOMAR)
2
MEMORIA DE ACTIVIDADES
1. Introdución
2. Grao de cumprimento dos obxectivos propostos
3. Actividades desenvolvidas
4. Grao de implicación do centro e da comunidade educativa
5. Actividades de formación
6. Produción de materiais
7. Avaliación realizada
8. Conclusións e previsións de futuro
3
1. Introdución
Ao longo do curso 2005/06 e dentro do Plan de Mellora de Bibliotecas
Escolares convocado pola Consellería de Educación e Ordenación
Universitaria, desenvolveuse no IES Auga da Laxe (Gondomar) un proxecto
de dinamización da biblioteca baixo o lema Saber abre camiños e eses
camiños pasan pola biblioteca.
Este proxecto permitiu, por unha banda, darlle continuidade a moitas das
actividades que se viñan realizando na biblioteca do centro nos últimos
anos, mais tamén botar a andar dun xeito planificado novas áreas de
traballo, novas actividades, novos espazos de encontro co ámbito do libro e
a lectura e, sobre todo, permitiu reactivar e facer máis “visible” a biblioteca
dentro da comunidade educativa así como favorecer unha maior atención
ás súas necesidades e, moi especialmente, ás posibilidades que ofrece
como recurso educativo.
Alén dos resultados das numerosas actividades realizadas, que
analizaremos a continuación, a propia participación do noso centro no Plan
de Mellora de Bibliotecas Escolares supuxo un aliciente e unha motivación
de seu que nos levou a crear dinámicas de traballo máis estables e cunha
maior implicación do profesorado, o que sen dúbida nos permitiu mellorar
en xeral o labor de xestión da biblioteca.
En resumo, tanto a valoración puntual das actividades que se foron
realizando como a valoración global das melloras conseguidas
reafírmannos na necesidade de seguirmos afondando no traballo iniciado
de establecermos canles estables de comunicación entre a biblioteca e a
comunidade escolar co obxectivo de convertela nunha ferramenta
estratéxica nas nosas prácticas educativas.
4
2. Grao de cumprimento dos obxectivos propostos
En liñas xerais, cumpríronse a inmensa maioría dos obxectivos marcados:
conseguiuse un maior achegamento do alumnado –e mesmo do
profesorado– á biblioteca, botáronse a andar iniciativas que cremos que
poden favorecer o hábito lector e a capacidade de comprensión lectora,
mellorouse o nivel de formación dos usuarios da biblioteca, logrouse unha
maior estabilidade e organización no profesorado que se encarga da súa
atención, ampliouse o horario de apertura e favoreceuse o achegamento da
comunidade escolar a distintas linguas e culturas (a través, por exemplo, da
organización dunhas Xornadas Interculturais ou da creación dentro da
biblioteca dunha pequena sección en portugués coa que se traballou nas
aulas).
A creación dun Punto de Lectura informal permitiunos potenciar a lectura da
prensa diaria e dinamizar algúns fondos xa existentes na biblioteca pero
que tiñan pouca saída entre o noso alumnado (revistas, banda deseñada e
poesía).
A dotación económica do Plan de Mellora permitiunos adquirir novos fondos
documentais e crear unha mediateca con materiais audiovisuais tanto para
uso interno como para préstamo.
Se cadra, os ámbitos nos que se conseguiron uns resultados máis cativos
foron a elaboración de estratexias para a integración da biblioteca nas
prácticas docentes por parte do profesorado e a centralización de recursos
audiovisuais e multimedia na mediateca xa que, aínda que chegou a
facerse un inventario dos materiais dispoñibles nos distintos departamentos,
non chegamos a un acordo sobre a forma de centralización deses recursos
e a mediateca comezou a funcionar unicamente con materiais de nova
adquisición.
5
En todo caso, se ben é certo que algúns dos obxectivos marcados non se
lograron plenamente, non é menos certo que se conseguiron outros que
non estaban establecidos previamente mais que foron o resultado dun
importante número de iniciativas que xurdiron espontaneamente como
consecuencia do espírito e o ritmo de traballo conseguido no marco do
desenvolvemento do Plan de Mellora.
6
3. Actividades desenvolvidas
3.1. Consideracións xerais
Ademais das actividades concretas que se realizaron ao longo do curso,
desde o Grupo de Biblioteca fixemos este ano un esforzo por conseguir que
a biblioteca estivese máis presente nas prácticas docentes e no traballo
cotián do alumnado. Así, alén da campaña de presentación do Plan que se
realizou no mes de outubro e das actividades presenciais de formación de
usuarios, houbo varios profesores que impartiron a súa docencia total ou
parcialmente na biblioteca a través dos recursos que esta ofrece (Literatura
Universal, Cultura Clásica, Área Sociolingüística e Área Científico-
Matemática do Programa de Diversificación Curricular) e outros que fixeron
visitas puntuais á biblioteca co alumnado para traballar algunha parte do
programa ou para a escolla de lecturas complementarias.
Procuramos tamén establecer mecanismos de comunicación activos para
dar as coñecer os fondos e as novidades da biblioteca a través dos
taboleiros informativos (un na entrada da propia biblioteca e outro no punto
de lectura que se abriu no patio central do instituto o pasado mes de
xaneiro) e, sobre todo, a través do sitio web do instituto.
Melloramos tamén todo o referido ao ámbito de xestión e organización da
biblioteca. O Grupo de Biblioteca, formado por dez profesores e profesoras,
reuniuse fóra do horario lectivo ao comezo de cada trimestre para planificar
as actividades dese trimestre e mais as necesidades de adquisicións e,
ademais, mantivo encontros máis breves e frecuentes dentro do horario
lectivo en numerosas ocasións para ir guiando e resolvendo cuestións
puntuais relativas ao funcionamento e xestión da biblioteca. Conseguimos
unha maior implicación do profesorado nas actividades da biblioteca e un
reparto máis eficaz das funcións e responsabilidades concretas.
7
Aínda que afondaremos máis abaixo na análise de resultados e na
avaliación das actividades, cremos que é importante sinalar aquí que
conseguimos pasar dos 924 préstamos que realizou a biblioteca no curso
2004/05 aos 1.384 que levaba realizados este ano con data do 16 de xuño
do 2006, o que supón un incremento de case o 50%, algo que sen dúbida
responde ao esforzo realizado por achegar a biblioteca á comunidade
educativa. Aínda que nos dous últimos meses de curso estivo case
paralizado o traballo de catalogación por mor do cambio do programa de
xestión da biblioteca, agardamos que a nosa incorporación ao programa
Meiga, que acabamos de realizar e que estará completada a comezos do
próximo curso, contribúa a mellorar os servizos de busca e de préstamo aos
nosos usuarios. Somos conscientes de que o préstamo non é o único
servizo que debe ofrecer unha biblioteca, pero tamén somos conscientes de
que no noso caso, e tendo en conta o perfil cultural e económico dunha boa
parte do noso alumado e o deficiente funcionamento da única biblioteca
pública municipal que hai no concello, as melloras que fagamos neste
ámbito son fundamentais para conseguir o acceso igualitario de todos os
alumnos á información e aos bens culturais, independentemente do sector
económico de procedencia.
3.2. Actividades concretas por trimestre
1º trimestre
• Renovación da rotulación da biblioteca a través de cores identificadoras
das principias seccións e elaboración dun directorio-guía.
• Celebración do Día das Bibliotecas Escolares (24 de outubro) coa posta
en marcha dunha campaña de “publicitación” da biblioteca baixo o lema
Saber abre camiños e eses camiños pasan pola biblioteca a través dunha
pancarta de 10 metros e un plotter de 100cm*70cm no patio central do
instituto e de carteis en todas as aulas e taboleiros cun deseño gráfico que,
8
a través da comparación coas liñas do metro, presentaba a biblioteca como
o camiño cara ás diferentes áreas de coñecemento.
• Actividades de formación de usuarios a través de dúas sesións
presenciais na biblioteca na última semana de outubro e primeira de
novembro con cada grupo de 1º e 2º da ESO e unha sesión con 3º e 4º da
ESO e 1º de Bacharelato, o que supuxo 17 sesións nas que recibiron
información sobre a organización e funcionamento da biblioteca (ofrecida
polos compañeiros da materia de Literatura Universal de 1º de
Bacharelato), ao tempo que tiveron que resolver un xogo de preguntas
interdisciplinar para comprobar a súa destreza no manexo das fontes de
información.
• Posta en marcha da actividade “Cine na biblioteca” coa proxección de
dous filmes (Abre los ojos e Nueve reinas), como un complemento da
organización da nova mediateca do centro.
• Concurso de deseño dun logotipo para a biblioteca.
• Edición e distribución entre todo o alumnado e profesorado (400
exemplares) do número 30 do boletín informativo da biblioteca Líber.
• Organización dunha charla-coloquio para nais e pais co escritor Agustín
Fernández Paz, celebrada na propia biblioteca o 20 de decembro coa
asistencia dunhas 40 persoas. O convite para este encontro enviouse a
todas as familias dos nosos alumnos e incluía un conto para nais e pais
feito a partir de textos do propio Fernández Paz –“Como quen bebe auga”–,
nos que se reflexionaba sobre a importancia da familia á hora de inculcar e
reforzar a formación de hábitos lectores nos rapaces e rapazas.
• Elaboración de listaxes de lecturas recomendadas para o nadal, en
colaboración cos distintos departamentos didácticos e organizadas por
9
niveis, co obxectivo de que os pais e nais dispuxesen desa orientación á
hora de agasallar os seus fillos con libros.
2º trimestre
• No mes de xaneiro tivemos no patio central do instituto unha exposición
sobre o universo literario de Jules Verne, elaborada polo alumnado do
bacharelato artístico do IES A Xunqueira de Pontevedra. Para acompañar
esta exposición, desde a biblioteca preparamos textos alusivos ás
diferentes obras narrativas de Verne e montamos no patio central unha
exposición cunha mostra das obras de Verne que se poden atopar nos
andeis da nosa biblioteca.
• Creación do grupo Líber de animación á lectura, co obxectivo de implicar
o alumnado máis lector na organización dalgunhas das actividades da
biblioteca, moi especialmente na elaboración do boletín e mais na posta en
marcha do Club de Lectura. Integráronse neste grupo 10 alumnos e
alumnas de 2º e 3º de ESO e 1º e 2º de Bacharelato.
• No mes de febreiro inauguramos un punto de lectura informal no patio
central, un espazo de 16m2, con piso de madeira, sofás e coxíns, no que o
alumnado pode atopar:
> a prensa do día;
> os últimos números de revistas como National Geographic, Muy
interesante ou Emprendedores;
> unha selección de banda deseñada que se baixa da biblioteca e que
se renova periodicamente;
> unha caixa de suxestións para que nos fagan chegar ideas, propostas
de actividades ou de adquisicións, etc.;
> o recanto da poesía, un expositor onde cada luns lles propoñemos un
poema que poden ler e, se o desexan, levar fotocopiado, o que lles
permitiu achegarse a textos de Celso Emilio Ferreiro, Pablo Neruda,
10
Fernando Pessoa, Darío Xohán Cabana, Mario Benedetti, Ramón
Cabanillas, Felipe Benítez Reyes, Manuel María, Raúl Gómez Pato ou
Lucía Novas, entre outros;
> exposicións temáticas temporais de materiais bibliográficos traídos da
biblioteca: entroido, Día Mundial da Poesía, Día da Muller, Semana de
Interculturalidade, Día das Letras Galegas, Literatura e fútbol, etc.
> información sobre actividades ou novidades da biblioteca.
• Amoblamento do novo espazo da mediateca cunha libraría de 8m*1,20m
de baldas adaptables aos tamaños dos diferentes soportes.
• Proxección de dous novos filmes (A lista de Schindler e Delitos y faltas)
dentro da actividade “Cine na biblioteca”. Unha das sesións realizouse
dentro do horario lectivo.
• Edición e distribución entre todo o alumnado e profesorado (400
exemplares) do número 31 do boletín informativo da biblioteca Líber.
• Apertura dunha nova sección sobre historia das mulleres dentro da
biblioteca, acompañada dunha campaña de divulgación a través dos
taboleiros de novidades (na propia biblioteca e no punto de lectura) e do
boletín Líber, e reforzada posteriormente no 3º trimestre cun xogo de busca
–Habelas, hainas– que pretendía dar a coñecer a achega fundamental de
moitas mulleres científicas ao longo da historia.
• Posta en marcha do Club de Lectura Auga da Laxe, co obxectivo de
favorecer a conversa e a reflexión compartida sobre determinadas lecturas
propostas. A primeira sesión celebrouse na biblioteca o 29 de marzo e o
libro escollido foi Noite de voraces sombras, de Agustín Fernández Paz.
• Organización dunhas Xornadas Interculturais na primeira semana do mes
de abril, en colaboración coa titora de alumnado inmigrante, co obxectivo de
favorecer o coñecemento doutras culturas, moi especialmente a do Uruguai,
11
por ser este o país de orixe da maioría do alumnado non galego do noso
centro. Estas xornadas incluían diversas actividades nas que participou
todo o alumnado do centro (mesas redondas, cine-fórum, talleres
didácticos, etc.) e desde a biblioteca impulsáronse algunhas propostas de
traballo que se desenvolveron nas aulas, co apoio do profesorado de
diferentes materias, e organizáronse dúas actividades concretas que se
exhibiron no patio central:
a) Unha exposición de libros que nos permitiu achegarnos á obra de
autores doutras literaturas traducidos ao galego ou ao español, así como
a autores hispanoamericanos, moi especialmente uruguaios como
Felisberto Hernández, Juan Carlos Onetti, Mario Benedetti ou Eduardo
Galeano.
b) A construción dunha árbore de 3m de altura da que se penduraron follas
con palabras en moitas linguas do mundo. Nesta interesante actividade,
que tivo ademais un resultado visualmente moi atractivo, colaboraron os
departamentos de Plástica e os de linguas (inglés, francés, latín-grego,
castelán e galego), que desenvolveron un intenso traballo de busca de
información co alumnado na biblioteca.
3º trimestre
• Organización do xogo de busca Habelas, hainas, que se desenvolveu
durante 4 recreos dunha semana do terceiro trimestre escolar e no que
participaron 14 grupos de alumnos e alumnas de distintos niveis. Houbo
ademais unha montaxe final no vestíbulo do instituto amosando as
contribucións das científicas seleccionadas.
Un dos obxectivos fundamentais foi achegar ao ámbito educativo contidos
da historia da ciencia e, en particular, da ciencia feita por mulleres, que
habitualmente non son desenvolvidos nos currículos das materias,
implicando ao alumnado de todos os niveis do centro. Non pretendemos
ofrecer unha mostra exhaustiva de mulleres científicas, o material
seleccionado foi escollido en función da súa importancia na influencia do
12
pensamento e pola súa característica de testemuñas de mulleres
excepcionais que foron capaces de subverter o papel que a época lles
asignaba.
Despois de consultar ao profesorado dos departamentos de ciencias e
tecnoloxía o grupo de traballo quedou formado por Margarita Miramontes de
Bioloxía e Xeoloxía; Filomena Estevez e José Antonio Maio de Física e
Química; Inmaculada González, Aurora Sanmartín e Susana Paz de
Matemáticas; María Quicler de Tecnoloxía; Berta Blanco de Lingua e
Literatura Galega e Alberto Cifuentes, autor das montaxes iniciais.
O xogo constou dunha proba distinta cada día e os equipos podían utilizar a
biblioteca e as aulas de informática. Ao comezar o recreo, o portavoz de
cada equipo recollía un sobre numerado, cun breve texto no exterior
introducindo o tema, que contiña a proba e un formulario para completar
coas respostas. O primeiro día, As súas teimas consistía nun crebacabezas
de catro científicas de distintas épocas e disciplinas coas súas contribucións
á historia da ciencia. Ao día seguinte, ironizando de novo coa idea do título,
entregamos o tríptico Bruxas, máis que bruxas! percorrendo distintas
épocas para subliñar a manipulación á que foron sometidas moitas veces as
contribucións das mulleres; neste caso, os participantes debían buscar os
nomes delas e a súa época. A terceira proba, Palabras de seu e deles,
presentou diferentes textos de científicos e científicas reflexionando sobre o
tema do xogo; os concursantes tiñan que descubrir as personaxes ás que
se referían. O último día, con As invisibles, tratamos de unir os dous
obxectivos fundamentais do xogo, rescatar as contribucións das científicas
e promover a biblioteca como espazo de aprendizaxe e comunicación. Así,
xogando coa idea da invisibilidade histórica, escondemos transparencias
cos retratos das científicas entre as páxinas de libros da biblioteca; os
participantes recibiron unha lista de pistas para encontralas.
Entre algúns aspectos da actividade que podemos avaliar como positivos
sinalamos, ademais dos derivados do traballo en equipo tanto para o
profesorado como para o alumnado, o divulgar a historia da ciencia,
13
habitualmente relegada a un segundo plano nos currículos, tratando
tranversalmente a coeducación. Un exemplo, neste sentido, foi a creación
dun novo espazo na biblioteca, na sección de historia, con bibliografía sobre
as investigacións que se están a facer nas últimas décadas tratando de
desvelar os logros culturais das mulleres no pasado.
• Exposición de materiais sobre Lugrís Freire no Punto de lectura durante a
Semana das Letras Galegas, acompañando unha exposición organizada
polo departamento de Lingua e Literatura Galega.
• Posta en marcha do blog da biblioteca (www.bibliolaxe.blogspot.com),
como un novo espazo de encontro para dar conta das novidades que entran
na biblioteca, para recomendar libros, comentar, opinar, suxerir, preguntar
ou informar sobre todo o que teña que ver co mundo do libro e da lectura.
• Proxección de dous novos filmes (Cinema paradiso e Cuatro bodas y un
funeral) dentro da actividade “Cine na biblioteca”. Unha das sesións
realizouse dentro do horario lectivo.
• Comezo de funcionamento do servizo de préstamo da mediateca.
• Celebración o 24 de maio dunha nova sesión do Club de Lectura sobre o
libro de relatos Erros e tánatos, de Gonzalo Navaza.
• Organización duns xogos como complemento ás actividades preparadas
pola Vicedirección para os dous últimos días de clases (22 e 23 de xuño).
Organizados por niveis e por grupos, todo o alumnado de ESO participou
en tres actividades:
> Un xogo de preguntas e respostas de carácter multidisciplinar.
> Un xogo de preguntas de léxico que requiría o manexo dos dicionarios.
14
> Un xogo de busca de información no que podían manexar todas as fontes
de información que están ao seu dispor na biblioteca.
15
4. Grao de implicación do centro e da comunidade educativa
O maior nivel de implicación no desenvolvemento do Plan de Mellora da
Biblioteca atopouse, como é lóxico, entre o propio profesorado integrante do
Grupo de Biblioteca:
Concha Costas Fernández, Coordinadora (Lingua Galega)
Mª José Álvarez del Castillo (Xeografía e Historia)
Beatriz Eiroa (Lingua Española)
Inmaculada Rodríguez Andrade (Francés)
Ángel Iglesias Mariño (Educación Física e Vicedirector)
Eugenia Mariñas (Inglés)
Asunción Montenegro (Lingua Española)
Oliva Pena (Matemáticas)
Tálida Ruíz del Árbol (Lingua Española)
Xosé Souto (Latín e Grego)
Roberto Vázquez Rozas (Xeografía e Historia)
Este grupo de traballo encargouse da atención da biblioteca durante o
horario de apertura, dos labores de catalogación e mantemento dos fondos,
da comunicación da biblioteca cos diferentes seminarios, do seguimento da
aplicación do Plan de Mellora e da execución puntual dalgunhas das
actuacións nel recollidas.
Foi fundamental tamén para o desenvolvemento do Plan o apoio do
profesor encargado do mantemento informático do Centro, Alberto
Cifuentes Torres, quen se responsabilizou da actualización da sección de
biblioteca na web do instituto, da posta en marcha do blog da biblioteca, da
maquetación e deseño do boletín Líber, así como do asesoramento e
soporte técnico nas distintas actividades.
Resultou decisivo tamén o apoio do Equipo Directivo do centro que
colaborou decididamente na elaboración e posterior desenvolvemento do
16
Plan e atendeu, dentro das posibilidades do centro, as demandas que o
Grupo de Biblioteca foi realizando tanto nas actuacións que se
desenvolveron ao longo deste curso 2005/06 como nas peticións que se
fixeron xa para o curso 2006/07. De feito, nun claustro celebrado no mes de
maio falouse das necesidades de funcionamento da biblioteca e
aprobáronse unha serie de compromisos para o curso 2006/07 que poden
permitirlle á biblioteca funcionar con maior estabilidade. Houbo tamén apoio
e facilidades para asumir, dentro das posibilidades económicas do centro,
aqueles gastos derivados de actuacións do Plan de Mellora que, por
pertenceren a categorías non tipificadas dentro das partidas establecidas
polo Plan, non poden ser incluídos dentro dos orzamentos do mesmo.
Estamos a referirnos, por exemplo, ás 4.118 fotocopias realizadas pola
biblioteca neste curso (portadas de libros para os taboleiros de novidades,
edición de tres números do boletin Líber, comunicacións ás familias,
anuncios de actividades, etc.)
No claustro de profesores houbo tamén un importante grao de implicación,
tanto en actividades puntuais (acompañar o alumnado á biblioteca para
participar nas actividades de formación de usuarios e colaborar logo na
avaliación das mesmas ou informar e traballar as propostas da biblioteca
desde as sesións de titoría) como na organización de actividades concretas
(destaca neste sentido o interesantísimo traballo realizado por un grupo de
profesoras que se encargou de deseñar e executar o xogo de busca
Habelas, hainas). Quixeramos tamén destacar o profesorado que, alén dos
que xa o viñan facendo con anterioridade, se animou este ano a impartir
algunhas sesións de clase na biblioteca utilizando os recursos que esta
ofrece. Agardamos, de feito, que esta sexa unha liña de traballo que se vaia
consolidando nos próximos anos.
Podemos destacar tamén o apoio recibido polo Consello Escolar, onde se
fixo un seguimento do desenvolvemento do Plan e se aprobou, entre outras
cousas, a creación dunha Comisión de Biblioteca integrada pola profesora
coordinadora da Biblioteca, un alumno do Consello Escolar, un alumno do
grupo de biblioteca Líber, unha nai, un membro do Equipo Directivo, o
17
responsable da Biblioteca Municipal e a Concelleira de Educación do
Concello de Gondomar. Realizáronse xa as xestións para a constitución
desta comisión que agardamos que comece a funcionar de maneira efectiva
a comezos do próximo curso.
Contamos tamén coa colaboración entusiasta do Persoal de Administración
e Servizos, moi especialmente no que se refire á edición do boletín Líber, á
impresión da cartelería de difusión das distintas actividades e, sobre todo,
ao coidado e mantemento do Punto de Lectura, e co apoio da Asociación
de Nais e Pais na charla-coloquio con Agustín Fernández Paz e nas dúas
sesións do Club de Lectura.
Gustaríanos finalmente destacar a liña de comunicación establecida por
primeira vez coa Biblioteca Municipal de Gondomar que, dentro das
limitacións técnicas, humanas e orzamentarias coas que funciona,
respondeu con moi boa disponibilidade as nosas propostas (por exemplo,
mercaron todos os materiais das listaxes de lecturas recomendadas do
noso centro neste curso para telas ao dispor do alumnado) e mostráronse
dispostos tamén a integrarse, tal e como lles propuxemos, nunha comisión
interbibliotecaria de Gondomar que nos permita manter unha comunicación
máis fluída entres as distintas bibliotecas e mesmo abrir liñas de traballo
conxunto. Neste sentido, acabamos de establecer contacto tamén coa
biblioteca do veciño IES Terra de Turonio e agardamos que no próximo
curso 2006/07 estes contactos poidan dar lugar a unha colaboración máis
estable.
18
5. Actividades de formación
Houbo cinco profesoras que participaron este curso en actividades de
formación relacionadas co ámbito da biblioteca escolar, da comprensión
lectora e da animación á lectura.
Concha Costas Fernández, coordinadora
• Asistente ás Xornadas de Bibliotecas Escolares organizadas pola
Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e celebradas na
EGAP (Santiago de Compostela) os días 7 e 8 de outubro de 2005.
• Asistente aos Encontros do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares
05/06 organizados pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación
Educativa e celebrados en Sanxenxo os días 23 e 24 de marzo de 2006.
• Relatora nas Xornadas de Bibliotecas Escolares organizadas pola
Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e celebradas na
EGAP (Santiago de Compostela) os días 7 e 8 de outubro de 2005.
• Relatora nun grupo de traballo sobre bibliotecas escolares celebrado no
IES nº2 de Ordes, organizado polo CEFORE de Santiago de Compostela e
celebrado o día 14 de decembro de 2005.
• Relatora nun grupo de traballo sobre bibliotecas escolares celebrado no
CPI Curros Enríquez (Pazos de Borbén), organizado polo CEFORE de Vigo
e celebrado o día 14 de febreiro de 2006.
• Relatora nun grupo de traballo sobre bibliotecas escolares celebrado no
IES David Buján (Cambre-A Coruña), organizado polo CEFORE da Coruña
e celebrado o día 7 de marzo de 2006.
19
Tálida Ruiz del Árbol
• Coordinadora dun Grupo de Traballo para "Elaboración de materiais para
mellorar a comprensión lectora", no que participaron profesoras de tres
centros de ensino de Gondomar e Vigo e que se desenvolveu ao longo do
2º e do 3º trimestre do curso 2005/06.
Asunción Montenegro Rodríguez
• Integrante dun Grupo de Traballo para "Elaboración de materiais para
mellorar a comprensión lectora", no que participaron profesoras de tres
centros de ensino de Gondomar e Vigo e que se denvolveu ao longo do 2º e
do 3º trimestre do curso 2005/06.
Berta Blanco Miguel
• Asistente nas Xornadas de Bibliotecas Escolares organizadas pola
Direccion Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e celebradas na
EGAP (Santiago de Compostela) os días 7 e 8 de outubro de 2005.
• Integrante dun Grupo de Traballo para "Elaboración de materiais para
mellorar a comprensión lectora", no que participaron profesoras de tres
centros de ensino de Gondomar e Vigo e que se denvolveu ao longo do 2º e
do 3º trimestre do curso 2005/06.
Luz López Pérez
• Integrante dun Grupo de Traballo para "Elaboración de materiais para
mellorar a comprensión lectora", no que participaron profesoras de tres
centros de ensino de Gondomar e Vigo e que se denvolveu ao longo do 2º e
do 3º trimestre do curso 2005/06.
20
6. Produción de materiais
Entre os materiais producidos pola biblioteca do IES Auga da Laxe
(achéganse mostras nos anexos III e IV), destacamos os seguintes:
• Materiais gráficos da campaña de difusión do Plan de Mellora: pancarta
de de 102m*1,30m, plotter de 1m*0,70m e 30 carteis tamaño DinA3 para
todas as aulas e taboleiros. En todos eles figurou o lema do noso proxecto
(Saber abre camiños e eses camiños pasan pola biblioteca) e un plano do
metro de Moscova no que as estacións das distintas liñas son os nomes de
áreas de coñecemento que se imparten no Centro e que coinciden coas
seccións da biblioteca.
• Cuestionarios interdisciplinares e temáticos para as diferentes actividades
de formación de usuarios realizadas no 1º trimestre.
• Carteis anunciadores das distintas actividades: Cine na biblioteca, Club de
Lectura, Punto de lectura, etc.
• Folleto “Un conto para nais e pais”, cun texto de Agustín Fernández Paz
sobre a importancia da familia no apoio á creación de hábitos lectores.
• Listaxes de lecturas recomendadas que se mandaron ás casa de todos os
alumnos cun convite aos pais e nais para que as tivesen en conta á hora de
mercarlles aos fillos os agasallos de nadal.
• Boletín informativo da biblioteca Líber. Editáronse 3 números, un en cada
trimestre, e tiráronse 400 exemplares de cada un deles.
• Materiais do xogo de busca Habelas, hainas: folleto, cuestionarios, carteis
e expositor final.
21
7. Avaliación realizada
En xeral, a avaliación que fomos facendo desde o Grupo de Biblioteca
sobre o desenvolvemento do Plan de Mellora foi moi positiva, non só
porque, como xa dixemos, conseguimos alcanzar a maioría dos obxectivos
marcados, senón tamén porque a dinámica de traballo do Plan permitiu que
fosen xurdindo espontaneamente novas propostas que enriqueceron e
ampliaron as expectativas que tiñamos.
Aínda así, non todo foron luces e somos conscientes de que houbo
iniciativas que non fomos quen de botar a andar por falta de acordo no
claustro (por exemplo, unha proposta de dedicar 30 minutos diarios, dentro
do horario lectivo, á lectura nas aulas) ou por falta de capacidade nosa para
executalas (por exemplo, a olimpíada do saber no 3º trimestre). Houbo
outras que contabamos deixar rematadas neste curso, pero que quedaron a
medio camiño e non poderán estar a pleno rendemento até o comezo do
curso 2006/07 (a centralización de recursos audiovisuais na mediateca, por
exemplo, ou a incorporación do programa Meiga na xestión da biblioteca).
Tamén houbo algunhas actividades realizadas que obtiveron escaso apoio
do alumnado (as sesións de cine, por exemplo), o que nos ten que levar a
revisar as nosas planificacións para o futuro.
Ademais destas valoracións xerais realizadas no seo do Grupo de
Biblioteca, houbo actividades concretas que foron avaliadas de maneira
específica e indicadores que nos permiten avaliar de xeito indirecto
algunhas das nosas actuacións:
• As actividades de formación de usuarios que se realizaron no 1º trimestre
foron avaliadas pola profesora de Literatura Universal que preparou as
sesións explicativas cos alumnos de 1º de Bacharelato e tamén polos
profesores-titores que acompañaron os grupos de alumnos á biblioteca.
22
> Avaliación da sesión explicativa. En xeral, o alumnado participou nesta
sesión con interese, estiveron moi atentos ás explicacións dos seus
compañeiros de 1º Bach. e aproximadamente un 20% deles utilizou o
servizo de préstamo xa ao remate desa primeira sesión. Foi valorada como
unha actividade amena e proveitosa non só para o alumnado senón tamén
para o profesorado que acompañaba aos grupos de alumnos (mesmo
algúns deles recoñeceron que era a primeira vez que ían á biblioteca).
Tamén o grupo de alumnos de 1º de Bacharelato que se encargou de
preparar as explicacións para os seus compañeiros avaliou moi
positivamente a experiencia pois aprenderon cousas que non sabían sobre
a biblioteca e ademais déronse conta da dificultade que supón transmitir
coñecementos.
> Avaliación das sesións de busca de información. En xeral, todos os
grupos foron capaces de atopar as respostas ás preguntas que se incluían
nos diferentes xogos de busca. Só en dous grupos de 1º ESO quedaron un
par de preguntas sen responder. Con todo, os profesores que os
acompañaban nesas sesións recoñeceron que nalgúns casos os alumnos
dubidaron moito e deron moitas voltas antes de atopar a resposta e que
mesmo precisaron algunha axuda ou orientación do profesor. O
profesorado participante avaliou moi positivamente esta actividade porque
lles resultou novidosa, interesante, atractiva e mesmo divertida. Os rapaces
implicáronse nela sen dificultade, tomárona en serio, participaron
activamente e foron quen de traballar en equipos, non sen certo espírito
competitivo. Algúns profesores propuxeron que sería interesante repetir
esta experiencia no futuro introducindo algúns cambios na organización: por
exemplo, que se combinen probas de grupo con outras que deban ser
resoltas individualmente e que sexan eles mesmos os que participen na
elaboración das preguntas para outros compañeiros, algo que sen dúbida
tamén os levaría ao manexo das fontes de información.
• Unha das iniciativas realizadas que avaliamos máis positivamente foi a
apertura do Punto de Lectura informal no patio central do instituto, xusto
fronte ás portas de acceso. Desde a súa inauguración no mes de febreiro, o
23
Punto de Lectura converteuse nun espazo moi utilizado polos alumnos,
fundamentalmente nos recreos pero tamén naquelas horas en que falta
algún profesor. Funcionan tamén como un indicador de uso o recanto da
poesía (retiran semanalmente unha media de 40 copias do poema
proposto) e a caixa de suxestións (onde pediron a adquisición de títulos
concretos para a biblioteca ou que se alternasen, por exemplo, distintas
cabeceiras de prensa deportiva no Punto de Lectura).
• Finalmente, un dos indicadores máis claros para avaliar a incidencia do
Plan de Mellora na vida da biblioteca foi o aumento no número de
préstamos: fronte aos 924 do curso 2004/05, neste curso chegamos aos
1.384, o que supón un incremento de case o 50%.
24
8. Conclusións e previsións de futuro
A participación do noso instituto no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares
foi, sen dúbida ningunha, un motor importante de reflexión e de cambios na
biblioteca do centro que tivo, ademais, uns resultados moi positivos no
camiño da valoración da biblioteca como recurso na práctica docente. Tivo,
ademais, unha destacada proxección externa, moi especialmente nos
medios de comunicación (Anexo I), o que contribúe en certa medida ao
recoñecemento público do traballo realizado.
Aínda que nesta memoria se recollen fundamentalmente as actividades
promovidas desde a propia biblioteca dentro do Plan de Mellora, é de
xustiza recoñecer o importantísimo traballo de fomento da lectura e de
manexo das fontes de información que realizan os distintos departamentos
nas materias que imparten na ESO e en Bacharelato, así como nos
Programas de Diversificación Curricular: talleres de caligrafía ou de
elaboración e presentación de traballos, roteiros literarios, diarios de lectura,
sesións de lectura silenciosa na biblioteca, traballo con listaxes de lecturas
temáticas recomendadas (obras de temática científica, matemática,
histórica, social, etc.)
En resumo, e como conclusión das avaliacións e reflexións realizadas na
presente memoria, cremos que o traballo da biblioteca no futuro debería
manter unha certa continuidade naquelas liñas de actuación que deron uns
resultados máis positivos (estabilidade nos horarios de apertura e na
xestión da biblioteca, xornadas de formación de usuarios, edición do boletín
Líber, sesións do Club de Lectura, elaboración de listaxes de libros
recomendados, consolidación da mediateca e do punto de lectura,
organización de xogos de busca de información, reforzo da presenza da
biblioteca na web e dinamización do blog, etc.), revisar aquelas iniciativas
que obtiveron unha resposta máis cativa por parte da comunidade
educativa (as propostas de “Cine na biblioteca” ou de 25 minutos de lectura
nas aulas, por exemplo) e abrir novas liñas de actuación que dean resposta
25
ás demandas que se nos presenten ou que sirvan de seu para experimentar
novos camiños no obxectivo final de establecer pontes de comunicación
entre as fontes de información e os usuarios da biblioteca.
Gondomar, xuño de 2006