inicios e consolidadicÓn do rÉxime lberal · a crítica ao poder señorial en ... a abdicación...
TRANSCRIPT
INICIOS E CONSOLIDADICÓN DO RÉXIME LBERAL
Selección documental a partir da realizada por Xosé Alfeirán, Ana Brea e Ana Romero
ÍNDICE
1. Carlos IV xustifica a presenza das tropas francesas
2. A abdicación de Carlos IV
3. O Dous de Maio de 1808
4. As promesas de Napoleón
5. As Xuntas de Goberno asumen a soberanía e organizan a resistencia
6. As razóns dos afrancesados
7. As razóns dun patriota
8. A soidade dun rei
9. A loita das guerrillas
10. A invasión francesa en Cee
11. Os horrores da guerra contra os franceses
12. As mulleres na guerra contra os franceses
13. A Xunta Suprema convoca a Cortes
14. A forma da monarquía
15. O liberalismo das Cortes de Cádiz
16. A Coruña celebra e xura a Constitución de 1812
17. Decretos das Cortes de Cádiz
18. A crítica ao poder señorial en Galicia
19. Independencia e guerra en América
20. Napoleón devolve a Coroa española a Fernando VII
21. O exército saúda o regreso de Fernando VII
22. A supresión da Constitución de Cádiz
23. A reacción restauradora
24. Medidas restauradores do sistema absolutista
25. O pronunciamento de Riego
26. O triunfo dos revolucionarios na Coruña en 1820
27. A independencia de México
28. Intervención da Santa Alianza en España
29. Chamamentos dos absolutistas a favor de Fernando VII, prisioneiro da Constitución
30. Os 100.000 fillos de San Luís
31. Temores dos realistas puros
32. O inicio do carlismo. Manifesto de Abrantes
33. Os valores carlistas
34. Chamada á defensa dos ideais carlistas
35. A revolución de 1835 na Coruña
36. As queixas dos cataláns
37. Revolución e barbarie
38. A crueldade da guerra carlista
39. O debate sobre os dereitos políticos das masas
40. O pensamento liberal conservador
41. As propostas moderadas
42. Obxectivos de Solís
43. O programa liberal progresista
44. O programa do partido democrático
45. A defensa da república fronte á monarquía
46. A defensa do federalismo e da república
47. As corruptelas electorais no reinado de Sabela II
48. Os problemas matrimoniais de Sabela II
49. A corte dos milagres
50. Estado confesional: o Concordato de 1851
51. Unha xornada revolucionaria en Madrid en 1854
52. Automutilacións para evitar o servizo militar
53. Unión das forzas revolucionarias contra Sabela II
54. As proclamas obreiras en vésperas da revolución de 1868
55. A revolución día a día
56. O clero debe limitarse á misión relixiosa
57. Moderados, progresistas e demócratas
58. O nacemento da peseta
59. O concepto de república e as súas leis
60. O pacto federal galaico-asturiano
61. Fragmentación política durante o reinado de Amadeo I
62. Bases para a proclamación da República federal española
63. A proclamación da Primeira República
64. A Federación española
65. O Cantón de Cartaxena
66. A defensa da unidade da patria polos republicanos unitarios
1. Carlos IV xustifica a presenza das tropas francesas
O Tratado de Fontainebleau de 1807 autorizaba o paso do exército de Napoleón polo
territorio español para conquistar Portugal. Os movementos de tropas francesas provocaron
un crecente malestar na Corte e no pobo. Carlos IV tivo que atallar os rumores de invasión e
de fuxida da familia real cara a América.
Amados vasalos: a vosa nobre axitación nestas circunstancias é unha nova testemuña que me
asegura dos sentimentos de voso corazón; e eu, que como pai tenro vos amo, apresúrome a
consolarvos na actual angustia que vos oprime. Respirade tranquilos: sabede que o exército do meu
caro aliado o emperador dos franceses atravesa o meu reino con ideas de paz e de amizade. O seu
obxectivo é trasladarse aos puntos que ameaza o risco dalgún desembarco do inimigo; e que a
reunión dos corpos da miña garda [de Madrid a Aranxuez], nin ten o obxecto de defender a miña
persoa nin acompañarme nunha viaxe que a malicia fíxovos supoñer como precisa. Rodeado da
depurada lealdade dos meus vasalos amados, da que teño tan irrefragables probas, que podo temer
eu? E cando a necesidade urxente o esixise, podería dubidar das forzas que os seus peitos xenerosos
me ofrecerían? Non; esta urxencia non a verán os meus pobos. Españois: tranquilizade o voso
espírito; conducídevos como ata aquí coas tropas do aliado do voso bo rei e veredes en breves días
restablecerse a paz dos vosos corazóns e a min gozando o que o ceo me dispensa no seo da miña
familia e do voso amor.
CARLOS IV. Comunicado [a don Pedro Ceballos, primeiro secretario de Estado e Despacho].
Aranxuez, 16-3-1808 [cast.]
2. A abdicación de Carlos IV
O motín que tivo lugar en Aranxuez en marzo de 1808, promovido polo príncipe Fernando e
os seus partidarios, obrigou a Carlos IV a abdicar no seu fillo, Fernando, quen foi recoñecido
como rei de España.
Como os achaques de que adoezo non me permiten soportar por máis tempo o grande peso do
goberno dos meus reinos, e cómpre para reparar a miña saúde, gozar dun clima máis temperado e
da tranquilidade da vida privada, determinei despois da máis seria deliberación, abdicar a miña
coroa no meu herdeiro e moi caro fillo o príncipe de Asturias. Polo tanto é a miña vontade que sexa
recoñecido e obedecido como rei e señor natural de todos os meus reinos e dominios.
CARLOS IV. Decreto de abdicación. 19-3-1808 [cast.]
3. O Dous de Maio de 1808
A presenza das tropas francesas en Madrid e a marcha forzada da familia real cara a Baiona,
exaltaron os ánimos do pobo. A dura represión das tropas francesas para someter a revolta,
provocaron a indignación e sublevación xeral contra os franceses en todo o territorio
peninsular.
Soldados: A poboación de Madrid sublevouse, e chegou ata o asasinato. Sei que os bos españois
xemeron por estas desordes; estou moi lonxe de mesturarvos con aqueles miserables que non
desexan máis que o crime e a pillaxe. Pero o sangue francés foi derramado; clama pola vinganza.
En consecuencia mando o seguinte: (...)
Art.II. Todos os que foron presos no alboroto e coas armas na man serán arcabuceados.
Art.III. A Xunta de Estado vai desarmar aos veciños de Madrid. Todos os habitantes e residentes,
que despois da execución desta orde se encontrasen armados ou conservasen armas sen unha
licenza especial, serán arcabuceados. (...)
Art.V. Todo lugar onde sexa asasinado un francés, será queimado. (...)
Art.VII. Os autores, vendedores e distribuidores de libelos impresos ou manuscritos, provocando á
sedición, serán considerados como uns axentes de Inglaterra, e arcabuceados.
Xaquín MURAT. Orde do día. Madrid, 2-5-1808 [cast.]
É notorio que os franceses apostados nos arredores de Madrid e dentro da Corte tomaron a defensa
sobre este pobo capital e as tropas españolas; como españois é necesario que morramos polo rei e a
patria, armándonos contra uns pérfidos que baixo color de amizade e alianza queren impoñernos un
pesado xugo, despois de apoderarse da augusta persoa do rei; procedamos, pois, a tomar as activas
providencias para escarmentar tanta perfidia, acudindo ao socorro de Madrid e demais pobos e
alentándonos, pois non hai forzas que prevalezan contra quen é leal e valente, como son os
españois.
Andrés TORREJÓN - Simón HERNÁNDEZ. Bando da alcaldía. Móstoles, 2-5-1808 [cast.]
4. As promesas de Napoleón
As abdicacións de Baiona, facilitaron os proxectos de Napoleón sobre a península ibérica. Co
obxectivo de conseguir partidarios e apoios, presentouse ante o pobo como o salvador e
redentor, anunciando o seu desexo de mellorar e reformar as institucións.
Españois: despois dunha longa agonía, a vosa nación ía perecer. Vin os vosos males e vou
remedialos (...). Os vosos príncipes cedéronme todos os seus dereitos á coroa das Españas; Eu non
quero reinar nas vosas provincias; pero quero adquirir dereitos eternos do amor e do
recoñecemento da vosa posteridade.
A vosa monarquía é vella: a miña misión diríxese a renovala; mellorarei as vosas institucións, e
fareivos gozar dos beneficios dunha reforma sen que experimentedes quebrantos, desordes e
convulsións. (...)
Depoñerei todos os meus dereitos, e colocarei a vosa gloriosa coroa na cabeza doutro (...) que
concilie a santa e saudable autoridade do Soberano coas liberdades e privilexios do pobo.
Españois: acordádevos do que chegaron a ser os vosos pais, e mirade a que chegastes. Non é vosa a
culpa, senón do mal goberno que vos rexía. Tende suma esperanza e confianza nas circunstancias
actuais; pois eu quero que a miña memoria chegue ata os vosos últimos netos e que exclamen: É o
rexenerador da nosa patria.
Napoleón BONAPARTE. Proclama. Baiona, 25-5-1808 [cast.]
5. As Xuntas de Goberno asumen a soberanía e organizan a resistencia
As sucesivas abdicacións de Fernando VII e Carlos IV a favor de Napoleón e deste no sei
irmán Xosé Bonaparte, xunto coa invasión das tropas francesas, provocaron en España
numerosas protestas populares, creándose novas institucións de goberno –as Xuntas- que se
encargaron de organizar a loita contra o francés e de tomar medidas para reformar o sistema
político vixente. A necesidade de coordinar as súas actuacións fixo que as Xuntas Provinciais
formasen a Xunta Suprema Central Gobernativa de España e Indias.
O Principado de Asturias, reunido na Xunta Xeral de representantes, en quen reside toda a
soberanía polas particulares circunstancias (...), antes de caer na escravitude dun conquistador (...)
e animado coa dor de ver nas cadeas dun tirano violador de todos os dereitos ao seu desgraciado
rei Fernando VII e demais familia real, tomou neste día valorosamente as armas na súa defensa
para recobrar a monarquía, cando non poidan as súas persoas (...).
Acude, pois, o Principado, por medio dos seus deputados con plenos poderes, a solicitar da V.M. os
auxilios oportunos na presente situación.
XUNTA XERAL DO PRINCIPADO DE ASTURIAS. Carta [ao rei Xurxo III de Gran Bretaña]. 26-
5-1808 [cast.]
6. As razóns dos afrancesados
Os afrancesados xustificaron o seu apoio a Xosé I acolléndose á lexitimidade das renuncias
reais e á necesidade de facer reformas na monarquía.
Deus é quen dá e quita os reinos e os imperios e quen os transfire dunha persoa a outra persoa,
dunha familia a outra familia e dunha nación a outra nación ou pobo. (...).
Deus é quen puxo a Fernando VII nas críticas circunstancias que lle moveron a renunciar (...) á
posesión do reino (...).
Así mesmo, Deus é quen deu ao gran Napoleón (...) os destinos de España. Adoremos, repito, co
máis profundo rendemento estas disposicións do Altísimo.
TORRES AMAT. Carta pastoral. 3-6-1808 [cast.]
A orde social estaba a punto de disolverse entre nós; (...) as autoridades (...), acovardadas e
abatidas, non acertaban a coñecer en que dirección debían camiñar (...). A Facenda era
verdadeiramente un caos, e a débeda pública un abismo. Os resortes todos da administración
estaban dislocados e rotos; non había parte san que exercera con regularidade as súas funcións; e
era preciso que o día menos pensado se paralizara o corpo todo, e perdera a acción e o movemento.
Que español sensato non creu mil veces que xa non se podía ir adiante, e non sinalou termos ben
curtos á total disolución? A que outro poder que ao da V.M. sería concedido en tal estado, non só
conter o mal, porque isto non bastaba, senón facelo desaparecer enteiramente, e substituír o
arranxo á desorde, a lei ao capricho, a opresión á xustiza, e á incerteza a seguridade?
Miguel Xosé de AZANZA [presidente da Asemblea de Baiona]. Comunicado a Napoleón. 20-7-
1808 [cast.]
7. As razóns dun patriota
Entre as elites ilustradas, a opción de escoller entre o fanatismo popular e o goberno
reformista de Xosé I foi, para moitos, un difícil dilema persoal. A maioría defendeu a causa
patriótica, compatible cos desexos de realizar reformas políticas e económicas para mellorar a
situación de España.
As provincias máis afastadas da capital proclamaron a guerra contra os franceses, e chegou o
momento en que había que tomar partido no enfrontamento inevitable. A loita que tivo lugar no meu
espírito foi máis dura do que son capaz de explicar. (...)
Estou disposto a recoñecer que nunca sentín aquela clase de patriotismo que cega aos homes, tanto
con respecto aos defectos do seu propio país como aos seus persoais. España, como entidade
política, miserablemente oprimida polo Goberno e a Igrexa, deixou de ser obxecto de miña
admiración desde a miña temperá xuventude. Xamais me sentín orgulloso de ser español porque era
precisamente como español como me sentía espiritualmente degradado e condenado a inclinarme
diante do sacerdote ou segrar máis mesquiño que podía despacharme en calquera momento aos
cárceres da Inquisición. (...)
Se se establecese o goberno de Xosé Bonaparte, a terra onde nacín deixaría de ser para min un
lugar de escravitude, pero, no entanto, tan pronto como me decatei de que a miña provincia se
levantara contra os franceses (...) volvín a Sevilla, a cidade máis fanática de España, no momento en
que estaba baixo o control máis completo do populacho ignorante e supersticioso e guiada por
aqueles clérigos que me causaban ao propio tempo horror e desprezo. (...) A conciencia da rectitude
da miña conduta e o sacrificio das miñas propias ideas en aras dos desexos da maioría do país,
dábanme ánimo (...), estaba disposto a defender a causa española contra Francia a calquera prezo.
Xosé María BLANCO WHITE. Cartas desde España. 1822 [cast.]
8. A soidade dun rei
Despois das abdicacións de Baiona, Napoleón nomea ao seu irmán Xosé como novo rei da
coroa de España quen, a pesar das súas boas intencións, non só non contou co apoio do pobo
español, senón que lle foi creando unha falsa imaxe de bebedor e xogador empedernido que
quedou na memoria colectiva popular.
Que V.M. me defina terminantemente cales son as miñas relacións co xeneral Savary. Son eu ou é el
quen ten o dereito de mandar? Este dereito non se pode dividir. Eu débolle consultar na súa
calidade de oficial que coñece o exército de Madrid, pero o mando é indivisible. (...) As posturas
equívocas non concordan co meu carácter, e escuso dicir que non merezo que se me coloque nunha
posición falsa. Cando España está sublevada e hai no seu seno un exército de cen mil homes, é ao
rei de España a quen corresponde o mando. Son eu ou ese home?. Rogo a V.M. que dea as súas
ordenes sobre este punto dunha forma clara e precisa. V.M. equivócase se pensa que non son capaz
de entender as súas instrucións, que non saberei tomar a decisión acertada e sostela con firmeza. Á
miña idade e na miña posición, podo aceptar conselleiros pero non superiores en España. Quen
manda no exército francés é o dono da parte de España ocupada polas tropas da V.M., como os
xefes dos insurrectos son os donos da outra parte. A vixilancia pola miña seguridade e pola do
exército obríganme a non disimular a miña opinión de que o xeneral Savary está menos capacitado
que ningún outro para ter o mando de Madrid. Cumpriu funcións lamentables, estivo encargado
dunha misión que o fai odioso. Considérase a si mesmo máis capaz que Bessièrs, Moncey, e Dupont.
V.M. fará o que queira, pero a tempestade é demasiado forte para que me ande con miramentos que
están fóra de lugar.
Xosé BONAPARTE. Carta [dirixida a Napoleón]. 19-7-1808 [francés]
Prefiro comer solo, pouco e rápido. En realidade nunca abandonei os hábitos de sobriedade; a
insistencia na solemnidade cerimonial da corte é por razón de goberno; na miña vida privada tendo
espontaneamente á sinxeleza.
Tomei uns bocados de viandas frías e logo de froita mentres me refrescaba na bañeira. Logo deiteime
sen cerrar de todo as contraventás; desexaba repousar e serenarme, non durmir.
O rei Carlos III, desde o seu retrato, miroume finamente, como en busca de conversación. Pero foi en
van, non tiña ganas de falar nin con el.
Invadiume a angustia da soidade, tan intensa como non a sentín na miña vida. Neste oasis de Madrid,
rodeado de paraxes inhóspitos e habitado por xentes hostís; no oasis dentro do oasis que é o inmenso
palacio, no que agora só resoan no ámbito das estancias, case baleiras, os sabres, as esporas e as
pisadas marciais; todas con acento francés.
Coa excepción duns poucos, centenares?, só ducias?, os españois detéstanme; son a cabeza visible do
inimigo. Para os xenerais franceses, xurdo como un freo incómodo ás súas rapinas, e como un intruso
que vixía as decisións estratéxicas. Un intruso, igual que para os españois. O REI INTRUSO, parece o
froito dunha maldición.
Xoán Antonio VALLEJO-NAJERA. Eu, o intruso. 1987 [cast.]
9. A loita das guerrillas
A guerrilla tivo un papel fundamental na derrota das tropas francesas. Contaba co apoio da
poboación, o coñecemento do terreo e a axilidade dos seus movementos. A súa actividade foi
regulamentada pola Xunta Central e os seus líderes integrados posteriormente no exército
regular.
I. Cada Partida constará de 50 homes de a cabalo, pouco máis ou menos, e doutros tantos a pé, que
montarán xuntos en caso necesario. (...)
V. Cada Partida terá un xefe co título de comandante (...).
XIV. A elección de armas que han de usar déixase ao arbitrio de cada comandante (...). En cuanto
ao traxe, cada cal levará o que teña, polo menos por agora.
XV. Será seu o botín do inimigo que vencesen por si mesmos ou apresasen como diñeiro, xoias e
roupas que lle encontren encima ou tomen en equipaxes ou recuas e repartirano entre si (...).
XXII. O exercicio dos partidarios será interceptar as Partidas do inimigo (..), impedir que entren
nos pobos (...), incomodalos nas súas marchas con tiroteos desde as paraxes axeitadas (...).
XXIII. Cando se crea conveniente reuniranse dúas, tres ou máis partidas para impedir ou (...)
interceptar os convois ou alarmalos con ataques falsos, especialmente polas noites, coa fin de non
deixalos descansar.
XUNTA SUPREMA CENTRAL GOBERNATIVA DE ESPAÑA E INDIAS. Regulamento das
Partidas e Cuadrillas. 28-12-1808 [cast.]
10. A invasión francesa en Cee
En Galicia, a ocupación francesa provocou diversos enfrontamentos e saqueos. A reacción do
pobo conseguiu liberar o territorio do dominio francés a finais de xuño de 1809, sendo así a
primeira zona peninsular en logralo.
Con motivo da actual guerra con Francia e de encontrarse invadido este reino con crecido número
de tropas daquela nación, e cometer varias aldraxes e desacatos, os paisanos e naturais desprezados
por iso en solicitude da súa liberdade, e a do noso católico Soberano detido en dita Francia
organizáronse contra eles, e seguindo este exemplo, os desta vila e do partido de Corcubión, con
noticia que de isto tiveron ditos franceses e o xeneral que estaba de residencia na cidade de
Santiago, destacou partida das tropas do seu mando para bater e perseguir aos paisanos, obxectivo
que conseguiron no punto da Ponte Olbeira ao anoitecer do día 13 de abril deste ano, onde
executaron as crueldades e mortes que son notorias, sen perdoar aos curas de San Xoán de
Mazaricos, e San Salvador de Coluns. Antes destes funestos acaecementos, (...) en unión doutros
veciños de talento e integridade, reunidos os días 11 e 12 de dito mes, trataron polo que puidese
acontecer o mellor medio de salvar aquelas alfaias de maior estimación e interese que houbese na
igrexa, por se no caso que baixasen á vila ditas tropas as quixesen roubar (...).
Na mañá do referido día 13 baixaron as tropas francesas á vila, romperon á forza a porta (...) da
súa igrexa. Roubaron as tres lámpadas de prata (...), extraeron igualmente a cruz parroquial,
incensario e gabeta de prata (...), quitaron a imaxe da Virxe das Dores do seu altar, roubaron a
diadema e corazón de prata que tiña (...). De seguido fixeron varias atrocidades, deron morte a
cantos colleron descoidados, saquearon e puxeron lume a moitas das casas desta poboación. Por
estas causas os veciños, receosos de perder a vida e de que como se aseguraba volvesen por
segunda vez, algúns permaneceron embarcados, e outros vagaron polos montes se volverse ao pobo.
Volveron o 21 do propio mes as citadas tropas francesas e executaron iguais crueldades, e ao
mesmo tempo puxeron lume a dita igrexa parroquial que coas súas portas, retablos e imaxes que
nela había, quedou reducida a cinzas.
F. DOMINGO FERNANDEZ [cura párroco], R. PEREZ PORRUA [xuíz]. Informe. Cee, 8-5-1809
[cast.]
11. Os horrores da guerra contra os franceses
O pintor Francisco Goya foi unha excepcional testemuña da guerra
contra o exército francés; nos seus gravados recolleu un amplo
mostrario do sufrimento e excesos provocados por esta contenda
longa e cruenta.
12. As mulleres na guerra contra os franceses
Na defensa do territorio peninsular destacaron as xentes do pobo, tanto
homes como mulleres. Algúns deles pasaron a se converter en heroes
populares e as súas fazañas foron recollidas pola tradición oral, a
literatura e as artes plásticas .
13. A Xunta Suprema convoca a Cortes
Durante a Guerra da Independencia e en paralelo ao enfrontamento co exército francés, moitos
coincidían na necesidade de convocar as Cortes para coordinar as accións bélicas e para impoñer
as reformas políticas que fosen necesarias, en ausencia do rei Fernando VII, polo que foron
convocadas unhas Cortes, que finalmente foron reunidas en Cádiz, en 1810.
Chegou xa o tempo de aplicar a man a esta grande obra e de meditar as reformas que deben facerse na
nosa administración (...). O rei noso señor don Fernando VII e no seu nome a Xunta Suprema
Gobernativa do Reino, (...) decretou o que segue:
11. Que se restableza a representación legal e coñecida da monarquía nas súas antigas Cortes (...).
31. Que ademais (...) estenda a Xunta as súas investigacións aos obxectos seguintes para ilos
propoñendo sucesivamente á nación xunta en Cortes: Medios e recursos para soster a santa guerra en
que se encontra empeñada a nación (...). Medios de asegurar a observancia das leis fundamentais do
reino. Medios de mellorar a nosa lexislación (...). Reformas necesarias no sistema de instrución e
educación pública (...). Parte que deben ter as Américas nas Xuntas de Cortes (...).
41. Para reunir as luces necesarias para tan importantes discusións, a Xunta consultará aos consellos,
xuntas superiores de provincias, tribunais, concellos, cabidos, bispados e universidades e oirá aos
sabios e persoas ilustradas.
XUNTA SUPREMA. Real Decreto. Sevilla, 22-5-1809 [cast.]
14. A forma da monarquía
Ante a convocatoria de Cortes, uns defendían a restauración e recuperación da tradición política
española, fundamentada no catolicismo e no poder real auxiliado polas Cortes estamentais, pero
outros, os liberais, querían realizar grandes cambios e transformacións, restrinxindo o poder real
e establecendo unha nova constitución baseada na soberanía do pobo e na separación de poderes.
O primeiro obxecto que debe arrebatar a atención da nación xunta en Cortes, é a santa relixión que
profesamos. Estando a relixión como merece, estará gobernada a monarquía como se debe (…). A
relixión católica é o único punto dende un rei católico debe partir á dirección dos seus coidados e
atencións. Ela é a primeira pauta do rei, e a principal adoración do vasallo. La relixión católica
prescribe todas as obrigacións dun e doutros. Un rei ben instruído na relixión católica e celoso da súa
honra será un bo príncipe, e un reino relixioso saberá defender, amar e respectar ao seu rei.
Francisco Antonio CEBRIÁN [bispo de Orihuela]. Informe [á Xunta Suprema sobre a convocatoria de
Cortes]. 2-10-1809.
Debe restablecerse a representación legal coñecida da monarquía nas súas antigas Cortes. Deben
convocarse estas e os seus deputados a elas como representantes da soberanía do pobo español, que
reconquistou a súa liberdade e os seus dereitos rexeitando ao tirano usurpador. Pode e debe formar a
súa Constitución, e de acordo a ela decretar as leis que máis conveñan aos seus concidadáns. A
Constitución debe fixar as facultades e poderes dos que han de gobernar e as regras que debe seguir
para desempeñar o seu encargo (...).
O lexislativo residirá nos deputados, formados en Cortes, o xudicial nos tribunais e o executivo no rei
(...). Todos os veciños deben ter voto para nomear os deputados en Cortes, pero só poderán ser
nomeados os que teñan os méritos e circunstancias que prescriba a lei, por exemplo, os que
contribuíron ao Estado coa contribución anual de mil reais de vellón.
Frei Agustín Iñigo ABAD Y LASIERRA [beneditino, bispo de Barbastro]. Informe [á Xunta Suprema
Central sobre a convocatoria de Cortes]. 22-8-1809 [cast.]
Españois: non basta vencer exércitos inimigos para vivir felices. É necesario reformar as nosas
institucións políticas se queremos evitar outra e máis veces os males que no día nos aflixen (…). Unha
nación non pode prosperar sen un bo goberno, sen unha Constitución ou, o que é o mesmo, sen unhas
leis fundamentais que ela mesma estableza e vele pola súa observancia.
Non creades que os reis veñen enviados de Deus aos pobos, como vos predican os que queren ser reis
(…). A vontade dos pobos é a que fai os reis; e ela mesma os desfai cando estes abusan dos poderes que
o pobo lles confiou. Un rei é un xeneral, un administrador nomeado pola nación para que vele sobre a
súa defensa exterior, manteña a tranquilidade interior e promova a riqueza e prosperidade da nación e
todos os seus habitantes. (…)
Unha monarquía hereditaria en cabeza de Fernando e os seus descendentes é a forma de goberno que
debemos adoptar, pero baixo unha Constitución que modere e fixe os límites da autoridade real e
arranxe as relacións que debe haber entre a nación e o rei.
Antonio PEÑA. O voto dun español. Agosto de 1808.
15. O liberalismo das Cortes de Cádiz
Nas Cortes de Cádiz os liberais defenderon unha monarquía representativa e limitada baseada na
soberanía da nación, na defensa dos dereitos individuais, na división de poderes e na
participación dos cidadáns na elaboración das leis, a través dos seus representantes.
A unión de dúas ou máis persoas, fundada sobre convenios libre e espontaneamente aceptados por
todos, chámase sociedade; e será sociedade civil, ou nación, cando se reúnan moitas familias naturais,
para manter a súa liberdade, a súa igualdade e propiedade, baixo certas condicións ou leis formadas
por elas mesmas (...).
Todos e cada un dos cidadáns que compoñen a sociedade, teñen dereito para intervir no
establecemento das leis, por residir neles a soberanía. Pero como de verificalo indistinta e
colectivamente as discusións se eternizarían e o desconcerto sería o resultado; de aquí a necesidade
de constituír o poder lexislativo da nación (...).
O corpo lexislador deberá constar de individuos elixidos libre e espontaneamente polo pobo, en
número proporcional á poboación do Estado, que teñan a calidade de cidadáns, e cuxa conduta non
desmereza tan alta confianza. Estes serán os representantes da nación, depositarios da súa confianza,
órganos da súa vontade e a cuxos desvelos se confiará a formación das leis (...).
Ás Cortes, ou sexa o corpo lexislativo, corresponde formar a Constitución, sancionar a integridade da
Nación, mudar ou confirmar as súas actuais divisións (...); estender os códigos civil, criminal,
económico e de rendas; determinar as relacións entre a Igrexa e o Goberno; arranxar os planes de
ensino; confirmar ou derrogar os tribunais actuais (...); e por último establecer o sistema militar.
Xosé CANGA ARGÜELLES. Reflexións sociais ou idea para a Constitución española que un
patriota ofrece aos representantes de Cortes. 1811 [cast.]
16. A Coruña celebra e xura a Constitución de 1812
En 1812 foi promulgada a Constitución elaborada en Cádiz. A nova lexitimidade do poder foi
festexada en moitas localidades onde as elites defendían os ideais liberais, tal como foi o caso
da Coruña.
Ás doce do 23 colocouse o retrato do noso augusto e amado rei baixo un magnífico dosel nos
balcóns das casas consistoriais, e á súa fronte o pendón do Concello (...). Formado segundo o
costume, deuse o sinal de dirixirse á Praza da Fariña, primeiro sitio onde se había de publicar a
Constitución (...). Fronte daquel edificio [Capitanía] erixírase un vistoso taboado (...); o señor
Correxedor, posto no centro (...) recibiu de man do secretario do Concello o libro de actas da
Constitución; e despois que os heraldos impuxeron silencio ao pobo, e chamaron a súa atención,
leuno en voz alta e intelixible coa expresión máis tenra e significante, concluíndo un acto tan
maxestoso coas aclamacións de Viva a Constitución e o rei! (...).
Amenceu o día 24 sinalado pola S.E. [Capitán xeneral] para xurar a sabia Constitución e dar
grazas ao Todopoderoso por tan feliz acontecemento. (...). Había no taboado unha magnífica
cadeira e unha mesa ricamente cuberta, sobre a que estaba o libro dos santos Evanxeos; tomou
asento a SE. As tropas, á voz dos seus comandantes, botaron armas ao ombro e, tras saudalas a
S.E., preveu ao axudante xeral a lectura do decreto e actas da Constitución; concluída aquela
volveu a S.E. a saudar ás tropas, fincouse de xeonllos reverentemente, e coa man posta sobre os
santos Evanxeos pronunciou en voz alta e cheo de afecto e entusiasmo o gran xuramento de
GARDAR E FACER GARDAR A CONSTITUCIÓN política da nación española, sancionada polas
Cortes xerais e extraordinarias da nación, e ser fiel ao rei. (...)
Aínda non pasara o curto prazo de dúas hora e xa se renovaron os festexos. Os gremios (...)
ofrecéronse a aumentar o público xúbilo con vistosas comparsas. (...) Volveu a noite para lucir
como a anterior, repetíndose a iluminación xeral e a función de teatro. (...) Desde a tarde
anunciarase ao pobo que seguiría á comedia un baile público con entrada franca para as persoas
que se presentasen a cara descuberta e vestidas con decencia (...), e comezou o baile que durou ata
as seis e media da mañá.
Noticia das festas que celebrou a cidade da Coruña como capital do reino de Galicia na
augusta publicación da Constitución política da Monarquía española os días 23 e 24 de xuño de
1812. 1812 [cast.]
Nace la Constitución
La intriga desaparece
Y el error se desvanece
A la luz de la razón.
La justicia y la religión
Las sendas van señalando:
Y el derecho combinando
De la Nación y del Rey
Hacen que brille la ley
En los labios de Fernando.
¿Qué es tener Constitución?
Es gobernar la verdad;
Cesar la arbitrariedad;
Mandar sola la razón.
Es fijar en la nación
De la ley el trono augusto;
Y hallar el sendero justo
Por donde marchando el Rey,
No sufra jamás la ley
Las variaciones del gusto.
Noticia das festas que celebrou a cidade da Coruña (...). 1812 [cast.]
17. Decretos das Cortes de Cádiz
Ademais da elaboración da Constitución, as Cortes de Cádiz desenvolveron un intenso labor
lexislativo que se concretou na promulgación de numerosos decretos cos que tentaron
transformar, de acordo cos principios liberais, as estruturas xurídicas e políticas vixentes.
Art.1º. Todos os corpos e persoas particulares, de calquera condición e estado que sexan, teñen
liberdade de escribir, imprimir e publicar as súas ideas políticas, sen necesidade de licenza, revisión
ou aprobación algunha anterior á publicación, baixo as restricións e responsabilidades que se
expresarán no presente Decreto.
CORTES DE CADIZ. Decreto 9. 10-11-1810 [cast.]
Art.1º. Desde agora quedan incorporados á nación todos os señoríos xurisdicionais de calquera
clase e condición que sexan.
CORTES DE CÁDIZ. Decreto 82. 6-8-1811 [cast.]
Art.2. O Tribunal da Inquisición é incompatible coa Constitución.
CORTES DE CÁDIZ. Decreto 223. 22-2-1813 [cast.]
Art.1. Encontrándose suprimidos os Tribunais da Inquisición en toda a Monarquía española desde o
26 de xaneiro último (...).
Art.2. Desde dito día en adiante pertencen á Nación estes bens.
CORTES DE CÁDIZ. Decreto 226. 22-2-1813 [cast.]
18. A crítica ao poder señorial en Galicia
O réxime señorial constituía unha das bases xurídicas e económicas da monarquía absoluta.
Os señoríos foron duramente criticados por los liberais, poñendo de manifesto os seus efectos
negativos para a sociedade.
Onde se ven reunidos os horrores do feudalismo é en Galicia, toda ela escrava de duques, condes,
mosteiros, mitras, cabidos, conventos, igrexas, abades, priores, etc. (...) A propiedade dos pobos de
Galicia é toda de corporacións e familias privilexiadas, e os brazos e o sangue, as vidas e a
existencia dos demais homes perténcelles (...). Despois dos décimos, as primicias, as oblatas, as
contribucións da nación e as rendas (...), deben ir á pesca, á caza, ás monterías, respectar aos
señores e aos seus animais, contribuír coas lutuosas e outras cargas inxustas, sen recibir dos
señores máis consolo que enchelos de curas, acompañantes ou lacaios, paxes ou sancristáns, e
outros suxeitos non menos viles e indignos (...). Son donos estes señores de prender, multar,
castigar, e (...) ata do pudor das mulleres. (...). As xustizas nomeadas polos señores resolvían todos
os preitos no seu favor, sen ter o triste remedio da apelación reducidos a tanta pobreza. Tales son os
efectos do goberno do señoríos.
Xoán Antonio POSSE. Discurso sobre a Constitución. 1812 [cast.]
19. Independencia e guerra en América
Nas colonias americanas, en paralelo coa revolución liberal en España, os secesionistas, entre
os que destacou Simón Bolívar, lograron impoñerse aos partidarios fieis ás autoridades da
Península, declarando a independencia das Provincias Unidas de Venezuela. A guerra foi
presentada como unha necesidade para alcanzar a liberdade; os odios e as vinganzas polo
pasado colonial mesturáronse coas esperanzas de melloras económicas e sociais.
No nome de Deus Todopoderoso. Nós os representantes das provincias (...) que forman a
Confederación Americana de Venezuela (...), reunidos en Congreso e considerando a plena e
absoluta posesión dos nosos dereitos que recobramos xusta e lexitimamente desde o 19 de abril de
1810, como consecuencia da xornada de Baiona e a ocupación do trono español, pola conquista e
sucesión doutra nova dinastía constituída sen o noso consentimento (...), declaramos solemnemente
ao mundo que as Provincias Unidas de Venezuela son e deben ser desde hoxe, de feito e de dereito,
Estados libres soberanos e independentes e que quedan libres de toda submisión, dependencia da
coroa de España ou dos que se din o digan ser os seus apoderados ou representantes; e como tal
Estado libre e independente, ten o pleno poder para darse a forma de goberno conforme á vontade
xeral dos seus pobos.
Declaración de independencia. Caracas, 5-7-1811 [cast.]
As vítimas serán vingadas; os verdugos serán exterminados; (...) o noso odio será implacable e a
guerra será a morte. Os españois aniquiláronnos coa rapina e destruído coa morte; violaron os
dereitos sagrados das xentes infrinxindo as capitulacións e os tratados máis solemnes; cometeron
todo tipo de crimes, reducindo a república de Venezuela á máis espantosa desolación. (...) Todo
español que non conspire contra a tiranía en favor da xusta causa polos medios máis activos e
eficaces, será tido por inimigo, castigado como traidor á patria e, en consecuencia, será
irremisiblemente pasado polas armas (...). Os españois que fagan sinalados servizos ao Estado
serán tratados como americanos (...). Americanos, contade coa vida aínda que sexades culpables.
Simón BOLÍVAR. Proclama. Mérida, 8-6-1813 [cast.]
20. Napoleón devolve a Coroa española a Fernando VII
Ante as sucesivas derrotas sufridas, Napoleón devolveu, polo tratado de Valençay, a coroa de
España a Fernando VII. Remataba así a ocupación francesa e o rei iniciaba o seu retorno a
España.
Art.3º.- SM o Emperador dos franceses, rei de Italia, recoñece a don Fernando e aos seus sucesores,
segundo a orden de sucesión establecido polas leis fundamentais de España, como rei de España e
das Indias.
Art.4º.- S. o Emperador e rei recoñece a integridade do territorio de España, tal como existía antes
da guerra actual.
Art.5º.- As provincias e prazas actualmente ocupadas polas tropas francesas serán entregadas no
estado en que se encontran aos gobernadores e ás tropas españolas que sexan enviadas polo rei.
Art.7º.- Todos os españois adictos ao rei Xosé que lle serviron nos empregos civís ou militares, e que
lle seguiron, volverán aos honores, dereitos e prerrogativas que gozaban; que todos os bens de que
foran privados seranlles restituídos.
Tratado de Valençay. 11-12-1813 [cast.]
21. O exército saúda o regreso de Fernando VII
Despois da Guerra de Independencia, en 1814, regresa a España Fernando VII, o rei desexado,
que foi recibido polo pobo e o exército con auténtico entusiasmo.
Soldados: As vosas fatigas e sacrificios conseguiron o triunfo de arrancar, das garras do máis fero dos
tigres, ao máis desexado dos reis; (...). Xa tedes a Fernando VII no territorio español, e entre vós, o que
debe constituír o estímulo máis poderoso para non desistir na empresa de perpetualo no seu trono e
asegurar a liberdade e independencia da vosa patria.
Que viva, e que viva Fernando VII!
Luís de LACY [Capitán Xeneral e Xefe do Exército de reserva de Galicia]. Proclama ás tropas ao
regreso de Fernando VII. 4-4-1814 [cast.]
22. A supresión da Constitución de Cádiz
En 1814, tras a derrota francesa, Fernando VII retornou a España e, pouco despois, decretou a
supresión da Constitución de Cádiz, medida que contou co apoio dos absolutistas.
As Cortes (...) no mesmo día da súa instalación (...) despoxáronme da soberanía, pouco antes
recoñecida polos mesmos deputados, atribuíndoa nominalmente á nación para apropiarse para si
eles mesmos e dar a esta, despois sobre tal usurpación, as leis que quixeron, impoñéndolle o xugo de
que forzosamente as recibise nunha nova Constitución (...); e o que era verdadeiramente obra dunha
facción, revestíaselle (...) de vontade xeral, e por tal fíxose pasar a duns poucos sediciosos (...) que
(...) ocasionaron aos bos coidados e pesadumes (...).
Por tanto, oído o que unanimemente me teñen informado (...), declaro que o meu real ánimo é non
soamente non xurar nin acceder á dita Constitución nin a decreto algún das Cortes xerais e
extraordinarias e das ordinarias actualmente abertas, a saber, os que limiten os dereitos e
prerrogativas da miña soberanía (...) senón declarar aquela Constitución e tales decretos nulos e de
ningún valor nin efecto, agora nin en tempo algún, como se non houbesen pasado xamais tales
actos.
FERNANDO VII. Decreto de anulación [da Constitución e os decretos das Cortes de Cádiz].
Valencia, 4-5-1814 [cast.]
23. A reacción restauradora
En 1814, ao regreso de Francia de Fernando VII, os absolutistas, que non admitían os cambios
revolucionarios realizados polas Cortes de Cádiz, esperaban do rei que restaurase o vello sistema
político, xurídico e social do Antigo Réxime.
Aos xefes militares (...). Compañeiros, unha porción de homes malvados, sen relixión, sen patria e sen
fidelidade ao rei, atrevéronse a atacar a fe católica que nos ensinaron os nosos pais e o trono do noso
desexado monarca o señor don Fernando VII. Eles apoderáronse en Cádiz, a forza de enganos e
intrigas, do supremo goberno da nación e eles procuraron declarar que a soberanía reside
esencialmente nesta e que é un dereito imprescritible que non poden depositar (...).
A nación, ocupada desde entón en rescatar ao seu cativo monarca e en dar liberdade a toda Europa
contra as hostes do vándalo do Sena [Napoleón], desatendeu os delirios destes ambiciosos cuxas armas
non son outra cousa que plumas débiles e o único que podían verter eran borróns de tinta negra. Os
bos españois facían sacrificios de todas clases e os militares adquirían glorias no campo do honor,
mentres eles dixeron que fixeron unha Constitución escrita fai moitos anos polo filósofo de Xenebra
[Rousseau], reproducida en Francia no tempo da súa revolución e presentada en España como se fose
unha obra para somerxernos no mesmo caos de males que por tantos anos aflixiron á nación francesa.
Francisco CHAPERON. Proclama. Sevilla, 13-5-1814 [cast.]
24. Medidas restauradores do sistema absolutista
Tras o seu retorno a España e contando co apoio dos absolutistas, Fernando VII e os seus
gobernos foron desmontando todas as medidas adoptadas polo réxime liberal das Cortes de
Cádiz, por medio de sucesivos decretos e circulares, e restaurando o sistema do Antigo
Réxime.
Tiven a ben mandar: Que os chamados señoríos xurisdicionais sexan reintegrados inmediatamente
na percepción de todas as rendas, froitos, emolumentos, prestacións (...) que gozaban antes do 6 de
agosto de 1811.
FERNANDO VII. Real Cédula. 8-10-1814 [cast.]
Desexoso o rei noso señor de proporcionar aos seus vasallos os alivios a que se fixeron dignos polos
seus heroicos esforzos, quixo relevarlles el pago de contribucións correspondentes ao ano 1808,
entendéndose só con respecto aos primeiros contribuíntes.
MINISTERIO DE FACENDA. Circular. 4-11-1814 [cast.]
Vendo con desagrado meu o menosprezo do prudente uso que debe facerse da imprenta, que en vez
de empregala en asuntos que sirvan á sana ilustración do público, ou a entretelo honestamente,
empregase en desafogos e contestacións persoais, que non só ofenden aos suxeitos contra aos que se
dirixen, senón á dignidade e decoro dunha nación (...), convencido por Min mesmo de que os
escritos que particularmente adoecen deste vicio son os chamados periódicos e algúns folletos, (...)
veño a prohibir todos os que desta especie se dan á luz dentro e fóra da Corte; e é a miña vontade
que só se publiquen a Gaceta e o Diario de Madrid.
FERNANDO VII. Real Decreto. 30-3-1815 [cast.]
25. O pronunciamento de Riego
En 1820, entre as tropas españolas, destinadas a sufocar os movementos independentistas das
colonias americanas, correu o rumor, difundido pola masonería, de que os barcos estaban en
mal estado. O descontento do exército propiciou o pronunciamento de Riego a favor da
Constitución e das reformas liberais.
Soldados, o meu amor cara a vós é grande. Polo mesmo eu non podía consentir, como xefe voso, que
se vos afaste de vosa patria, nuns buques podres, para levarvos a facer unha guerra inxusta ao novo
mundo; nin que se vos obrigase a abandonar os vosos pais e irmáns, deixándoos sumidos na miseria
e opresión. Vós debedes a aqueles a vida e, por tanto, é a vosa obriga e agradecemento prolongala,
sosténdoos na vellez; e aínda tamén, se fose necesario, sacrificar as vosas, para romperlles as
cadeas que os mantén oprimidos desde o año 14. Un rei absoluto, ao seu antollo e albedrío,
imponlles contribucións e gabelas que non poden soportar; humíllaos, oprímeos, e por último, como
culminación das súas desgrazas, arrebátavos a vós, os seus queridos fillos, para sacrificarvos ao
seu orgullo e ambición. Si, a vós arrebátanvos do seo paterno, para que en afastados e opostos
climas vaiades a soster unha guerra inútil, que podería facilmente rematarse con só reintegrar aos
seus dereitos á nación española. A Constitución, si, a Constitución, basta para acougar aos nosos
irmáns de América. (...) España está vivindo a mercé dun poder arbitrario e absoluto, exercido sen o
menor respecto ás leis fundamentais da nación. O rei, que debe o seu trono a cantos loitaron na
guerra da independencia, non xurou, porén, a Constitución; a Constitución, pacto entre o monarca e
o pobo, alicerce e encarnación de toda nación moderna. A Constitución española, xusta e liberal, foi
elaborada en Cádiz entre sangue e sufrimento. Mas o rei non a xurou e é necesario, para que
España se salve, que o rei xure e respecte esa Constitución de 1812, afirmación lexítima e civil dos
dereitos e deberes dos españois, de todos os españois, desde o rei ao último labrador. (...) Si, si,
soldados, a Constitución. Viva a Constitución!
Rafael RIEGO. Proclama. Cabezas de San Juan (Sevilla), 1-1-1820 [cast.]
26. O triunfo dos revolucionarios na Coruña en 1820
O pronunciamento de Riego non foi secundado inmediatamente, pero tampouco foi sufocado.
No seu triunfo final foi fundamental o apoio da Coruña, onde oficiais do exército, dirixidos
por Félix Acevedo, e contando co apoio da burguesía local, pronunciáronse a favor da
soberanía da nación.
Apenas se presentou [o capitán xeneral de Galicia] (...) cando o mesmo axudante avisoulle en alta
voz que a garda fixera fogo e que había conmoción no pobo. Todos os oficiais que se encontraban
no salón, e non baixarían de 200, sacaron as súas espadas crendo o xeneral que as desenvaiñaban
para soster os sagrados dereitos do trono, e que o tumulto era esencialmente popular (...). O
xeneral, movido por aquela ilusión tan especiosa berrou "vou pola miña espada"; pero a poucos
pasos para ir a buscala no seu cuarto berroulle o gobernador da praza don Xosé Escudero (...) "meu
xeneral, a onde vai vostede, que o matan?", e volvendo a cara aos conspiradores, un deles vestido de
paisano pero con bigotes e aparencias de oficial, púxolle unha pistola no oído dereito dicindo: viva
a nación! No mesmo momento don Carlos Espinosa e don Ramón Ibáñez, oficiais de Artillería,
berraron non se lle fixera dano ao capitán xeneral (...) e sacárono en unión dos demais conxurados
á Praza da Fariña diante do palacio (...). No centro de dita praza (...) paráronse (...) e a gavela
composta de soldados e paisanos con armas de fogo, espadas e coitelos [estaban] berrando: Viva a
nación! para que o repetise o xeneral que contestou coas voces de "Viva o rei!".
Relación puntual do ocorrido na Coruña o 20 de febreiro de 1820, e días seguintes á
conspiración, para que non quede descoñecido este feito esencial da historia revolucionaria.
1821 [cast.]
27. A independencia de México
En Nova España, a independencia de México foi proclamada polas propias autoridades,
descontentas cos cambios que se estaban a producir en España.
Americanos, baixo este nome comprendo no só os nacidos en América, senón os europeos e asiáticos
que nela residen: tede a bondade de oírme. As nacións que se chaman grandes na extensión do
globo, foron dominadas por outras, e ata que as súas luces non lles permitiron fixar a súa propia
opinión non se emanciparon. (...)
Hai trescentos anos que a América setentrional está baixo a tutela da nación máis católica e
piadosa, heroica e magnánima. España educouna e engrandeceuna, formando esas cidades
opulentas, eses pobos fermosos, esas provincias e reinos dilatados, que na historia do universo van
a ocupar lugar moi distinguido. Aumentadas as poboacións e as luces, coñecidos todos os ramos da
natural opulencia do chan, a súa riqueza metálica, as vantaxes da súa situación topográfica, os
danos que orixina a distancia do centro da súa unidade, e que xa a póla é igual ao tronco; a opinión
pública e a xeral de todos os pobos, é a da independencia absoluta de España e de toda outra
nación. Así pensa o europeo, así os americanos de toda orixe.
Esa mesma voz que resoou no pobo de Dolores, o ano de 1810, e que tantas desgrazas orixinou ao
fermoso país das delicias pola desorde, o abandono e outra multitude de vicios, fixou tamén a
opinión pública de que a unión xeral entre europeos e americanos, indios e indíxenas, é a única base
sólida en que pode descansar a nosa común felicidade (...).
Chegou o momento en que manifestedes a uniformidade de sentimentos, e que a nosa unión sexa a
man poderosa que emancipe a América sen necesidade de auxilios estraños. Á fronte dun exército
valente e resolto proclamei a independencia da América setentrional; xa é libre, xa é señora de si
mesma, xa que non recoñece nin depende de España, nin de ningunha outra nación.
Agostiño de ITÚRBIDE. Declaración de Iguala. 1821 [cast.]
28. Intervención da Santa Alianza en España
O triunfo dos liberais en España iniciou unha onda revolucionaria en Europa que levou ás
potencias absolutistas, reunidas en Verona en 1822, a decidir a súa intervención para
restaurar o absolutismo e os principios do Antigo Réxime.
Os infraescritos plenipotenciarios, autorizados especialmente polos seus soberanos para facer
algunhas adicións ao Tratado da Santa Alianza (...) acordaron nos artigos seguintes:
1º. (...) Plenamente convencidos de que o sistema de goberno representativo é tan incompatible co
principio monárquico como a máxima da soberanía do pobo é oposta ao principio do dereito divino,
obríganse do modo máis solemne a empregar todos os seus medios e unir todos os seus esforzos
para destruír o sistema do goberno representativo de calquera Estado de Europa onde exista e para
evitar que se introduza nos Estados onde non se coñece. (...)
4º. Como a situación actual de España (...) reúne por desgraza todas as circunstancias a que fai
referencia este Tratado, as altas partes contratantes, confiando a Francia o cargo de destruílas,
asegúranlle auxiliala (...) por medio dun subsidio de vinte millóns de francos anuais cada unha,
desde o día da ratificación deste Tratado e por todo o tempo da guerra.
METTERNICH [Austria], CHATEUBRIAND [Francia], BERESTROFF [Prusia], NESSELRODE
[Rusia]. Tratado de Verona. 22-12-1822 [francés]
29. Chamamentos dos absolutistas a favor de Fernando VII, prisioneiro da Constitución
En España, as ideas liberais foron combatidas polos absolutistas ou realistas, defensores dos
poderes de Fernando VII, a quen consideraron prisioneiro dos liberais e da Constitución.
Españois: desde o 9 de marzo de 1820 o voso rei Fernando VII está cativo, impedido de facer o ben
ao seu pobo e rexelo polas antigas leis, Constitución, foros e costumes da Península, ditados por
Cortes sabias, libres e imparciais. Esta novidade é obra de algúns que, antepoñendo os seus
intereses ao honor español, prestáronse a ser instrumentos para trastornar o altar, os tronos, a
orden e a paz da Europa enteira (...). As reais ordenes que se vos comunican no nome da SM son sen
a súa liberdade ou coñecemento; a súa real persoa vive entre insultos e amarguras desde que,
sublevada a parte do seu exército e ameazada de maiores males, viuse forzado a xurar unha
Constitución feita durante o seu anterior cativerio.
REXENCIA SUPREMA. Proclama aos españois. Urgell, 15-8-1822 [cast.]
Galegos: Xa que o noso adoradísimo Fernando, o único católico monarca de España e Indias ten a
mesma inocente docilidade de permitir que esta hidra de cen cabezas (a Constitución e o Congreso)
coarte con escándalo asombroso o goce dos privilexios e dereitos vinculados absolutamente polos
inescrutables xuízos do Eterno coa augusta familia de Borbón; a nós, os bos vasallos (...) toca por
obrigación mutua e propios intereses non consentir en tal prexudicial deliberación (...).
Esa Constitución destrutora, cuxos satélites, arrebatando aos nosos paternais reis as súas
preeminencias, róubannos facinorosamente, baixo o falsísimo suposto de necesidades do Estado,
toda a nosa xa exigua fortuna; para poñer fin ao colmo á ruína deste vasto e florecente reino,
aprésannos, como rabiosos tigres en medio das nosas lágrimas máis copiosas e sanguentas, as
prendas máis caras do noso corazón (...).
Unide e ligade a vosa forza e singular valor, (...) e deste modo o despotismo constitucional fuxirá
espavorecido, para non aparecer xamais na fecundísima superficie de ambas Españas.
Ramón VAZQUEZ [xefe do movemento realista en Cotobade, Pontevedra]. Proclama a favor de
Fernando VII. 5-3-1823 [cast.]
30. Os 100.000 fillos de San Luís
En 1823, os monarcas absolutistas europeos, en aplicación dos acordos de Verona, enviaron un
exército francés, coñecido como os Cen mil fillos de san Luís, para loitar contra os liberais e
devolver o poder absoluto do rei Fernando VII, rematando así o Trienio Liberal.
Xenerosos españois: Despois de tres anos de calamidades públicas que trouxeron sobre a nación a
rebelión de algúns dos seus malos fillos, amenceu por fin sobre as tebras do voso dolor o día da paz o
benéfico influxo da orde e da xustiza.
Europa conmovida das vosas aflicións e fatigada do grito da sedición, interesase vivamente en poñer
termo aos vosos males; e un xeneroso neto de san Luís, á fronte dun exército cheo de lealdade e de
gloria, entra polas vosas fronteiras a auxiliar aos vosos esforzos. (...)
Non son estes aqueles estandartes que ameazaban un tempo a vosa liberdade; é a bandeira da paz,
sostida polos guerreiros valentes destinada a vendar as feridas que vos abriron a desorde e a anarquía,
a reunir baixo a súa benéfica sombra aos fillos do valor que veñen a elevar ao trono e o altar, e a
liberar ao noso desgraciado rei e a súa real familia do cativerio en que lles teñen unha porción de
vasallos rebeldes. (...)
Españois: A vós está reservada a gloria de exterminar a hidra revolucionaria que, arroxada de todos os
Estados de Europa, chegou buscando asilo a esterilizar e encher de desastre o voso chan. Sexa, pois, a
máis perfecta unión a divisa da nosa nobre causa, e non encontre máis que unha vontade onde non hai
máis que unha opinión e un mesmo interese que é o de salvar a relixión, o rei e a patria.
XUNTA PROVISIONAL DO REINO. Manifesto. Baiona, 6-4-1823 [cast.]
31. Temores dos realistas puros
Durante a década ominosa (1823-1833) Fernando VII, ante as dificultades ocasionadas pola
perda das colonias americanas e aconsellado por políticos ilustrados presentou tímidas reformas
económicas e administrativas, rexeitadas polos realistas puros ou apostólicos, que opinaban que
o rei estaba cedendo demasiado aos cambios, e consideraban ao irmán do rei, Carlos María
Isidro, un bo candidato para sucederlle no trono.
Españois! O deplorable estado da nosa amada patria e o eminente perigo en que se encontran a
relixión e o trono, pola case consumada traizón dos nosos gobernantes, cubriron de loito o corazón dos
bos e enchendo de terror aos menos fortes dos nosos compatriotas.
Chegou o caso de ver inutilizados todos os esforzos que nos custou o restablecemento da antiga orde de
cousas, porque esta vai desaparecer do noso chan segundo todas as aparencias. (...) O peor de todo é
que o mesmo monarca (...) o mesmo príncipe a quen arrancamos dúas veces da escravitude comprando
a súa liberdade co noso propio sangue, é un activo instrumento da máis maquiavélica conspiración que
xamais viron os séculos. Horrorizarvos! (...)
Estremecémonos ao considerar a audacia desta peste de innovadores, que, a foro de liberais, non
temeron, nin temen, provocar con tanto descaro a nosa indignación; porque coñecendo, como
coñecemos, o carácter e firmeza nacional, vemos que se aproxima o fatal momento de obrigarnos a
repeler coas armas a máis amarga proba que puidera esixirse do noso sufrimento. Esta é, españois, a
de impoñernos outra vez aquela cadea constitucional que rompeu o noso heroísmo, e despoxar despois
á nación das súas Américas.
FEDERACIÓN DE REALISTAS PUROS. Manifesto que dirixe ao pobo español sobre o estado da
Nación e sobre a necesidade de elevar ao trono ao Serenísimo Señor Infante don Carlos. 1-11-1826
[cast.]
32. O inicio do carlismo. Manifesto de Abrantes
A crise dinástica orixinada á morte de Fernando VII deu orixe ao carlismo, movemento
político e ideolóxico caracterizado pola defensa do lexitimismo, representado nos dereitos ao
trono de Carlos María Isidro e os seus descendentes, así como polo tradicionalismo político,
relixioso, social e a defensa dos privilexios forais.
Españois: Que sensible foi ao meu corazón a morte do meu querido irmán! Gran satisfacción me
cabía en medio das aflitivas tribulacións, mentres tiña o consolo de saber que existía, porque a súa
conservación érame a máis apreciable. Pidamos todos a Deus lle dea a súa santa gloria, se aínda
non gozou daquela eterna mansión.
Non cobizo o trono; estou lonxe de ansiar bens caducos; pero a relixión, a observancia e
cumprimento da lei fundamental de sucesión, e a singular obriga de defender os dereitos
imprescritibles dos meus fillos e todos os meus amados sanguíneos, esfórzanme a soster e defender a
coroa de España do violento despoxo que dela causoume unha sanción tan ilegal como destrutora
da lei que lexitimamente e sen alteración debe ser perpetuada.
Desde o fatal instante en que finou o meu querido irmán (que santa gloria haxa), crin que terían
ditado na miña defensa as providencias oportunas para o meu recoñecemento; e se ata aquel
momento tería sido traidor quen o intentase, agora será o que non xure as miñas bandeiras, ás que,
especialmente aos xenerais, gobernadores e demais autoridades civís e militares, farei os debidos
cargos cando a misericordia de Deus, se así convén, me leve ao seo da miña amada patria, e á
cabeza dos que me sexan fieis.
Encargo encarecidamente a unión, a paz e a perfecta caridade. Non padeza eu o sentimento de que
os católicos españois que me aman, maten, aldraxen, rouben nin cometan o máis mínimo exceso. A
orde é o primeiro efecto da xustiza; o premio ao bo e aos seus sacrificios, e o castigo ao malo e aos
seus inicuos secuaces.
Carlos María Isidro de BORBÓN. Manifesto. Abrantes, 1-10-1833 [cast.]
33. Os valores carlistas
A proclamación como raíña de Sabela II en 1833 provocou levantamentos ultrarrealistas nos
que se recoñecía como rei a Carlos [V]. Os seus partidarios, os carlistas, defendían o
absolutismo, o tradicionalismo e o foralismo, principios recollidos no lema: Deus, rei e foros.
Alaveses. (...) A abolición das cerimonias santas; a liberdade de pensar; a inmoralidade; o
desenfreo de todas as paixóns; a vinganza; os roubos; os asasinatos; a impunidade dos delitos, que
dalgún modo poden servir para dislocar a orde social; a abolición dos nosos foros e privilexios, e a
catividade das nosas liberdades patrias; nunha palabra, a destrución dos altares e a ruína dos
tronos que o Sumo Facedor ten establecidos para o ben da humanidade; tales son sen disputa os
verdadeiros designios da facción revolucionaria, e tal é o estado fatal e o abismo de males en que
esta vil canalla pretende precipitar á nosa amada patria (...).
Elixide, alaveses; españois, elixide. Da vosa decisión depende a existencia do trono español: nas
vosas mans tedes a felicidade e a ruína da vosa patria (...). Viva Carlos V, viva o noso augusto
soberano!
Valentín VERÁSTEGUI. Proclama aos alaveses. 7-10-1833 [cast.]
34. Chamada á defensa dos ideais carlistas
En Galicia, os carlistas fixeron diversos chamamentos en favor do seu rei Carlos e en contra
dos liberais. Foron creadas diversas partidas que combateron contras as tropas isabelinas,
pero non contaron co apoio da meirande parte da poboación.
Valentes galegos: Os que hoxe tiranizan a nosa amada patria baixo o especioso pretexto de defender
o trono de Sabela II son os mesmos que en 1814 e 1823 (...) deixaron a esta heroica nación (...)
empapada no sangue dos seus valentes fillos. Decretos execrables saídos daquela truculenta
asemblea autorizaron a morte e a rapina, e estas foron as virtudes con que aquel goberno
anticatólico proclamou os principios de liberdade, igualdade e felicidade para mellor alucinarvos e
asirvos ao carro fatal da revolución. (...)
Non, ilustres e valorosos galegos: A vosa Xunta non o espera de vós (...) correredes apresurados a
alistarvos baixo as súas bandeiras reais xurando mil veces non deixar as armas das vosas mans ata
haber purificado o xenio do cristianismo co que lle empezoñou a facción impía inimiga do xénero
humano. (...)
Viva a relixión! Viva a patria! Viva o rei noso señor don Carlos V de Borbón!
XUNTA SUPREMA DE GOBERNO DO REINO DE GALICIA. Proclama. 26-4-1835 [cast.]
35. A revolución de 1835 na Coruña
As escasas reformas que a raíña rexente María Cristina introducía, a pesar do apoio dos
liberais á causa da súa filla Sabela, levou á insurrección da burguesía en moitas cidades
españolas, acompañada de numerosas revoltas, motíns e pronunciamentos agravados polo
descontento social provocado pola guerra carlista.
Señora: O Concello da cidade da Coruña, unido a un número considerable de maiores contribuíntes
e con asistencia das autoridades principais da provincia, (...) animados polo notable e patriótico
desexo de conter a explosión que dun momento a outro ameaza con envolver en sangue e desastres a
esta benemérita veciñanza, constituíuse en sesión permanente ata tomar una resolución capaz de
evitala. (...) A marcha lenta do voso Goberno no camiño das reformas, a súa resistencia a
condescender co clamor público expresado solemnemente nas peticións do estamento de
procuradores do reino, o aumento das disidencias en toda a monarquía, e a importancia adquirida
polas que devoran as provincias do norte, exaltaron o espírito público e provocaron en cidades
importantes o desenvolvemento violento das paixóns causando lamentables desastres.(...) V.M.
anunciou ás Cortes que o Estatuto Real era só o alicerce e que a elas correspondía levantar sobre
este a obra grandiosa da representación da patria; tan difícil empresa non pode levarse a cabo
polos procuradores elixidos en aplicación dunha lei interina e transitoria. (...) Hai reformas
urxentes e inevitables que reclaman os progresos do século. A supresión das ordes relixiosas é unha
destas, (...) e arrincar das súas mans os recursos con que combaten ao trono da vosa excelsa filla e
á liberdade nacional (...). Rodee V.M. o trono da vosa excelsa filla de homes patriotas e
comprometidos coa conservación e pola perfección das nosas institucións. Separe dos seus destinos
aos empregados sospeitosos ou claramente desafectos coas institucións actuais e co trono da vosa
excelsa filla. (...) Noutro caso, a Xunta non responde de conservar neste pobo a obediencia debida
ao Goberno. Con este santo fin, os que subscriben suplican a V.M.:
1º. Que V.M. se digne dar favorable despacho ás peticións elevadas polo estamento dos señores
procuradores do reino e particularmente á que solicita a declaración dos dereitos civís dos
españois.
2º. Que en atención ás extraordinariamente críticas circunstancias que vive a nación, teña a ben
convocar as Cortes xerais do reino.
3º. Que teña a ben someter a elas unha lei de eleccións para procuradores do reino conforme cos
principios de dereito público e conveniencia nacional.
4º. Que no ínterim se reúnen as Cortes, se acorde a separación das ordes relixiosas.
CONCELLO DA CORUÑA. Peticións á raíña gobernadora. 27-8-1835 [cast.]
36. As queixas dos cataláns
Desde a Idade Media, Cataluña mantivo, dentro da monarquía española, institucións, leis e
costumes diferenciadas; o desenvolvemento das revolucións industrial e liberal, provocou a
progresiva exaltación dos valores considerados como específicos dos cataláns especialmente
o sentimento de identidade colectiva fronte ao resto de España. O seu desenvolvemento
industrial contrastaba fortemente co resto de España e os cataláns sentíanse marxinados
politicamente polo centralismo de Madrid.
Cataluña quizá é a provincia que máis contribúe ao erario público; quizá é a primeira en que fixa a
súa mirada o Goberno nos seus apuros (...). Porén, o laborioso catalán sufre os sarcasmos do
ocioso castelán; polo xeral se lle considera bárbaro e bruto, como as montañas onde vive, e para
colmo de ignominia, como se se tratase dun pobo conquistado, enchen dende Madrid as súas
oficinas públicas, mandándolle verdugos e vampiros para que a martiricen e desangren (...). Sen
valorar o fermoso idioma con que nos expresamos vulgarmente, teñen unha animadversión cara a
nós tan mal disimulada que provoca nos do país un sentimento igual para con eles (...). Farto
cansada de sufrir a mandaríns estranxeiros, enviados polas disposicións intrigantes que se toman en
Madrid, quere (...) que se lle teña en maior consideración; que non lle neguen aquela parte que en
xustiza lle pertence nos negocios públicos, e que o nome de catalán sexa por todas partes obxecto
das atencións que se merece no século XIX un pobo industrioso e traballador.
El Nuevo Vapor [diario liberal]. 2-11-1835 [cast.]
37. Revolución e barbarie
En 1836, moitas das cidades españolas mantiñan unha rebelión aberta co goberno moderado
da raíña rexente María Cristina, que se veu obrigada, cando estaba no Palacio da Granxa de
san Idelfonso, a restablecer a Constitución de 1812 (motín dos sarxentos). Esta decisión foi
acollida con manifestacións populares nas rúas de Madrid que foron duramente reprimidas
polo xeneral Quesada; aínda que os revolucionarios conseguiron triunfar.
Ao día seguinte deste suceso [o motín da Granxa, 12-8-1836] entraba eu na Porta do Sol arredor do
mediodía (…). A xente berraba e xesticulaba, e moitos corrían gritando: “Viva a Constitución!”
(…). De súpeto, a xente (…) retrocedeu en desorde, deixando un vasto espazo libre, no que ao
instante se precipitou Quesada a galope tendido, espada en man e con uniforme de xeneral (…). O
xeneral gritaba: ”Viva a raíña absoluta!” (…). A tranquilidade quedou restablecida en Madrid para
o resto do día (…).
Pero os moderados non tiveron confianza; aquela mesma noite (…) fuxiron (…). O pánico dos
colegas contaxiouse ao mesmo Quesada, que fuxiu vestido de paisano. Pero (…) recoñecido nunha
aldea a tres leguas de Madrid, foi apresado (…). No serán daquel mesmo día estaba eu [nun café da
rúa Alcalá] (…) cando (…) entrou no café un grupo [da Milicia Nacional] (…). Deron a volta ao
espazoso local, cantando a coro (…) “Que é o que baixa por aquel cerro? Ta ra ra ra ra. Son os
ósos de Quesada, que os trae un can. Ta ra ra ra”. Pediron despois un gran pote de café e,
colocándoo sobre unha mesa, os nacionais (…) sacaron un pano azul (…), desatárono e apareceron
unha man ensanguentada e tres ou catro dedos seccionados, cos que revolvían o contido do pote.
“Cuncas, cuncas!”, gritaron os nacionais.
George BORROW. A Biblia en España. 1842 [inglés]
38. A crueldade da guerra carlista
A guerra carlista enfrontou aos partidarios de Sabela II (os isabelinos, liberais ou nacionais
por defender a soberanía nacional) cos do seu tío, o infante Carlos (os carlistas, absolutistas
ou realistas). Como en toda guerra civil rexistráronse terribles episodios de crueldade.
Na mañá do 20 de outubro de 1836, presentouse ante min don Xosé Llorente oficial da facción que
mandaba don Bieito Catalán (a) o Royo de Nogueruelas, por ser eu síndico do Concello (...) e
díxome que necesitaba os sacerdotes que houbese no pobo (...). Fomos á estrada e vimos un fato de
prisioneiros (...). Fixéronme subir alí un barril de augardente, e despois de beber dixo Catalán que
foran confesando para fusilalos (...). Primeiramente fusilou dezanove ou vinte, gritando os que ían
morrer: viva Sabela II! Logo fusila a outros tantos no medio da estrada (...). Os mortos foron setenta
e sete, e só se librou un, que foi o que abriu a igrexa do pobo de Arcos, onde os colleron (...). Ao
tempo de marcharse pediron sete mil reais, e ameazaron con matarme se os enterraba, para que os
visen as columnas nacionais; pero eu, non podendo tolerar tal carnicería que horrorizaba,
enterreinos xunto á estrada.
Carta sobre os fusilamentos de Alventosa. 1836 [cast.]
39. O debate sobre os dereitos políticos das masas
A participación política dos cidadáns foi motivo dun forte enfrontamento entre os defensores
do carácter restritivo dos dereitos políticos a aqueles individuos máis capaces e intelixentes
ou que máis contribucións pagaban (sufraxio censatario), e os defensores da soberanía
popular e da igualdade de dereitos políticos (sufraxio universal masculino).
Cando eu considero que o meu traballo, xuntamente co dos meus compañeiros os proletarios,
alimenta, viste e regala aos que gozan, síntome menosprezado e excluído (...); a miña indignación
sube de punto (...) polo desdén e vilipendio con que somos tratados (...). Nós nos contamos, aínda
que resultamos ser a gran maioría da poboación, a nación mesma (...). Con todo isto, chámase
representación nacional ás Cortes nomeadas sen a nosa intervención (...).
Eles din: 1º, que a ignorancia en que estamos nos imposibilita elixir con acerto, nin coñecer as
necesidades públicas, nin o modo como fora necesario remedialas; 2º, que non tendo bens que
perder, sería moi arriscado poñer nas nosas mans os medios de causar cambios políticos,
conmocións populares nas que soen mudarse as fortunas; 3º, que o poder compraría facilmente as
nosas votacións en razón da miseria e ignorancia que nos rodea; 4º, que sería preciso asignarnos
pensións sempre que nos ocupásemos da cousa pública, o que aumentaría considerablemente os
gastos da nación (...).
Conmocións políticas! Quen son os que ata aquí as promoveron? Certamente non son os pobres,
senón os diferentes bandos en que se constituíron os ricos; se ben é certo que nos falta o ouro que
conservar, tamén é que temos intereses moito máis preciosos, como son os nosos fillos, o noso
propio sangue copioso e inhumanamente derramado polas vosas loitas (...). Déixesenos entrar nas
Cortes, levar a elas (...) un ánimo conciliador, alí estableceremos todos as bases da concordia entre
ricos e pobres.
Carta dun proletario. El Grito de Carteya. Alxeciras, 15-10-1835 [cast.]
As clases propietarias, comerciais e industriosas, iniciáronse nos misterios da intelixencia que lles
revelaron a arte de gobernar e lles confiaron o exercicio da soberanía, que lles pertence despois de
que lles fose revelado. Se unicamente a estas clases pertence o exercicio da soberanía porque (...)
son intelixentes, soamente a estas clases pertencen os dereitos políticos porque (...) poden exercer
lexitimamente a soberanía.
Xoán DONOSO CORTÉS. Ensaio sobre o catolicismo, o liberalismo e o socialismo. 1851 [cast.]
40. O pensamento liberal conservador
A concreción práctica dos principios liberais en torno ao sufraxio ou á soberanía, provocou unha
forte división dentro do liberalismo, xurdindo diferentes correntes e partidos. Os conservadores
eran partidarios de restrinxir os dereitos e as liberdades a unha minoría da poboación, a máis
capacitada para exercelos.
Dúas bandeiras se enarboraron, señores, desde a orixe das sociedades humanas no horizonte dos
pobos: a bandeira da soberanía popular e a bandeira do dereito divino. Un mar de sangue as separa,
e ese mar de sangue testifica cal é o destino das sociedades que as adoptan, cal é a sorte das
sociedades que as seguen.
Unha nova bandeira, cándida, resplandecente, inmaculada, apareceu no mundo; o seu lema é:
"soberanía da intelixencia, soberanía da xustiza". Sigámola, señores; desde a súa aparición, ela sola é
a bandeira da liberdade; as outras, da escravitude; ela sola é a bandeira do progreso; as outras, das
reaccións; ela sola é a bandeira do porvir; as outras, do pasado; ela sola é a bandeira da
humanidade; as outras, dos partidos.
Xoán DONOSO CORTÉS. Leccións de dereito político. 1836 [cast.]
41. As propostas moderadas
Os moderados ou conservadores asumiron plenamente a defensa dos principios do
liberalismo doutrinario. Foron os que máis tempo ocuparon o poder e contaron coa
predilección dos monarcas españois, así como co apoio dos notables e das clases altas. Foron
férreos defensores da exclusión das masas da política, impoñendo un restritivo sistema
electoral; así mesmo, amosáronse partidarios do control da vida municipal polo goberno
central.
A que aspira o partido moderado? (...) En que consisten os seus principios de goberno?
O carácter máis marcado desta escola é o de resistir ao torrente revolucionario, conceder o menos
posible ás esixencias dos innovadores, (...) manter o existente, previr trastornos, concretar a
propiedade e a influencia na clase media, fortalecer as ideas de goberno, subordinación e
obediencia (...). Prescinde tamén nas súas teorías do goberno do pobo, das masas (...). A idea do
benestar do maior número, a noción do deber por parte da sociedade de ocuparse da sorte dos
pobres, dos ignorantes, dos desvalidos, que compoñen a maioría da poboación (...), non preocupa
aos homes de goberno deste partido (...) Chama á conciencia pública contra os excesos e as
calamidades que xeran as revolucións, procura diminuír os males que provocan, pero non aspira á
(...) concordia de todos os intereses, a asociación de todas as clases.
Andrés BORREGO [periodista moderado]. El Correo Nacional. 1838 [cast.]
42. Obxectivos de Solís
A actuación dos moderados dirixidos por Narváez, modificando a Constitución e as leis
progresistas e impoñendo o modelo político que eles defendían, provocou numerosos intentos
revolucionarios para acceder ao poder, entre os que destaca o pronunciamento progresista
iniciado en Lugo e encabezado por Miguel Solís, que estableceu en Santiago unha Xunta
Superior.
Soldados: Un puñado de ambiciosos indignos do nome español invocaron o apoio do exército para
soster os seus planes liberticidas para arrancar o país das súas institucións, para ter en opresión a
vontade da raíña constitucional e para humillar a dignidade da nación. (...)
Nunca foi máis xusta, máis santa, a causa que vamos a defender: nun lado, uns poucos ambiciosos,
noutro, a nación enteira; á fronte un inimigo débil, raquítico, rexeitado pola opinión, a honradez e
pola xustiza, e á retagarda está o pobo; ese pobo de onde saímos e a onde volveremos, ese pobo
vexado, escarnecido e onde están os nosos pais, os nosos irmáns e os nosos amigos. Será dubidosa a
vitoria? Non compañeiros, os tiranos treman xa: a ignominia e a execración caerán sobre as súas
cabezas, mentres que as vosas cubertas de loureiros serán obxecto da admiración e gratitude dos
vosos cidadáns.
Soldados, envaidecido de conducirvos pola senda da gloria, contarei co día máis feliz da miña vida
o día que me puxestes á vosa fronte.
Colmarei o meu deber satisfeito con contribuír á reconquista da liberdade española e o seu trono
constitucional.
Soldados, Viva a liberdade! Viva a raíña libre e constitucional! Abaixo a camarilla e o ditador
Narváez! Abaixo o sistema tributario!
Miguel SOLÍS Y CUETOS. Proclama. Lugo, 2-4-1846 [cast.]
43. O programa liberal progresista
Procedentes dos exaltados das Cortes de Cádiz e do Trienio Liberal, na segunda metade da
década de 1830, os progresistas moderaron as súas reivindicacións. Aceptaron moitos
principios do liberalismo doutrinario, pero combinados coa defensa da primacía da Cortes
sobre o rei, a descentralización municipal e unha interpretación ampla das liberdades. Tamén
foron defensores das modificacións lexislativas favorables ao desenvolvemento das
actividades económicas capitalistas (desamortizacións, ferrocarrís...).
1º. (...) O partido progresista proclama: a monarquía é a única forma de goberno posible en
España, así como o sistema representativo é a única forma posible nas monarquías das nacións
civilizadas de Europa (...). O que lle separa dos seus adversarios non é o sistema; son os medios de
gobernar (...).
2º. Conciliación dos españois (...). Todas as opinións caben dentro do réxime constitucional tal
como o conciben os progresistas (...) se non pasan dos límites da legalidade (...).
7º. Reformas prudentes e útiles en todos os ramos da administración (...).
8º. Relixioso respecto á propiedade e ás persoas (...).
9º. Liberdade de imprenta, garantida por un xurado (...).
10º. Emancipación da administración provincial e municipal (...) suxeitas [hoxe] a un réxime de
excesiva centralización, que destrúe todo estímulo e pon trabas intolerables a todo conato de
prosperidade (...).
11º. Sistema electoral ben combinado, (...) que diste tanto do sufraxio universal, como do monopolio
de poucas e determinadas persoas (...).
14º. Milicia nacional, como elemento de orde e de liberdade (...).
15º. Responsabilidade ministerial formulada da maneira que resulte máis efectiva.
PARTIDO PROGRESISTA. Bases programáticas. 1848 [cast.]
44. O programa do partido democrático
Os demócratas xurdiron como grupo organizado na década de 1840, como unha disidencia
dos progresistas ante a súa crecente moderación. Defenderon en toda a súa plenitude as
propostas do liberalismo democrático. Constituíron unha minoría radical, a súa vez dividida
entre os partidarios da monarquía e os partidarios da república.
O Estado debe recoñecer e garantir a todos os cidadáns (...): A seguridade individual. A
inviolabilidade do domicilio. A propiedade. A liberdade de conciencia. A de exercer a súa profesión,
oficio ou industria. A de manifestar, transmitir e propagar o seu pensamento de palabra, por escrito
ou doutra forma. A de reunión pacífica para calquera obxecto lícito, sexa ou non político. A de
asociación para todos os fins morais, científicos ou industriais (...). O dereito a unha igual
participación de todas as vantaxes e dereitos políticos. O dereito a un repartimento equitativo e
proporcional das contribucións e do servizo militar (...). O de ser xulgado e condenado pola
conciencia pública (xurado) (...).
A soberanía nacional é o principio fundamental do dereito político moderno, e a democracia a súa
forma lóxica e xenuína (...). A formación das leis corresponde aos representantes do pobo reunidos
en Cortes. Son caracteres esenciais da representación nacional democraticamente constituída: a
lexitimidade, a unidade, a independencia. A lexitimidade supón a elección directa e o sufraxio
universal. A unidade consiste na existencia dunha soa Cámara como expresión e representación da
nosa unidade nacional e da unidade política de todas as clases do Estado. A independencia esixe a
limitación e regulación das facultades atribuídas ao poder executivo, de convocar, suspender e
disolver as Cortes e de sancionar as leis (...). Os pobos son administrados por concellos de elección
popular.
Programa de goberno da extrema esquerda do Congreso. 6-4-1849 [cast.]
45. A defensa da república fronte á monarquía
A maioría dos liberais españois defenderon a monarquía como forma de Estado e de goberno.
Pero a partir de 1837, liberais radicais, descontentos coa derivación cada vez máis
conservadora dos progresistas, proclamáronse claramente republicanos. Na década de 1840, o
republicanismo xa tiña núcleos organizados en Madrid, Barcelona e Valencia e dispuña de
publicacións nas que reivindica a república como forma de Estado e de goberno.
- Tío Rebenque. Cales son as condicións indispensables para que o pobo teña suficiente intervención
nos asuntos públicos?
- Guindilla. 1ª Que todos os homes maiores de idade (...) dean directamente seu voto para a elección
dos xefes que lles van mandar e dos deputados que lles van representar. (...) 3ª Que a liberdade de
imprenta permita que se poidan escribir (...) e expresar todas as opinións (...). 4ª Que o pobo poida
(...) reunirse (...) e asociarse (...). 6ª Que todos os cidadáns estean armados en forma de Milicia
popular para que se respecte a súa voz e non se faga mofa dos seus dereitos (...).
- T.R. Como se chama o goberno no que se verifican todas estas condicións de intervención popular,
de responsabilidade dos funcionarios públicos, de igualdade ante a lei, de paz, de xustiza, de
economías e de orde?
- G. Este é o goberno republicano (...).
- T.R. Que razón hai para poñer á cabeza das nacións reis hereditarios e tan poderosos?
- G. Din que é para asegurar a paz e a orde na sucesión dos xefes de Estado (...).
- T.R. E se se corrixise o inconveniente da irresponsabilidade dos reis?
- G. Intentouse poñendo ao seu lado persoas responsables para finxir que sen elas non pode facer
nada válido; pero isto é unha artimaña para que o pobo tolere o goberno monárquico.
Cartilla do pobo. Diálogos políticos entre Guindilla e o tío Rebenque, Guindilla. Madrid, 8-9/13-11-
1842 [cast.]
46. A defensa do federalismo e da república
Durante o século XIX a concreción práctica dos principios liberais, provocou unha forte división
dentro do liberalismo: moderados, progresistas, demócratas, monárquicos e republicanos. Estes
últimos, minoritarios durante todo o século, tamén presentaban diferenzas entre si, na defensa
dunha república unitaria ou federal.
Xamais España constituíu unha monarquía compacta e homoxénea, porque se ben desde o reinado de
Fernando o Católico e Sabela de Castela as diferentes porcións do seu territorio, que foran ata entón
reinos independentes, conserváronse unidas baixo un cetro común, o vínculo desta unión foi tan só o
prestixio e respecto que profesaron todos eles a aquelas persoas verdadeiramente dignas desta
homenaxe, e por costume e ignorancia ás dos seus sucesores; polo demais, nin as leis, nin os
costumes, nin a lingua, nin os intereses, nin as afeccións, nin nada de canto se require para constituír
unha sociedade ben ordenada, foi común entre elas, e máis que como partes integrantes dun corpo
único viviron como irmáns menores suxeitos á patria potestade, e dispostos a emanciparse tan pronto
como o pai común chegase a faltar, ou a idade e o coñecemento fixesen innecesaria a dependencia del.
Este caso chegou, non por unha nin por outra destas dúas causas, senón porque as persoas que ata
aquí representaron o papel de pai común (...) perderon completamente o prestixio de que gozaran os
seus antepasados (...). Disolvido este vínculo non quedaba outro medio de poder reunir ás diferentes
provincias de España nunha sociedade común que o de mutuo e recíproco interese, ou o supremo,
aínda que ilegal e inxusto, da forza (...).
Parece, pois, necesaria e inevitable a disolución desta monarquía nos seus antigos elementos,
formándose dela outras tantas repúblicas independentes e federadas cantas poidan convir ás divisións
naturais do terreo e ás particulares leis, usos, costumes e linguaxes dos seus habitantes: só así
poderemos ter paz.
El Huracán [periódico republicano federal. Madrid]. 14-12-1840 [cast.]
47. As corruptelas electorais no reinado de Sabela II
A falsificación e a fraude electoral foron prácticas políticas habituais durante o reinado de
Sabela II exercidas polos grupos políticos liberais que controlaron o Goberno.
Leuse un oficio do presidente da mesa (...), remitindo a protesta que nas últimas eleccións fixo o
secretario daquel concello (...) sobre os feitos seguintes: primeiro, que as papeletas sacábanse do
local e estendíanse nunha taberna, na cal os mordomos do marqués de Santa Cruz e San Esteban e
do marqués da Ferrera obsequiaban aos electores con viño e comida, e dábanlles unha papeleta,
sendo axiña conducidos (...) ata a mesa, onde os incautos electores depositaban a súa papeleta na
urna; segundo, que na mesma taberna se encontraba o cura párroco e un avogado (...) que escribían
as papeletas mentres os electores comían e bebían: terceiro, que chamándolles a atención (...) sobre
este feito de sedución, contestáronlle con insultos, entre eles dicirlle que o facían porque non
querían que fosen ás Cortes os progresistas, canalla que non ía senón a buscar emprego. A mesa do
distrito tomou en consideración estas protestas (...) e quedou rexeitada a acta por vintedous votos
contra once.
Acta das eleccións. Santullano de las Regueras (Asturias). 1843 [cast.]
En Carballo (A Coruña), o presidente adiantou unha hora o reloxo e ás once anunciou que estaba
finalizada a votación. Así conseguiu que non votase a maioría dos electores. Obtido así o resultado
desexado, baixo pretexto de manter a orde, chamou á Garda Civil para que desaloxase a sala,
ameazando co cárcere aos que insistisen en querer votar (...).
En Murcia, o véspera da elección, o gobernador manda que as parellas da Garda Civil percorran a
horta, entren nas casas dos electores adictos aos marqueses de Corvera e Ordoño e levan presos aos
que teñan armas, entendéndose por tales incluso os coitelos de cociña (...). Encarcerados os presos
no cuartel da Garda Civil, se lles ofreceu a alternativa de pagar cen ducados de multa e trinta días
de prisión ou votar aos candidatos do Goberno.
Memoria das eleccións. 1853 [cast.]
48. Os problemas matrimoniais de Sabela II
O reinado persoal de Sabela II (1843-1868) estivo marcado pola súa personalidade e pola súa
vida privada. Obrigada, por razón de Estado, a casar co seu primo Francisco de Asís, os seus
problemas matrimoniais foron obxecto de escándalo político e tiveron incidencia no
desenvolvemento do réxime.
Ao facerse público o rompemento dos cónxuxes, o Goberno intentou mediar a través do ministro de
Gobernación, Antonio Benavides, que se entrevistou con don Francisco de Asís e obtivo esta resposta:
- Benavides: “Esta situación non pode prolongarse, porque nin favorece á raíña nin favorece a V.M.
Compréndoo, respondía don Francisco, pero quíxose aldraxar a miña dignidade de marido,
maiormente cando as miñas esixencias non son esaxeradas. Eu ben sei que Sabeliña non me ama, e
descúlpoa, porque o noso enlace foi fillo da razón de Estado e non da inclinación; e eu son tanto máis
tolerante neste sentido canto que eu tampouco lle puiden ter cariño (…). Eu casei porque debía casar,
porque o oficio de rei aloumiña; eu entraba gañando na partida e non debía tirar pola fiestra a
fortuna coa que a ocasión me brindaba, e entrei co propósito de ser tolerante para que o foran
igualmente comigo, para min non sería molesta a presenza dun privado (…). Eu toleraría a Serrano,
nada esixiría se non agraviase a miña persoa, pero maltratoume con cualificativos indignos, non tivo
para min as debidas consideracións, e polo tanto, aborrézoo. É un pequeno Godoy, non soubo
conducirse; porque aquel ao menos, para obter a privanza da miña aboa, namorou primeiro a Carlos
IV.
Natalio RIVAS. Anecdotario Histórico Contemporáneo. 1944-1950 [castelán]
49. A corte dos milagres
Desde 1843 en que Sabela II inicio o seu reinado persoal, a súa vida privada, o seu carácter
caprichoso, a escasa formación que recibiu, así como os consellos da camarilla que rodeaba á
raíña, tiveron unha forte incidencia na vida política española. A súa permanente intromisión
nos asuntos políticos acabou sendo obxecto de crítica e censura tanto por líderes políticos
como por unha importante parte do pobo.
A raíña Sabela (...), daba con facilidade cabida na súa alma a aquilo que se fundaba nas ideas
relixiosas; e o rei consorte (...) era afeccionado a toda clase de regalos e deleites, sen excluír os
sobrehumanos e espirituais (...). O rei fíxose amigo daquela célebre monxa do convento de Xesús
chamada sor Patrocinio, a cal, non contenta con parodiar a santa Tareixa, finxindo que tiña
aparicións e revelacións celestiais, atreveuse igualmente a parodiar a san Francisco de Asís,
mostrando nas súas mans, pés e costado, as mesmas chagas que tivo o noso divino Redentor (...).
Tiña a monxa por auxiliar ao confesor do rei, o pai Fulxencio, persoa de curtos alcances (...).
Sucedeu, pois, que tentada a raíña pola finxida santidade, falsas profecías e consellos, houbo de
ceder ao que a monxa desexaba, poñendo ao ministerio de Narváez, de súpeto, na necesidade de
presentar a dimisión. Entón nomeou a raíña un Ministerio inspirado pola “santa". O conde de
Cleonard foi ministro da Guerra e presidente do Consello, e o conde de Colombí, ministro de
Estado. A pesar da oposición da raíña nai María Cristina, os novos ministros xuraron os seus
cargos o 19 de outubro de 1849.
Por fortuna, a opinión pública manifestouse do modo máis resolto en canto se difundiu esta noticia.
As autoridades civís e militares presentaron a súa dimisión. (...) A raíña Sabela debeu entón de
asustarse; arrepentiuse do que fixera e, para remedialo, chamou de seguida a Narváez, a quen
restituíu ao seu Ministerio.
Modesto LAFUENTE, Xoán VALERA. Historia Xeral de España. 1890 [cast.]
50. Estado confesional: o Concordato de 1851
Desde 1843, os gobernos moderados procuraron o achegamento coa Igrexa, que aceptou e
recoñeceu as vendas dos bens desamortizados e levantou a condena sobre os gobernos e
compradores. A cambio, o Estado recoñecía a relixión católica como a oficial e a capacidade
das autoridades eclesiásticas para exercer o control na educación e nos costumes sociais.
Art.1. A relixión católica, apostólica romana, que con exclusión de calquera outro culto continúa
sendo a única da nación española, conservarase sempre nos dominios da S.M. católica con todos os
dereitos e prerrogativas de que debe gozar segundo a lei de Deus e o disposto polos sagrados
canons.
Art.2. En consecuencia, a instrución das Universidades, Colexios, Seminarios e Escolas públicas ou
privadas de calquera clase, será en todo conforme á doutrina da mesma relixión católica; e a este
fin non se poñerá impedimento algún aos bispos e demais prelados diocesanos encargados polo seu
ministerio de velar sobre a pureza da doutrina da fe e dos costumes, e sobre a educación relixiosa
da xuventude no exercicio deste cargo, incluso nas escolas públicas.
Concordato entre o Estado español e a Santa Sede. 1851 [cast.]
51. Unha xornada revolucionaria en Madrid en 1854
En 1854 o descontento pola actuación dos gobernos ultramoderados levou aos progresistas e
moderados desprazados a preparar un pronunciamento, ao mesmo tempo que a impulsar
numerosos motíns e revoltas nas cidades que obrigaron á raíña a confiar o goberno aos
sublevados.
Desde o amencer, a revolución [19-6-1854] tomou tanto empuxe que fíxose invencible (...). Algunhas
mulleres que ían pola rolda pouco despois da alba, repararon que viña de Chambery en dirección á
porta de Fuencarral un carro coidadosamente cuberto e custodiado por unha curta forza que aínda
que disfrazada parecía militar (...). Amoreouse pois, aos gritos das mulleres, unha multitude
inmensa en torno do carro e cando viron que o que conducía eran municións de guerra, un berro de
inmenso xúbilo resoou no aire. Aquel suceso providencial salvaba á revolución (...). Repartíronse
inmediatamente pólvora e balas aos grupos e o ardor medrou a medida que a noticia se difundiu
como chispa eléctrica (...).
En todas as rúas máis principais de Madrid, así como nos barrios baixos, construíronse barricadas
que foron heroicamente defendidas polo pobo. A tenacidade do pobo, que medraba por instantes,
obrigaba ás tropas a ser tenaces tamén. As traizóns destas nos días anteriores quitaban aos
paisanos todo anhelo por trabar conversas de paz e é seguro que o sangue non tería deixado un
instante de correr se non a negociaran persoas moi peritas nas loitas civís. (...) As persoas máis
influentes e coñecidas acudiron tamén en axuda do xeneral [O´Donnell], e así foron pouco a pouco
formándose as Xuntas de Salvación, Armamento e Defensa da provincia de Madrid.
Faustina SÁEZ DE MELGAR. Rosa, a cigarreira de Madrid. 1872 [cast.]
52. Automutilacións para evitar o servizo militar
O sistema de quintas, que permitía a substitución e redención do servizo militar, era
claramente discriminatorio coas clases humildes. As familias que non podían librar aos seus
fillos da dureza e dos riscos da vida no exército, viron como estes recorrían á emigración ou á
automutilación para evitar ir a filas.
Na última quinta para o exército no concello de Guntín (Lugo), foron comprendidos [seguen once
nomes de mozos] quen no acto de chamamento e declaración de soldados, alegaron catro deles a
falta da última falanxe dun e os índices das mans e sete seccións parciais dun dos tendóns
extensores que non permitía a extensión completa dos dedos; defectos que lles observaron os
facultativos e aseguraron lles imposibilitaba para o servizo militar, e os interesados dixeron recibir
casualmente estando en faenas do campo, xa por consecuencia de espiñas velenosas, xa por golpes
recibidos naquela parte, circunstancias que non podían xustificar por non haber testemuñas
oculares dos feitos, e asegurar tamén que a curación fixérona con herbas do campo e outros
medicamentos dispostos e aplicados por eles mesmos, sen consulta nin intervención de persoa
algunha e menos de ningún facultativo. Por virtude de todo isto, se ben os referidos mozos non
puideron menos de quedar exentos do servizo (...) despréndense vehementísimas sospeitas de que as
inutilizacións foron maliciosas para eludir o servizo.
Causa contra Xoán Rodríguez, presunto autor de varias inutilizacións de quintos. 18-6-1860
[cast.]
53. Unión das forzas revolucionarias contra Sabela II
A partir de 1866, a crecente oposición ao Goberno e o desprestixio de Sabela II propiciou a
unión de forzas políticas formadas por progresistas, demócratas, unionistas e moderados
descontentos, para conseguir un acordo e derrocar á raíña.
Despois dunha breve discusión acordouse por unanimidade o seguinte:
1. Que o obxecto e bandeira da revolución en España é a caída dos Borbóns.
2. Que sendo para os demócratas un principio esencial do seu dogma político o sufraxio universal e
admitindo os progresistas o dereito moderno constituínte do plebiscito, a base da intelixencia dos
dous partidos fora que por un plebiscito (...) ou por unhas Cortes Constituíntes elixidas polo
sufraxio universal, se decidiría a forma de goberno que se había de establecer en España, e sendo a
monarquía, a dinastía que debía substituír á actual (...). Que se recoñecía como xefe e director
militar do movemento ao xeneral Prim.
Pacto de Bruxelas. 5-7-1867 [cast.]
54. As proclamas obreiras en vésperas da revolución de 1868
As masas proletarias manifestaron o seu descontento e oposición aos gobernos moderados da
monarquía, o mesmo que outros grupos políticos. E aínda que as súas reivindicacións estaban
próximas aos republicanos, non sempre coincidían.
Por que vamos pelexar? Vamos pelexar polo réxime político da Constitución do ano 12? Vamos
pelexar pola situación política do ano 20? Vamos pelexar porque volvan a inscribirse nuns cuantos
artigos as promesas da Constitución do 37? Vamos pelexar pola reivindicación das políticas e
glorias sociais do 54? Por que vamos pelexar?
Vamos pelexar para que as influencias opresoras do capital non escravicen as forzas fatigadas do
obreiro (...); por abolir dunha vez por sempre toda clase de censos irredimibles (...); porque o
traballo sexa o único e exclusivo fundamento de dereito de propiedade (...); para que os homes que
vivimos dentro desta sociedade sexamos produtores e consumidores á vez (...); para cimentar os
principios de liberdade e de igualdade, tantas veces inutilmente proclamados coas anteriores e
radicais reformas (...); pola reintegración do home nos seus dereitos de educación, de moralidade,
de instrución (...); por ser libres e iguais dentro dun novo réxime político e social máis xusto, máis
en conformidade co dereito e perfectamente fabricado no molde da natureza humana (...). Vamos
pelexar ata que consigamos romper as cadeas dos nosos irmáns, os escravos das nosas posesións de
Ultramar (...).
Desde que os pobos inglés e francés tiveron nas súas mans as cabezas dos seus reis, todos os pobos
da terra poden exclamar, repetindo co pobo inglés e francés: OS POBOS NON QUEREN PARA
NADA OS REIS, PORQUE PARA NADA OS NECESITAN.
E se isto o fixeron Inglaterra e Francia, por que non pode facelo a nación española?
ABAIXO A IGNORANCIA! ABAIXO A MISERIA! VIVA A REPÚBLICA!
Panfleto. Xullo de1868 [cast.]
55. A revolución día a día
As dificultades políticas, sociais e económicas e o descontento de case todos os grupos
políticos co goberno de Sabela II, provocou en setembro de 1868 a revolución que expulsou á
raíña.
Querida Dores: Esta mañá saín (...) percorrín esas rúas e prazas, cheas todas de xente alegre. Ao
principio todo era xúbilo inocente: colgaduras nos balcóns, bandas tocando o himno de Riego, vivas
á liberdade, morras aos Borbóns e a toda a súa descendencia. Só parece que algúns cidadáns se
alporizaron demasiado e deron morte a un ou dous policías. Os nomes de moitas rúas e prazas
borráronse como por ensalmo (...) e puxéronse (...) outros dos xefes sublevados. Foise ao cárcere,
onde estaban encerrados os presos políticos, e todos foron liberados. A todo isto xa se formara a
Xunta de Goberno cos primeiros homes notables que chegaron á casa do Concello (...). A iso das
catro da tarde, a cousa comezou a tomar moi mal aspecto. Os paisanos armábanse. Nas esquinas
apareceron uns carteis chamándoos ás armas. (...). En fin, mañá chegarán Prim e Serrano e todo se
ordenará. Entre tanto, a xente do pobo, ebria de viño e de verse soberana, non creo que roube, pero
pode facer algunha outra barrabasada.
Xoán VARELA. Carta [a súa dona]. Madrid, 29-9-1868 [cast.]
56. O clero debe limitarse á misión relixiosa
A revolución de 1868 estableceu os principios do liberalismo democrático, que recoñecía unha
serie de dereitos e liberdades individuais, como a liberdade de conciencia e de relixión. Este
feito marcaría as novas relacións da Igrexa cos gobernos liberais.
Hai por desgraza neste país unha parte do clero, que a pesar das consideracións que inspira a
santidade do seu ministerio, do respecto que ata o día se lle gardou e da relixiosidade con que se
atende aos seus deberes, non quere facerse cargo de que a súa misión é a de predicar a paz e a
concordia entre os seus fregueses, acatar os poderes constituídos e apartarse das loitas candentes dos
partidos. Pola contra, nalgúns puntos desta provincia empezan a dar mostra dunha intransixencia
vituperable e a valerse do ascendente que aínda conservan entre a masa menos ilustrada do pobo para
predicar a rebelión e concitar os ánimos constituíndose en xefes de cuadrilla. Se ata agora se puido
mirar sen preocupación a esta conduta filla en moitos do despeito que lles causa o triunfo da
liberdade, tempo é xa de que non se interprete a tolerancia como unha mostra de debilidade, nin se
crea que contra tales homes non alcanza o poder que todos estamos obrigados a respectar. O
sacerdote que se cinga ao cumprimento do seu augusto ministerio protección decidida terá da nosa
parte, e protección decidida encargo que lle dispensen todas autoridades da provincia. Os que
conciten os ánimos contra o réxime liberal, os que propalen especies que tendan a desacreditar e facer
odiosa a revolución de Setembro. Estou resolto, en cumprimento do meu deber, a facer un severo
escarmento con eles.
GOBERNACOR CIVIL. Circular. A Coruña, 23-11-1868 [cast.]
57. Moderados, progresistas e demócratas
O liberalismo converteuse na ideoloxía dominante en España tras a morte de Fernando VII.
Pero á hora de levar á práctica os seus principios políticos e económicos, existiron fortes
diferenzas que causaron a súa división en varias tendencias, diferenciándose tres grandes
familias políticas liberais: os moderados, os progresistas e os demócratas, estes últimos
divididos en monárquicos e republicanos.
Os moderados representan un paso máis na escala do progreso, non conceden senón a medias o
principio da soberanía nacional. Din que o rei ten o seu dereito de ser soberano, dereito histórico e
de raza, pero o pobo tamén ten dereito a intervir co rei na xestión dos públicos intereses; e
conservando as institucións do absolutismo, líganas (...) coas novas, que deben satisfacer os desexos
das clases acomodadas, e unha parte das medias.
Os progresistas parten do principio da soberanía nacional, que colocan sobre todos os outros; o rei,
segundo eles, é porque a nación quere que o sexa, e non porque o herdara dos seus devanceiros (...).
O segredo da ruína desta fracción política cantas veces subiu ao poder, está en ter conservado as
institucións que podían servir de instrumentos aos reis, para librarse deles (...).
Hai unha fracción demócrata que cre posible a amalgama da monarquía e dos principios
democráticos, da liberdade individual e da soberanía nacional.
Segue a esta a fracción republicana propiamente dita (...). Como réxime político quere (...) en lugar
do rei un consello ou xunta federal composta, como en Suíza, por un ou máis membros por cada
provincia ou Estado. En lugar de dúas cámaras, unha soa. Para o censo electoral, o sufraxio
universal para toda clases de eleccións (...). Os seus elementos máis activos pertencen ás profesións
liberais, aos traballadores e artesáns en xeral e a unha parte cada día máis considerable da clase
media.
Fernando GARRIDO. Historia do último Borbón. 1869 [cast.]
58. O nacemento da peseta
En 1868, as forzas opositoras levaron a cabo un pronunciamento, seguido dunha revolución,
que expulsou a Sabela II de España. Os revolucionarios tomaron unha serie de medidas
políticas e económicas, que supoñían o inicio dun réxime liberal democrático. Unha delas foi a
imposición da peseta como nova unidade monetaria.
O triunfo da revolución iniciada no glorioso alzamento de Cádiz fai indispensable unha medida de
grandísima importancia: a acuñación da moeda. A moeda de cada época serviu sempre para marcar
os diferentes períodos da civilización dun pobo, presentando nas súas formas e lemas o principio
fundamental da Constitución e modo de ser da soberanía, e non habendo hoxe en España máis poder
que a nación, nin outra orixe de autoridade que a vontade nacional, a moeda só debe ofrecer á vista
da figura da patria, e o escudo das armas de España, que simbolizan a nosa gloriosa historia ata o
momento de constituírse a unidade política baixo os Reis Católicos; borrando para sempre dese
escudo as lises borbónicas e calquera outro signo ou emblema de carácter patrimonial ou de persoa
determinada (…). Por todas estas consideracións, (…) como ministro de Facenda, veño en decretar o
seguinte:
Art.1. En todos os dominios españois a unidade monetaria será a peseta, moeda efectiva equivalente a
100 céntimos.
Art.6. Todas as moedas cuxo tamaño o permita, ostentarán unha figura que represente a España, coas
armas e atributos propios da soberanía nacional, e levarán expresados o seu valor, peso, lei e ano da
fabricación.
Decreto Lei. 19-10-1868 [cast.]
59. O concepto de república e as súas leis
Os republicanos galegos, tras o triunfo da revolución de 1868, iniciaron a súa actividade
como grupo organizado e levaron a cabo diversos actos encamiñados a ampliar a súa base
social. Como medio de propaganda publicaron folletos dirixidos ás clases populares nos que
expoñían as vantaxes da república e a crítica do réxime monárquico.
Así como na monarquía manda un rei sobre o pobo, na república non hai rei, e o pobo gobérnase
por si mesmo.
A monarquía é o desgoberno do pobo por un rei.
A república é o goberno do pobo polo pobo.
Na monarquía o rei goberna como lle convén a el, que é sempre o contrario do que lle convén ao
pobo.
Na república o pobo gobérnase a si mesmo como lle convén. (...)
Ao pobo convenlle ter liberdade, e na república o pobo é libre. (...)
Ao pobo non lle convén que haxa quintas, e na república non as hai. (...)
Ao pobo non lle convén que haxa consumos, e na república non hai contribucións de consumos.
Ao pobo non lle convén que o aforquen, nin que o fusilen, e na república non hai pena de morte.
Ao pobo convenlle que a xustiza criminal sexa barata, e na república a xustiza criminal é de balde,
porque os xuíces son veciños honrados que o pobo escolle, que forman unha xunta, e aplican a lei ao
que falta.
Ao pobo non lle convén que o rei teña leguas e leguas de terra e sen cultivar para ir el a cazar
coellos e veados cando lle acomode, e na república todas esas terras que antes posuían os reis,
divídense en lotes e véndense aos pobres moi baratas, para que as traballen e se manteñan.
Ao pobo non lle convén ter que sacar licenza para pescar, cazar e ter armas, e na república pesca e
caza o que quere, porque cada un é libre de exercer a profesión que lle dea a gana, e cada quen
pode ter na súa casa as armas que queira, con tal que non faga delas un mal uso.
Ramón PÉREZ COSTALES. A verdade ás aldeas.1869. [cast.]
60. O pacto federal galaico-asturiano
Os republicanos galegos loitaron, en diversas frontes para conseguir o triunfo da república
federal. Ao longo de 1869 realizaron diversos actos encamiñados tanto a ampliar a súa base
social como a forzar un cambio no sistema. Paralelamente, foron asinando diferentes pactos
entre as distintas provincias e rexións de España nos que se recollían a defensa da soberanía
popular, da república federal e da milicia cidadá, ademais de precisarse a organización do
Partido en comités locais, de distrito e provinciais, así como a formación dunha xunta xeral
da federación e dunha comisión permanente con sede na Coruña.
Os representantes das cinco provincias de Asturias e Galicia acordaron aliarse e unirse para todo o
que se refira á conduta do partido republicano e á causa da revolución, sen que de modo algún
intente separarse do resto da nación. (...)
A asemblea xeral galaico-asturiana, considera como única forma de goberno, capaz de perpetuar a
práctica das nosas grandes e patrióticas aspiracións, a república democrática federal.
O partido republicano de Asturias e Galicia queda constituído da seguinte maneira:
En cada concello haberá un comité composto de tres ou máis individuos, nomeado por sufraxio
directo de todos os republicanos do mesmo concello (...) que nomearán individuos (...) para formar
o comité do distrito xudicial (...). O comité de distrito nomeará un individuo para o comité
provincial, e o comité provincial nomeará tres para a formación da xunta xeral da federación. (...)
Esta xunta (...) terá na cidade da Coruña, centro polo de agora da federación, unha comisión
permanente (...). Esta comisión estará en comunicación directa coas de todas as confederacións de
España e Portugal (...) e convocará a todos os individuos para determinar en asuntos de carácter
grave. (...)
A asemblea xeral do pacto galaico-asturiano (...) declara que a federación (...) ao contrario de
romper a unidade nacional, estréitana máis intimamente, dando a cada Estado o dereito de
administrarse, organizarse e vivir como crea máis en conformidade coa súa índole e circunstancias,
unindo a todos polos inquebrantables vínculos da nacionalidade, a forza e a harmonía de intereses,
e por unha asemblea nacional e un goberno sinxelo que concentre sen custosa e frívola vaidade a
grandeza dun pobo libre que apelida irmáns a todos os pobos..
Viva a República federal!
Pacto federal galaico-asturiano. A Coruña, 18-7-1869 [cast.]
61. Fragmentación política durante o reinado de Amadeo I
A monarquía de Amadeo I, rexeitada pola aristocracia, a Igrexa e as masas populares, contou
tamén coa oposición sistemática de carlistas, afonsinos e republicanos, polo que acabou por
romperse a coalición de partidos que formaban o Goberno, situación que provocou a
abdicación do monarca.
Hai cinco partidos principais: o absolutista, o moderado, o conservador, o radical e o republicano.
O absolutista divídese en dous: carlistas puros e carlistas disidentes. O partido moderado tamén en
dous: un que prefire a Sabela II, e outro ao príncipe Afonso. O partido conservador, en catro: os
incondicionais de Cánovas del Castillo; os antigos montpensieristas, capitaneados por Ríos Rosas;
os fronteirizos, que teñen como xefe ao xeneral Serrano; os progresistas históricos, que seguen a
Sagasta. O partido radical, en catro: os progresistas demócratas, que teñen por xefe a Ruiz Zorrilla;
os cimbrios, a Martos; os demócratas, a Rivero; os economistas a don Antonio Gabriel Rodríguez.
O partido republicano, en tres: os unitarios, dirixidos por García Ruiz; os federais, por Figueras, e
os socialistas, por Fernando Garrido. Pero os socialistas, á súa vez, fracciónanse en dúas
tendencias, segundo se pronuncien a favor ou en contra da Internacional. Total, dezaseis partidos.
Que se subdividen nos seguintes termos: Martos tende a constituír un partido incondicional;
Candau, outro; Moret, un terceiro partido; Ríos Rosas, Pi i Margall e Castelar pensan tamén en
crearse un partido á súa persoal medida. Entre os xa organizados e os que se encontran en período
de formación, contamos vintedous partidos, aos que hai que engadir: os amigos de don Amadeo; os
adictos a dona María Vitoria, que queren facer a cambadela a don Amadeo; os adeptos da
monarquía de Espartero; os que prefiren aínda a de Montpensier; os republicanos, a condición de
que a illa de Cuba non sexa abandonada; os que, pola contra, se inclinan a que España lla ceda ou
allee; os que pensan aínda no príncipe de Hohenzollern; os que acarician a unión con Portugal... En
suma, trinta partidos, que serían aínda máis de apurar a análise dos grupos (...).
Sagasta apóiase nos unionistas; Ruiz Zorilla, nos republicanos; Serrano quizá estivese disposto a
apoiarse nos moderados, e os moderados, se chegase o caso, se aliarían cos absolutistas, os cales,
entre tanto, danse a man cos republicanos, quen á súa vez se unen con parte dos radicais para
derribar ao Ministerio Sagasta, demasiado conservador a xuízo dos progresistas demócratas e
demasiado liberal en opinión dos unionistas, que teñen medo aos federais que, por outra parte,
desconfían dos radicais, sempre vacilantes entre os demócratas e os sagastinos”.
Edmundo de AMICIS. España, viaxe durante o reinado de don Amadeo I. 1873 [cast.]
62. Bases para a proclamación da República federal española
No reinado de Amadeo de Saboia (1871-1873) a inestabilidade política foi moi grande. O apoio
ao novo monarca era escaso e a oposición dos republicanos moi intensa, tratando de conseguir
o apoio popular e proclamar a república federal.
O primeiro acto revolucionario deberá ser a proclamación da República democrática federal, como
forma definitiva de goberno (...). Cada pobo constituirá o seu Consello local federativo, cada
provincia o seu Consello federal; as provincias de cada un dos antigos reinos, unha vez entendidas, o
seu Consello cantonal e os cantóns, en virtude dos pactos que conveñan (...) o Consello da
Federación. Todos os consellos acordan e funcionan con facultades autónomas, independentes e
soberanas dentro dos límites da súa respectiva xurisdición (...).
O poder lexislativo é exercido pola Asemblea federal (...), o poder executivo reside no Consello da
Federación ou no goberno que a Asemblea nomee (...).
Conservar, por agora, a división territorial de provincias e formar os cantóns federais (...) con
aquelas que antigamente estaban unidas por as súas condicións naturais e igualdade de intereses para
evitar as profundas alteracións dunha nova división territorial nos días da revolución. A saber: as
provincias das dúas Castelas, un cantón federal; as de Andalucía, outro; as de Valencia, outro; outro
as de Aragón; as de Navarra e provincias Vascongadas, outro; outro as de Asturias e Galicia; as de
Estremadura e as ultramarinas, outro; e por este orden as demais, coas alteracións, agregacións ou
disgregacións que os pobos e provincias acorden.
CONSELLO PROVISIONAL DA FEDERACIÓN ESPAÑOLA. Manifesto. Madrid, 11-1872. [cast.]
63. A proclamación da Primeira República
Despois da renuncia de Amadeo I, as Cortes, maioritariamente monárquicas pero sen
alternativas, proclamaron a República. Os republicanos representaban a unha minoría social e
entre eles había grandes diferenzas sobre o modelo de república.
Señores deputados: o partido republicano reivindica a gloria de ter acabado coa monarquía; non
vos botedes en cara a responsabilidade deste momento supremo. Non; ninguén a matou. Eu, que
tanto contribuín a que chegase este momento supremo, debo dicir que non sinto, non, na miña
conciencia, mérito algún de ter acabado coa monarquía. A monarquía morreu sen que ninguén,
absolutamente ninguén, contribuíra con iso, máis que a Providencia. Señores: con Fernando VII
morreu a monarquía tradicional; coa fuga de Sabela II, a monarquía parlamentaria, e coa renuncia
de Amadeo, a monarquía democrática. Ninguén, ninguén acabou con ela. Morreu por si mesma.
Ninguén trae a República; tráena as circunstancias; tráena unha conspiración da sociedade, da
natureza, da historia. Señores: saudémola, como o sol que se levanta pola súa propia forza no ceo
da nosa patria.
Emilio CASTELAR. Discurso [no Congreso]. 11-2-1873 [cast.]
64. A Federación española
Nos seus comezos, o republicanismo español foi federal, considerando que España nunca
constituíra no pasado unha unidade política compacta e homoxénea, senón que estaba
composta por entidades menores con diferentes linguas, costumes e intereses unidas polo
vínculo de ter un mesmo goberno. Seguindo as argumentacións do seu principal ideólogo, Pi i
Margall, a solución para manter a unidade de España e de recoñecer o dereito á autonomía
política das diversas partes que a compoñían, era o establecemento da república federal.
Sabedes que é a Federación? A solución do gran problema político do século (...). Ou son
autónomos o pobo e a provincia ou non son tampouco nin o individuo nin a nación. Se a nación é
autónoma, é necesario que tamén o sexan todas as colectividades sociais, todas as agrupacións
naturais; é dicir, o municipio e a provincia. (...)
Nosoutros, polo noso sistema, recoñecemos autónomas todas as rexións da Península; autónomas
política, administrativa e economicamente. Poderá cada unha, polo noso sistema, darse a
Constitución que estime máis conveniente: terá o seu Goberno, as súas Cortes, os seus tribunais, a
súa milicia, a súa administración, a súa Facenda e entenderá de forma exclusiva canto corresponda
a súa vida interior. Fará, se quere, oficial o emprego da súa lingua no seu territorio, corrixirá ou
derrogará antigas leis, ditará as que considere esixidas pola razón e a xustiza e poderá codificalas
libremente. Gozará, nunha palabra, de todas as atribucións que non sexan expresamente conferidos
aos poderes federais. (...)
No noso sistema (...) cada rexión é un Estado dentro do Estado, pero sen que mutuamente se
invadan nin padeza ningún dos dous. Sistema máis racional, máis acomodado á natureza, máis
flexible, máis apto para unir ás nacións de toda a terra, non o concibiu ningún talento político.
Adoptárono os traballadores cando quixeron organizarse internacionalmente e a el van incluso os
que soñan coa total abolición do Estado.
Francisco PI I MARGALL. Leccións de controversia federalista e artigos doutrinais. 1906 [cast.]
65. O Cantón de Cartaxena
Os federais intransixentes ou cantonalistas defenderon que a federación debía facerse desde
abaixo, mediante a proclamación de unidades políticas inferiores, os Estados ou Cantóns,
rexeitando así o Proxecto federal que defendían os gradualistas. Este movemento cantonalista
foi importante en 1873 en Levante e Andalucía, destacando o Cantón de Cartaxena.
Cartaxeneiros: os que pola vontade da maioría do pobo republicano desta localidade temos
constituído a Xunta de Saúde Pública da mesma, temos o deber imprescindible de facer unha
declaración (...). Proclamada como forma de goberno para España a República federal, o pobo
republicano (...) reclamaba que se organizase a Federación, establecendo inmediatamente a división
rexional dos cantóns (...), pero o pobo non ve nin no Goberno nin na Cámara constituínte unha
predisposición para a inmediata execución das reformas (...). Esta Xunta levántase en armas porque
cre que está en perigo a santa causa da República federal (...).
Aquí non hai verdugos nin vítimas, opresores nin oprimidos, senón irmáns prontos a sacrificarse
pola liberdade e a felicidade dos seus concidadáns.
Viva a República Federal! Viva a soberanía do pobo!
XUNTA REVOLUCIONARIA DE CARTAXENA. Proclama. 12-7-1873 [cast.]
66. A defensa da unidade da patria polos republicanos unitarios
Durante a Primeira República (1873-1874) as fortes diferenzas entre os republicanos federais
sobre a organización política e o levantamento cantonalista, provocaron unha forte
inestabilidade política e social, aproveitada polos republicanos unitarios, apoiados polos
militares, para restablecer a orde e a autoridade.
O partido progresista -democrático e o partido republicano unitario, agrupados hoxe pola forza dos
feitos, a atracción das ideas e polos altos sentimentos patrióticos nun solo partido político, teñen a
honra de dirixir a súa voz ao país (...).
Proclamamos a unidade da patria por deber e por interese social; e como lóxica consecuencia desta
unidade, a unidade lexislativa e gobernante e a representación do goberno en todas as provincias por
axentes que dependan tan só do poder central (...).
Se os homes do noso partido defenderon sempre a descentralización económico -administrativa; se
desexaron que as provincias e os municipios teñan vida propia e sexan como grandes personalidades
xurídicas na plenitude dos seus dereitos civís, xamais defenderon, e hoxe menos que nunca
defenderían, o fraccionamento da unidade política.
Un poder lexislativo único ha de dar as leis; un goberno único ha de aplicalas, e todos, individuos e
corporacións, han de estar suxeitos a estas leis; e cando lonxe de ser opresivas son eminentemente
liberais, cando inspirándose o lexislador no espírito moderno recoñece os máis amplos dereitos que en
país algún se teñan recoñecido, opoñer autonomías cantonais á vontade suprema da nación, non é
solo romper sacrílegamente en anacos a patria, que cen séculos de loitas, dores e glorias conseguiron
crear, senón que é poñer en tela de xuízo as máis prezadas conquistas democráticas.
PARTIDO REPUBLICANO-DEMOCRÁTICO. Manifesto. 28-10-1873 [cast.]