aquisgallaeciahistoria.files.wordpress.com  · web view2020. 3. 25. · comentario dunha paisaxe...

5
COMENTARIO DUNHA PAISAXE RURAL 1.- Tipo de documento e localización da paisaxe O documento que se proporciona mostra unha fotografía tradicional dunha paisaxe rural humanizada; é unha paisaxe de interior situada nunha área montañosa. No primeiro plano observamos un terreo con suaves pendentes con prados, cultivos e vivendas e nun segundo termo a zona de montaña propiamente dita con alturas modestas e cumes de non moita altura, ademais dun relevo erosionado que nos pode axudar a localizar a devandita paisaxe na zona norte de España, Galicia ou cornixa cantábrica. Trátase dun espazo natural que se veu modificado pola actividade do ser humano que se asentou e poboou o territorio, á vez que explotou os seus recursos; polo tanto a súa morfoloxía resulta da combinación dos trazos do medio natural coa actividade humana. 2.- Análise do medio natural O espazo sufreu un grao de humanización considerable, aínda que perviven extensas zonas en estado natural, visibles pola existencia de prados e pastos xunto a zonas de bosque e matorral especialmente nas áreas máis elevadas das montañas. Tal como se indicou anteriormente, é unha paisaxe de interior a certa altura, con ladeiras relativamente pronunciadas e vales que nacen nas zonas máis altas e surcan o espazo do primeiro termo de pendentes suaves. Un medio físico accidentado, con escasas superficies chairas e moita superficie montañosa. En canto as augas , non se aprecian ríos, pero si se deduce a súa existencia pola fendas que crean os seus vales. Son ríos con correntes rápidas derivadas da pendente, que se atopan cerca do seu nacemento, pola altitude á que nos encontramos. A paisaxe húmida, verde, e de montaña condúcenos a pensar nunha elevada precipitación polo que deben ser ríos caudalosos (de réxime pluvial ou pluvio-nival) que non sofren de sequía estival. Tamén se pode deducir a existencia de regatos e

Upload: others

Post on 29-Aug-2020

3 views

Category:

Documents


0 download

TRANSCRIPT

COMENTARIO DUNHA PAISAXE RURAL

1.- Tipo de documento e localización da paisaxe

O documento que se proporciona mostra unha fotografía tradicional dunha paisaxe rural humanizada; é unha paisaxe de interior situada nunha área montañosa. No primeiro plano observamos un terreo con suaves pendentes con prados, cultivos e vivendas e nun segundo termo a zona de montaña propiamente dita con alturas modestas e cumes de non moita altura, ademais dun relevo erosionado que nos pode axudar a localizar a devandita paisaxe na zona norte de España, Galicia ou cornixa cantábrica.

Trátase dun espazo natural que se veu modificado pola actividade do ser humano que se asentou e poboou o territorio, á vez que explotou os seus recursos; polo tanto a súa morfoloxía resulta da combinación dos trazos do medio natural coa actividade humana.

2.- Análise do medio natural

O espazo sufreu un grao de humanización considerable, aínda que perviven extensas zonas en estado natural, visibles pola existencia de prados e pastos xunto a zonas de bosque e matorral especialmente nas áreas máis elevadas das montañas.

Tal como se indicou anteriormente, é unha paisaxe de interior a certa altura, con ladeiras relativamente pronunciadas e vales que nacen nas zonas máis altas e surcan o espazo do primeiro termo de pendentes suaves. Un medio físico accidentado, con escasas superficies chairas e moita superficie montañosa.

En canto as augas, non se aprecian ríos, pero si se deduce a súa existencia pola fendas que crean os seus vales. Son ríos con correntes rápidas derivadas da pendente, que se atopan cerca do seu nacemento, pola altitude á que nos encontramos. A paisaxe húmida, verde, e de montaña condúcenos a pensar nunha elevada precipitación polo que deben ser ríos caudalosos (de réxime pluvial ou pluvio-nival) que non sofren de sequía estival. Tamén se pode deducir a existencia de regatos e regueiros ante a presenza de prados e pastos e debido á zona xeográfica na que se sitúa a paisaxe e o clima que lle corresponde.

O clima é oceánico, con temperaturas moderadas todo o ano, aínda que, neste caso, polo seu carácter montañoso, debe ter un inverno frío e posibles nevaradas. As precipitacións seguramente son moi abundantes e regulares, sen seca no verán.

A vexetación é de bosque caducifolio e é moi abundante entre os prados como podemos visualizar na fotografía; é unha vexetación -pódese presumir- de carballos, faias, castaños, aveleiras, xunto a vexetación higrófila ( buidueiros, salgueiros, freixos ou

ameneiros) propia das zonas húmidas. Esta vexetación vese substituida, nas zonas máis altas (así se constata da ilustración) por un sotobosque de landas (toxos e breixos).

En canto ao tipo de solo que se pode dar nesta paisaxe é máis complexo de precisar. O máis probable é atopar a terra parda húmida sobre solos silíceos para cultivos, pastos e plantas forraxeiras (remolacha, por exemplo). Tamén o solo tipo ránker nas pendentes só apto para prados e bosques e mesmo a terra parda calcaria, para cultivos, millo e prados (observamos o gran espazo que ocupan nesta paisaxe). Cómpre salientar que a terra parda húmida ten un alto grao de acidez que é necesario corrixir con enmendas (calizas) co obxecto de rebaixala.

3.- Análise dos elementos humanos visibles

Estamos ante un poboamento e hábitat totalmente disperso, típico de Galicia e montaña cantábrica, formado por vivendas diseminadas e illadas no campo con terrádegos arredor para a explotación agraria. As casas (hábitat) seguen - polo que escasamente se pode apreciar na fotografía- o modelo tradicional: casas bloque feitas de pedra,con grandes ventás para aproveitar o sol, pórticos e tellados inclinados. Na actualidade introducíronse tipos de casas diferentes ás tradicionais, de ladrillo e outros materiais ou segundas residencias o que demostra a gran transformación sufrida polo mundo rural co desenvolvemento das últimas décadas.

Existen camiños que comunican as vivendas dispersas, camiños que están asfaltados o que permite un mellor acceso. A pesar de todo, dedúcese pola topografía do relevo un certo illamento do territorio, limitado só en parte por esas infraestruturas de camiños que se acaban de mencionar.

No espazo agrario traballado destacan varios elementos, visibles na ilustración da paisaxe que se analiza. Observando o tamaño das explotacións, a estrutura da propiedade caracterízase por un claro minifundismo con parcelas pequenas e irregulares. Existe en xeral unha separación física entre esas parcelas, a veces con muros e outras veces con vexetación (sebes) polo que estamos ante campos pechados ou bocage.

Os usos do solo son principalmente gandeiros, co predominio absoluto de prados típicos do clima oceánico, onde se desenvolve unha tradicional gandería vacuna de aptitude cárnica e tradición láctea, hoxe moi vinculada ao mercado urbano. Nas terras máis ricas dos vales é moi posible que exista unha agricultura de cultivos típicos da zona como millo, patata e plantas forraxeiras para o gando; ata hai pouco tempo era frecuente o policultivo para o autoconsumo e algo aínda pervive. É unha agricultura pouco produtiva, extensiva, e con escasa mecanización, limitada polo relevo montañoso e o reducido das parcelas que non compensa a introducción de maquinaria e modernización agraria. A explotación forestal, dedúcese das plantacións de eucaliptos visibles entre o bosque atlántico e que tanto proliferou nas últimas décadas. O eucalipto e os piñeiros son especies non autóctonas que empobrecen o solo, pero o seu rápido crecemento permite un óptimo aproveitamento económico (madeira, moble, celulosa); pola contra o bosque tradicional de carballos e faias foi desaparecendo.

Por último, semella que non existen outros usos do solo máis alá dos agrogandeiros, debido ao feito de ser unha zona montañosa e de certo illamento. En todo caso, na imaxe podemos observar casas das que poden ser algunhas delas segundas residencias. Non se observan instalacións industriais ou recreativas nesta paisaxe.

4.- Problemática do espazo rural

O innegable illamento que crea o marco físico montañoso, lévanos a pensar que na zona se dan problemas de envellecemento e desopobación (problemas demográficos).Por outro lado pódese deducir a problemática económica: apreciase demasiada dependencia dunha agricultura caracterizada por non ser moi competitiva, con escasa modernización, con falta de rendibilidade e pouca diversificación do espazo rural volcado no sector lácteo ou cárnico.

Precisamente a gandería bovina de leite e carne atopouse con numerosos problemas debido á influencia da PAC, posto que ambos produtos son excedentarios en Europa e os cupos limitaron moito a produción ata a actualidade que desapareceu o sistema de taxas. A UE promocionou as granxas intensivas estabuladas e a redución da produción que fixo moito dano á gandería tradicional.

Este espazo concreto amosado, ao igual que a inmensa parte das áreas rurais, carecen de infrastruturas e de equipamento ou dispoñen delas en menor grao que as áreas urbanas; as carencias cífranse no ámbito educativo, sanitario ou, mesmo, na recollida de lixo. (problemas sociais).

Pola contra, a zona pode gozar dunha boa situación medioambiental: a vexetación natural pervive e protexe os solo da erosión, a aridez non existe pola existencia dun clima húmido e

unha agricultura tradicional que non debería empregar moita cantidade de pesticidas ou fertilizantes evitando así riscos de contaminación (cuestións medioambientais).

O futuro desta zona pasaría polo aumento da natalidade, por evitar que se baleire o espazo, por formar á man de obra xove para o mellor aproveitamento económico ou por modernizar infraestruturas de transporte e comunicación favorecendo o ancho de banda. Igualmente sería óptimo a diversificación da actividade económica e fomentar a plurifucionalidade do campo con actividades non só agrarias senón medioambientais e paisaxísticas a través do turismo rural e natural (casas rurais, agroturismo, deportes, sendeirismo, talleres artesanais de produtos locais, etc). Neste sentido, A PAC leva consigo axudas e subvencións ademais de mellorar as explotacións económicas, facelas viables e adaptadas ás necesidades dun mercado cambiante e cada vez máis esixente que demanda produtos saudables e que quere unha actividade económica respetuosa co medio ambiente.

NOTA: DEBEDES PÓR EN RELACIÓN OS COÑECEMENTOS QUE TEDES DA MATERIA E DE TODO O QUE XA ESTÁ APRENDIDO, RAZOADE E PENSADE BEN; UNHA BOA PARTE DO COMENTARIO DEDÚCESE APLICANDO O QUE SE COÑECE.

PRÁCTICOS DE XEOGRAFÍA (ANÁLISE DUNHA PAISAXE RURAL-AGRARIA)

· Realiza os comentarios das paisaxes rurais que se facilitan.

· Seguide o modelo de comentario que vos proporcionei neste blog e os apuntes das paisaxes agrarias. Debedes adaptar cada comentario á teoría, razoando ben e empregando todas as nocións que xa tedes da materia (non copiedes literalmente, analizade ben, detédevos bastante en observar as fotografías e pensar).

· Enviade os comentarios por correo electrónico: [email protected] ou a [email protected] (este último tende a colapsarse, é mellor o primeiro).

· Procurade envialos no prazo dunha semana (ata o día 3 de abril), podedes escribilo a man e escanear ou a opción que mellor vos resulte.

FIGURA 1

Atendendo á ilustración que se proporciona, indique ou comente razoadamente:

a) Tipo de documento debidamente analizado.

b) As distintas variables xeográficas para a correcta comprensión do medio: elementos físicos e naturais que definen a paisaxe; o tipo de poboamento, a estrutura da propiedade e os usos do solo.

c) Os principais problemas que se poden derivar desta paisaxe rural e o aporte dalgunhas solucións de conxunto que se están a aplicar na actualidade para revitalizar estas zonas.

FIGURA 2. PAISAXE DE CASTELA e LEÓN, BURGOS (CASTRILLO DE MATAJUDÍOS)

(segue as mesmas pautas de comentario que no anterior práctico)